24 septiembre 2009

Cambios en el Consello Galego de Medio Ambiente

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas aprobou hoxe no Consello da Xunta un proxecto de decreto polo que se modifica a composición do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible co fin de adaptalo á realidade institucional do goberno galego.

O Consello Galego de Medio Ambiente configúrase como un órgano consultivo de carácter colexiado da Administración pública galega, destinado a proporcionar un foro de debate e participación cidadá con respecto a aquelas iniciativas pertencentes ao eido ambiental.

Cómpre sinalar que a dita modificación afecta fundamentalmente a composición do Consello, cuxa presidencia será ocupada polo titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, que ademais da presidencia do pleno, deberá exercer a máis alta representación institucional do citado organismo, convocar as sesións ordinarias e extraordinarias e moderar os debates que se produzan no desenvolvemento destas.

Por outra parte, a vicepresidencia corresponderalle á persoa titular da Consellería do Medio Rural, que desempeñará as funcións atribuídas á presidencia nos casos de ausencia, enfermidade ou outro motivo lexítimo.

A secretaría será ocupada pola persoa titular da Subdirección Xeral de Coordinación Ambiental, que actuará con voz e sen voto. Ademais, desempeñará outras funcións como executar a convocatoria de sesións por orde de presidencia, citar os membros plenarios, recibir calquera notificación dos membros do Pleno, redactar e autorizar as actas das sesións e expedir certificacións das consultas ou informes aprobados.

A modificación do decreto tamén dita o nomeamento de 38 vogais, dos que 13 representan a Administración autonómica: titulares da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Secretaría Xeral de Familia e Benestar, Dirección Xeral de Conservación da Natureza, Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe, Dirección Xeral de Relacións Exteriores, Presidencia de Augas de Galicia, 6 representantes designados polas consellerías de Economía e Industria, Educación, Cultura e Turismo e Traballo e Benestar, Medio Rural e Mar. Os 25 restantes representan a sociedade civil, repartíndose do seguinte xeito: 3 dos sindicatos máis relevantes de Galicia, 3 da Confederación de Empresarios de Galicia, 4 de organizacións de carácter ambiental, 4 de entes sociais, 3 das universidades, 4 da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), 3 de organizacións agrarias e un da Federación Galega de Confrarías de Pescadores.

En conclusión, a necesidade e oportunidade da adaptación do Consello á realidade institucional da Xunta de Galicia resultan evidentes e adquiren un caracter preferente, tendo en conta o papel crucial que o Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible desempeña no ámbito de avaliación ambiental de determinados programas. Ademais, tamén establece criterios e indicadores a considerar en plans de ordenación do territorio e do litoral de Galicia.

O Consello Galego de Medio Ambiente celebrará a súa primeira xuntanza con esta nova composición o vindeiro mércores 21 de outubro.