24 septiembre 2009

Más mejoras para el camino francés a Compostela

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O director xeral de Patrimonio Cultural, José Manuel Rey Pichel, reuniuse hoxe na Consellería de Cultura e Turismo, con motivo do VI Encontro de Comunidades do Camiño de Santiago Francés, cos responsables e técnicos de Patrimonio e Turismo das Comunidades de Castilla y León, La Rioja, Navarra e Aragón. Os representantes de cada Comunidade Autónoma que conforman a estrutura do Camiño de Santiago Francés, debateron entre outras cuestións acerca do programa Hitos del Camino, da creación dunha peregrinación musical, da proposta dunha exposición itinerante ou o do desenvolvemento do programa Patrimonio Aberto.

Galicia, recentemente incorporada ao grupo de traballo, presentou os seus Hitos del Camino como 5 elementos de gran significación xacobea, que se aglutinan cos 21 restantes distribuídos en Aragón (4), Castilla y León (9), Navarra (5) e La Rioja (3). Estes Hitos del Camino como requirimento na súa incorporación á lista definitiva do grupo de Comunidades deben acreditar unha intervención no seu acondicionamento para o peregrino e cidadán que xa se realizara, estéase a realizar ou se realizará nun futuro próximo, así como un plus en 2010 que permita a súa visita guiada, un aberto por obras ou ben a promoción mediante vídeos ou paneis das restauracións relacionadas ao complexo co fin de homoxeneizar os servizos ofrecidos. Estas actividades serán escollidas por cada Comunidade Autónoma en cada un dos seus fitos do Camiño Francés de Santiago.

Os fitos do Camiño Francés de Santiago, incluíndo os fitos de Galicia, posuirán certos elementos comúns identitarios. O tótem ou sinalizador que se prevé situar a carón do monumento como claro símbolo de pertenza aos fitos do Camiño de Santiago Francés, eríxese como o elemento de maior interese. Este tótem estará constituído por unha sucesión de platinas de aceiro cortén mostrando no seu conxunto o desenrolo do Camiño Francés. Cada Comunidade Autónoma disporá tamén dun folleto cunha breve introdución sobre o programa e unha mostra das fotografías e información dos fitos seleccionados e un cartel exhibitorio na mesma liña que o folleto. Está previsto outorgar na chegada a Santiago un obsequio final reflexo dos valores patrimoniais e culturais dos fitos visitados por todos os peregrinos que selaran durante a súa viaxe un número determinado destes fitos no folleto informativo.

Fitos de Galicia
Galicia escolleu dentro do contorno da Ruta Xacobea como fitos do Camiño de Santiago Francés cinco bens patrimoniais de gran significación xacobea localizados nun entorno paisaxístico e etnográfico destacable. Todos eles, o núcleo do Cebreiro en Pedrafita (Lugo), o Mosteiro de Samos en Samos (Lugo), Vilar de Donas en Palas de Reis (Lugo), a Igrexa de Santa María de Leboreiro en Melide (A Coruña) e a Catedral de Santiago de Compostela, cumpren estritamente unha arraigada tradición xacobea e contan con intervencións previstas para 2009 mais o plus de actividades para 2010 polo que satisfán sobradamente os requisitos do grupo de traballo para os fitos do Camiño.

As actuacións patrimoniais que se requiriron ao longo dos encontros xa foron incoadas en Galicia. O núcleo do Cebreiro, lugar por onde o Camiño entra en Galicia e relacionado coa lenda do Santo Grial, foi recentemente rehabilitado e abrirá o museo das pallozas para o Xacobeo 2010. Nos locais e dependencias que xa posúe colocarase persoal dedicado á atención do peregrino. O Mosteiro de Samos, conxunto monástico que conxuga elementos dende prerrománicos ata neoclásicos foi tamén declarado ben de interese cultural e conta no seu entorno con bens de gran magnitude como a Capela do Ciprés, a Casa Grande de Lusío e o núcleo de San Cristovo do Real, todos eles foron rehabilitados nos últimos exercicios e contémplase para 2010 a posibilidade de que alberguen exposicións, concertos, actos culturais ou visitas. Vilar de Donas, antigo conxunto monástico declarado como ben de interese cultural, foi restaurado nos últimos anos e prevese para 2010 unha actuación sobre as pinturas murais e a posibilidade de promover visitas ou actividades culturais. A Igrexa de Santa María de Leboreiro, igrexa medieval que conta con pinturas murais de gran valor, foi rehabilitada polo Xacobeo e contempla a posibilidade de visitas guiadas para 2010. A Catedral de Santiago de Compostela, fito e meta final do Camiño impera sobre todos os anteriores como ben Patrimonio da Humanidade. Nos últimos anos realizáronse obras de restauración que continuarán en 2010.

Os 21 Hitos del Camino na actualidade ordénanse no Mosteiro Hospital de Santa Cristina de Somport (Huesca), a Catedral de Jaca (Huesca), a Igrexa de Santa Cruz de la Serós (Huesca) e o Mosteiro de San Juan de La Peña (Huesca) todos eles comprendidos entre as fronteiras de Aragón. Castilla y León aporta como fitos do Camiño, San Nicolás de Bari (Burgos), a Ponte de Itero (Itero), o Mosteiro de San Zolio (Carrión de los Condes), a Igrexa de Santa María la Blanca (Villalcázar de Sirga), o Mosteiro de La Peregrina (Sahagún), a Ponte de Villarente (Villaturiel), a Colexiata de San Isidoro (León) e a Igrexa de Santiago (Villafranca del Bierzo). O Goberno de Navarra escolleu á Igrexa de Santa María (Orreaga-Roncesvalles), a Igrexa de Santa María la Real (Sangüesa), a Catedral de Pamplona (Pamplona), San Pedro de la Rua (Estella) e a Ponte la Reina (Puente la Reina). Por último, La Rioja incluíu tres fitos do Camiño como a Igrexa de San Bartolomé (Logroño), o Mosteiro de Santa maría la Real de Nájera (Nájera) e a Catedral de Santo Domingo de La Calzada (Sto. Domingo de la Calzada).


Peregrinación musical
Dentro da iniciativa do Goberno de Castilla y León de realizar unha peregrinación musical a cargo dun coro de renome estudouse a elaboración dun folleto común ao igual que os fitos do Camiño e barallouse para a execución musical un coro de non mais de 36 compoñentes que interpretarán durante o mes de xullo. Neste momento falouse da posibilidade de realizar esta viaxe musical ao longo do Camiño Francés a través do Coro Accentus, tamén da mesma nacionalidade.

Accentus foi fundado por Laurence Equilbery co obxectivo de difundir as obras mais importantes do repertorio a cappella e o repertorio contemporáneo. O coro colabora con directores e orquestras de prestixio como Pierre Boulez, Jonathan Nott ou a Orquestra de París. Foi premiado con diversos premios como o Liliane Bettencourt de la Academia de Belas Artes en 1995, un Midem Clásico en 2006, un Disque d´or en 2008, un Gran Prix Radio Classique de la Découverte en 2001 e foi nominado a un Grammy en 2004.

Exposición histórica
O Goberno de Aragón formulou unha nova proposta de exposición. Esta mostra, de carácter itinerante, que percorrerá as diferentes Comunidades Autónomas do grupo de traballo, xirará en torno ao Barroco, co título de “Santiago. Esplendor barroco”. A exposición terá como fío do seu discurso a aproximación á figura de Santiago desde un punto de vista da historia cultural da Península ao longo dos séculos XVII e XVIII. Juan Manuel Monterroso Montero, recoñecido profesor da universidade de Santiago, participará como comisario da mostra.

Patrimonio Aberto
O Goberno de Navarra, no tocante ao programa de monumentos abertos, Patrimonio Aberto, propuxo a creación dun folleto novidoso no que se coloquen os monumentos abertos nun mapa ao longo do camiño francés e se sinalicen segundo a súa apertura estea comprendida nun horario de mañá ou de tarde. A iniciativa será levada a cabo entre todas as Comunidades.

O grupo de traballo, creado co obxectivo de levar a cabo actividades no Ano Xacobeo 2010 e potenciar o Camiño Francés, Patrimonio da Humanidade, leva comprometido con estas tarefas dende o primeiro encontro e en cada un deles debuxa mais nitidamente os actos para o Ano Xacobeo. Galicia estreouse como anfitrioa deste Encontro de Comunidades trala súa incorporación como membro do grupo no encontro mantido en Valladolid, dende o que a Consellería de Cultura e Turismo e a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo planifican e coordinan posibles actuacións coas Comunidades Autónomas polas que transita o Camiño de Santiago.