09 septiembre 2009

La Xunta presenta sus líneas maestras de la política educativa

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Vázquez Abad, expuxo no Parlamento as liñas básicas a seguir para o ensino non universitario no curso 2009-10, que comeza este xoves. Vázquez Abad lembrou que a Consellería iniciou hai uns meses o seu traballo co reto de conseguir unha educación de calidade que complemente a transmisión de aptitudes técnicas e laborais cunha formación en valores democráticos e culturais.

Por isto, as liñas xerais a conseguir serán a revalorización do esforzo e a esixencia, a mellora da cualificación, a integración e a aprendizaxe das linguas como fórmula para favorecer a comunicación na Sociedade do Coñecemento. O conselleiro sinalou que este proceso debe ir vinculado a unha verdadeira cultura da avaliación e a diferentes medidas de atención á diversidade e, neste sentido, apuntou que neste mesmo curso se introducirán as aulas de atención educativa e convivencia para o alumnado con conduta disruptiva.

Outra prioridade para a Consellería será o ensino plurilingüe, e como mostra, o programa de aulas trilingües experimentará un incremento do 37,5 por cento referido aos centros e do 72 por centro se falamos de seccións. Tamén se apostará pola iniciación nas Tecnoloxías da Información e da Comunicación e, para iso, a Consellería presentará en breve un proxecto propio de aproveitamento das TIC que estea adecuado ás necesidades reais de Galicia.

Currículo de Educación infantil e Impulso da FP
Vázquez Abad lembrou que este goberno aprobou en tempo record o currículo de Educación Infantil, paralizado dous anos polos conflitos internos do Bipartito, e que regulará a implantación, desenvolvemento e avaliación do segundo ciclo desta importante etapa formativa.

A Formación Profesional tamén será unha prioridade para esta Consellería xa que na actual situación de crise non se entende a pouca estima que hai cara ela. Elaborarase unha norma básica para desenvolver a Lei de Cualificación de FP, practicamente paralizada polo Bipartito e pola administración Central durante máis de cinco anos.
Tamén se dotará á Comunidade dun verdadeiro sistema de Información e Orientación Profesional para facilitar que os estudantes coñezan as mellores oportunidades de formación e emprego dispoñibles ao tempo que se reforzará á rede de centros de integrados de FP e se revisará a oferta formativa para adaptala ás necesidades reais de Galicia.


Libros de texto
O Conselleiro de Educación lembrou que este será o primeiro ano no que haxa de xeito real gratuidade nos libros de texto en Galicia, cun sistema máis xusto e solidario que permite que a Administración centre os seus esforzos nas familias máis necesitadas.

Este sistema, ademais de romper coa “falsa gratuidade” que supón o préstamo, axudará a aumentar o rendemento académico dos alumnos, que poderán empregar os libros como unha auténtica ferramenta de traballo axustándose mellor ás súas necesidades.

Vázquez Abad sinalou que incluso dirixentes do BNG se amosaron de acordo a finais da lexislatura pasada en retirar o modelo de préstamo polo dano que facía á edición en galego.

Despilfarros do Bipartito en autobombo
Vázquez Abad tamén denunciou a hipocrisía da Oposición nas súas críticas. Así, dixo sorprenderse ante a súa postura pola renovación dos concertos a centros de Educación Diferenciada cando o Bipartito mantivo e incluso aumentou as axudas a este tipo de centros. Así, houbo axudas de consellerías do Bloque e do PSOE á Escolas Familiares Agrarias (EFA) que ofrecen educación separada por sexo. Tamén dixo que incluso dirixentes socialistas teñen aos seus fillos matriculados en centros deste tipo.

O conselleiro de Educación acusou o Bipartito de dilapidar os cartos e provocar unha situación caótica nas finanzas educativas. Así, gastaron máis de 2 millóns de euros para comprar unhas 1.450 pizarras dixitais que quedaron arrinconadas nos centros. A este despilfarro uniuse o dos 49.000 euros que custou a súa acción de “Promoción e Fomento da utilización das pizarras dixitais nas aulas, a partir dunha demostración práctica”, que ficou inútil. Vázquez Abad lembrou así mesmo que a anterior Consellería gastou 16,1 millóns de euros (2.700 millóns de pesetas) en accións de autobombo, propaganda e convenios diversos.