Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-A Comisión Mixta (Congreso-Senado) para o Estudo do Problema das Drogas aprobou esta tarde por unanimidade, e grazas á iniciativa da deputada do BNG, Olaia Fernández Davila, instar ao Goberno a adoptar as medidas de actuación precisas que permitan a xestión e destino dos bens intervidos ao narcotráfico antes das sentenzas xudiciais.
O acordo aprobado sinala que deste xeito se evita a perda de valor “que se produciría se se demora a súa venda até a integración no Fondo de Bens Decomisados por Tráfico ilícito de Drogas e mellorar así o cumprimento previsto na Lei 17/2003 que regula dito Fondo”.
A Comisión Mixta Congreso-Senado debatía esta tarde unha proposición non de lei da deputada do BNG, Olaia Fernández Davila, que tiña por fundamento a axilización dos bens e propiedades confiscados ao narcotráfico mentras non se produce a sentenza xudicial. En aras á unanimidade, a parlamentar nacionalista aceitou transaccionar o acordo mencionado co grupo socialista.
Resolver a situación mentras non hai sentenza xudicial
Na súa intervención na Comisión, Davila subliñou que a loita contra o narcotráfico na Galiza que partiu coa Operación Nécora a inicios dos anos 90, supuxo a confiscación de moitos bens como luxosos pazos, mansións, barcos e modernas planeadoras que “permanecen nun estado de abandono ante a saturación ou falla de decisión dos xulgados”.
“Uns bens que se adquiriron con cartos procedentes do narcotráfico e que debería revertir socialmente nas persoas con drogodependencias. Debería destinarse á loita contra os efectos da droga como compensación polas súas nefastas consecuencias”, afirmou a deputada do BNG.
A parlamentar nacionalista afirmou que “é certo que coa Lei de Drogas de 2003 se creou un Fondo de bens decomisados e unha vez que as sentenzas son firmes pasan a ser xestionados”. Pero, subliñou, “falamos do que pasa cos bens incautados mentras non se produce un pronunciamento xudicial. Se trata de que os xuices poidan seguer a mesma tramitación e o mesmo curso que cando existe sentenza xudicial”. Neste sentido, son moitos os fiscais e xuristas especializados que consideran que a incautación e a xestión dos patrimonios confiscados ao narcotráfico adoecen de moitos problemas nesas fases previas”.