15 julio 2009

Sector lácteo : el Bloque exige que el Estado ponga el dinero en la mesa como hizo con el automóvil

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, pide a Alberto Núñez Feijóo que “exerza as súas competencias, que as ten, e procure solucións xa para o sector lácteo”.

En declaracións á web do BNG, www.bng-galiza.org, o líder nacionalista repróchalle ao presidente da Xunta que se limite a solidaridarizarse cos gandeiros.

“Non basta con solidarizarse e, a continuación, finxir que non se ten competencias nesta materia. O Goberno galego tenas e debe exercelas. Iso é o que demandamos ao señor Núñez Feijóo. Que poña propostas sobre a mesa”, afirma o portavoz nacional, quen insta á Xunta de Galiza a que “conceda axudas directas aos produtores que cubran as perdas de todo este tempo en que os prezos do leite se teñen fixado por debaixo dos custos de produción”.

“O presidente da Xunta non pode actuar como un espectador dos problemas do sector lácteo. Ten competencias e debe exercelas”, remarca Guillerme Vázquez.

Sobre o goberno do Estado, o líder nacionalista tamén se mostra crítico. “A ministra Elena Espinosa limítase a dicir que as axudas directas son ilegais. Ben, o que hoxe é ilegal con vontade política pode deixar de selo, como se acaba de demostrar noutros sectores económicos que si teñen recibido importantísimas axudas públicas”, di Guillerme Vázquez, en relación ao sector bancario ou do automóbil.

“Abonda xa de inacción e de parálise. A situación do sector lácteo é de emerxencia nacional. Os gobernos galego e do Estado deben discutir o marco en que está inserido o sector lácteo na UE. Deben pelexar para que se diminúan as cotas aos Estados excedentarios e se incrementen as dos Estados deficitarios, o español entre eles”, alega o portavoz nacional.

Demanda unha “intervención pública decidida” quer da Xunta de Galiza quer do Estado quer da UE para o sector lácteo vir a remontar a crise.

“Hai que garantir a recolla do leite e regular prezos que cubran os custos de produción”, indica.

SI HAI SOLUCIÓNS

Si que hai solucións e mesmo están avaladas polo Congreso dos Deputados, cos votos favorábeis de PP e PSOE a senllas iniciativas do Bloque Nacionalista Galego (moción aprobada o 21 de Abril e proposta de resolución votada en Maio após o debate de política xeral).

“Esas iniciativas contemplan medidas que contribuirían para mellorar significativamente a situación. Simplesmente hai que cumprilas. E aí a responsabilidade é do Goberno do Estado”, conclúe Guillerme Vázquez.