Dende o ano 2005 o número de proxectos presentados ante o Ministerio por agrupacións de empresas galegas pasaron de 13 a 48
O BNG EXÍSELLE AO GOBERNO QUE AXILICE A RESOLUCIÓN DAS SOLICITUDES AXUDAS PARA I+D PRESENTADAS POR EMPRESAS GALEGAS
En resposta ao senador Xosé Manuel Pérez Bouza, o Goberno recoñece que na última reunión do CDTI, dos 66 repartidos e 135 proxectos aprobados, só 2, por importe de 428.000 euros, foron galegos
VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- O senador do BNG por designación autonómica, Xosé Manuel Pérez Bouza, demándalle ao Ministerio de Ciencia e Innovación que axilice a resolución das axudas para proxectos de I+D presentadas por agrupacións de empresas galegas ante o Centro para el Desarrollo Tecnológico e Industrial (CDTI).
Pérez Bouza subliña que mostra deste atraso do Ministerio na valoración dos proxectos presentados é que na última reunión do CDTI, celebrada o 8 de outubro do pasado ano, dos 135 proxectos aprobados, só 2 corresponderon a Galiza e dos máis de 66 millóns de euros repartidos en axudas o noso país só percibiu 428.021 €.
Así se recolle nunha recente resposta do Goberno a unha iniciativa do senador do BNG.
As agrupacións de empresas galegas presentaron 48 proxectos o pasado ano
Pérez Bouza lembra que as empresas galegas presentaron o pasado ano 48 solicitudes de axuda ante o CDTI, pero a maior parte non foron aínda valoradas por este organismo dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación. En total, as agrupacións de empresas galegas solicitan axudas por un importe superior aos 11 millóns de euros para proxectos que teñen un orzamento de máis de 60 millóns de euros.
A evolución destas solicitudes de axudas foi moi positiva nos últimos anos. Se no 2005 as agrupacións de empresas galegas só presentaron 13 proxectos perante o CDTI, no 2008 a cifra elevouse a 48. No que vai de 2009 xa se presentaron 19 proxectos.
“Sería inxustificábel que as empresas galegas perderan estes fondos por falta de axilidade do CDTI na valoración”
Xosé Manuel Pérez Bouza advirte de que “sería inxustificábel que as empresas galegas perderan estes fondos por falta de axilidade do CDTI na valoración”.
O senador nacionalista considera que os atrasos da administración central nas axudas que a UE destina ao Estado español para apoiar a I+D “da aínda máis razóns á demanda do BNG de que se territorialice e se transfira o fondo tecnolóxico europeo ás Comunidades Autónomas, para que o noso tecido empresarial non se sexa marxinado”.