"O GOBERNO EN FUNCIÓNS CONTEMPLA ESCRUPULOSAMENTE O COMPORTAMENTO PROPIO DUN EXECUTIVO NESTE PERÍODO", SEGUNDO MÉNDEZ ROMEU
O conselleiro de Presidencia en funcións referiuse á situación na que se atopa Agustín Hernández, que "está “flagrantemente incursa na Lei de Incompatibilidades de 1996, é dicir, aprobada polo Executivo anterior".
Hoxe tivo lugar a segunda sesión de traballo da comisión mixta entre representantes da Administración entrante e da actual
VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza en funcións, José Luis Méndez Romeu, sinalou hoxe tras a segunda xuntanza de traspaso de poderes que o actual Executivo, “a diferencia do Goberno anterior da Xunta”, observou escrupulosamente durante estas semanas o comportamento propio dun goberno en período de funcións. Así, segundo dixo, só levou a cabo a aprobación de asuntos ordinarios, inaprazables ou prefigurados na Lei de Orzamentos para este ano.
Méndez Romeu explicou que na sesión de traballo da comisión mixta entre representantes da Administración entrante e da actual fixéronselles aos primeiros algunhas precisións, como a relativa aos procedementos de adxudicación, sobre a que se lles reiterou que o Goberno en funcións tense limitado á aprobación de expedientes ordinarios que non comprometen exercicios futuros ou que son consecuencia de actuacións iniciadas antes da celebración das eleccións.
“É importante precisalo porque vinos asistindo durante pasadas datas a unhas declaracións verdadeiramente pouco fundamentadas e ademais moi sorprendentes –considerou-. Que quen adxudicou obras durante o período en funcións literalmente ata a véspera da toma de posesión do actual presidente reclame agora comportamento exemplar a un Goberno que está cumprindo escrupulosamente o ordenamento xurídico vixente non deixa de ser escandaloso.”
Lei de Incompatibilidades
Ademais, referiuse á situación na que se atopa Agustín Hernández, da que dixo que está “flagrantemente incursa” na Lei de Incompatibilidades de 1996 -é dicir, aprobada polo goberno anterior- que estipula taxativamente que en ningún caso os altos cargos poderán pasar antes de dous anos de rematar as súas funcións a empresas coas que teñan asinado contratos.
“Cando isto, que figura vixente no ordenamento xurídico galego dende hai 13 anos, é descoñecido polo presidente en trámite da Xunta de Galicia ou por quen fora o seu subordinado e agora o seu enviado, debemos de lembrar que as normas están para ser cumpridas e que a incompatibilidade non é só unha cuestión ética senón tamén legal, clara e indeclinablemente obrigatoria”, manifestou o mandatario.
Na súa opinión, no referido á lexislación de incompatibilidades, en altos cargos “nunca cabe a escusa de descoñecer a norma”, xa que están obrigados a saber delas e contan con asesores. “Por tanto, agardamos que o futuro presidente sexa quen de coñecer a normativa de incompatibilidades, aplicala con rigor e dar un exemplo de ética e de transparencia”, afirmou.
Sesión de traballo
Na sesión de traballo, que definiu como “cordial e chea de documentación”, entregóuselles aos representantes do próximo Executivo un conxunto de informes e documentación que foran solicitados na reunión anterior, sen prexuízo de que nos próximos días se poida ampliar algún extremo concreto.
Méndez Romeu explicou que o obxectivo da xuntanza era rematar os seus labores antes do debate de investidura que comeza o vindeiro martes, se ben de resultar necesario, en función da documentación que xa foi entregada, celebraranse xuntanzas ou contactos directos dende hoxe ata entón.
“Todos imos estar dispoñibles estes días precisamente para levar adiante esta tarefa onde nos interesa que o novo Goberno dispoña da información necesaria que lle permita adoptar decisións de xeito correcto e suficientemente documentado”, concluíu.