07 abril 2009

Salvaterra : polémica por las adjudicaciones de las obras del "Plan ZP"

O portavoz municipal do BNG critica a falta de sensibilidade por parte do goberno local do PP e a súa carencia de políticas de emprego
O BNG denuncia que as empresas de Salvaterra son as máis prexudicadas pola adxudicación das obras do Fondo Estatal

SALVATERRA do MIÑO (MORRAZO-tribuna) .- O portavoz do BNG no Concello de Salvaterra, Gabriel Martínez, critica que as empresas deste municipio sexan as más prexudicadas polas adxudicacións das obras financiadas con cargo ao Fondo Estatal de Investimento Local. “O goberno municipal ten unha total falla de sensibilidade e carece de políticas de emprego para potenciar a creación de postos de traballo no noso concello”, asegura o nacionalista.

“O PP en Salvaterra non é consciente de que no momento actual de grave crise económica é preciso dinamizar o emprego desde o propio Concello”, salienta Gabriel Martínez, quen asegura que o goberno municipal “carece de calquera tipo de política de emprego”. Neste sentido, lembra que precisamente para acadar este obxectivo foi creado o Plan do Fondo Estatal de Investimento Local e sinala que noutros concellos nos pregos de condicións da convocatoria se establecía este requisito, “que permite que as empresas da localidade e os traballadores e traballadoras teñan preferencia”.

O portavoz municipal do BNG de Salvaterra explica que a Xunta de Goberno Local vén de aprobar a adxudicación de seis obras de saneamento de núcleos de poboación da vertente do río Tea. Por unha banda, trátase de dúas obras aprobadas mediante o procedemento negociado con publicidade e adxudicadas á empresa “Obras y construcciones Dios, SA”, de Vigo e que contan cun orzamento global de 907.723 euros. Por outra banda, foron adxudicadas por procedemento directo catro obras, que contan cun investimento total de 641.618 euros, ás empresas “Excavaciones y Construcciones Manuel Pérez Portela, SL”, do Baixo Miño, e a “Construcciones Vale, SL” de Salvaterra.

O BNG entende que as obras a realizar “deberían servir para potenciar as empresas de Salvaterra e así manter os postos de traballo existentes, e no mellor dos casos, crear outros novos”. Gabriel Martínez subliña que deste xeito “as actuacións contribuirían a paliar o forte momento de crise que estamos a sufrir”. “Lamentamos que non se teñan tido en conta outras empresas do noso Concello”, sinala o responsable nacionalista.