09 septiembre 2009

Actos do Día Internacional
contra a Explotación Sexual

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A Secretaría Xeral da Igualdade presenta hoxe, a través da súa páxina web, a programación dos actos organizados para a conmemoración do 23 de setembro, Día Internacional contra a Explotación Sexual e a Trata. Con esta iniciativa, o Goberno galego pretende sensibilizar e denunciar a situación de violencia e escravitude que están a vivir moitas persoas no mundo.

Deste xeito, e para facer visible esta grave problemática social, a Secretaría Xeral da Igualdade organizará unha xornada de análise e estudo sobre a casuística da explotación sexual e a trata de persoas. Ademais, en colaboración con Médicos do Mundo Galicia, inaugurará a exposición “Mulleres de Vida Alegre?”.

Estes actos enmárcanse nas medidas que se desenvolven desde a Xunta de Galicia para erradicar todo tipo de violencia contra as mulleres, xa que son fundamentalmente mulleres e nenas as que sofren situacións de explotación sexual e trata.

Xornada contra a Explotación Sexual e a Trata
Na Xornada contra a explotación sexual e a trata participará o fiscal xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a secretaria xeral da Igualdade, ademais doutros membros do goberno galego. Durante a xornada proxectarase o documental “Voces contra la trata” dirixido por Mabel Lozano. A directora do documental participará nun coloquio coas persoas asistentes, unha vez rematada a proxección. Finalmente, desenvolverase unha mesa redonda na que participarán representantes de ONGs que traballan con vítimas de explotación sexual e trata, e a fiscal da Adscrición Permanente de Vigo da Fiscalía da Audiencia Provincial de Pontevedra.
A xornada terá lugar o día 23 de setembro ás 10,30 horas da mañá no hotel NH Obradoiro de Santiago de Compostela. As inscricións para a asistencia están abertas desde hoxe, podendo atoparse máis información na web da Secretaría Xeral da Igualdade.

Exposición ¿Mulleres de Vida Alegre?
Así mesmo, o día 21 de setembro inaugurarase a exposición “Mulleres de Vida Alegre?”, cedida temporalmente á Secretaría Xeral da Igualdade por Médicos do Mundo Galicia. Esta exposición, que estará no centro comercial Área Central até o día 30 de setembro, amosa a situación á que se viron expostas mulleres prostituídas e busca unha reflexión sobre a vida das persoas que exercen a prostitución.

Explotación Sexual e a Trata
A trata de seres humanos con fin de explotación é unha gravísima violación dos dereitos humanos. Esta variante contemporánea da escravitude é unha manifestación máis da violencia de xénero.
Segundo a Organización Internacional do Traballo, a trata afecta cada ano a unhas 2.500.000 persoas, especialmente a mulleres e nenas. A trata está considerada como un negocio transnacional que xera uns 7.000 millóns de dólares anuais, situándose no terceiro lugar entre os negocios ilícitos máis lucrativos, despois do tráfico de drogas e de armas.
En Galicia, non hai datos definitivos, pero calcúlase que un 90% das mulleres prostituídas son inmigrantes, a maioría das cales están en situación administrativa irregular. Proceden principalmente de América Latina, Europa Oriental e África.
A Secretaría Xeral da Igualdade quere dar a coñecer á cidadanía este grave problema, así como recoñecer o importante labor que están a desempeñar distintas ONGs en Galicia na axuda ás vítimas.