24 septiembre 2009

Como cada jueves, completa referencia en MORRAZO-TRIBUNA del Consello de la Xunta

REFERENCIA DO CONSELLO DA XUNTA DE GALICIA
QUE TIVO LUGAR NA DELEGACIÓN DA XUNTA EN LUGO
O DÍA 24 DE SETEMBRO DE 2009,
BAIXO A PRESIDENCIA DO
SR. D. ALBERTO NÚÑEZ FEIJÓO


DECRETOS


CONSELLERÍA DE FACENDA

• Decreto polo que se modifican os estatutos da Sociedade Pública Autoestrada Alto de Santo Domingo-Ourense, S.A.

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS

• Decreto polo que se modifica o Decreto 74/2006, do 30 de marzo, polo que se regula o Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible

• Decreto polo que se declara en concreto a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de trazado da conexión do corredor Brión–Noia coa estrada AC-550 en Taramancos–Noia (Clave AC/09/112.01)

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

• Decreto polo que se regula a autorización de laboratorios para a realización de autocontrois nos programas sanitarios de vixilancia e control de salmonela nas explotacións gandeiras na Comunidade Autónoma de Galicia e se crea o Rexistro Galego de Laboratorios autorizados para estes autocontrois

ACORDOS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

• Acordo polo que se autoriza a sinatura do convenio de colaboración entre a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), relativo a unha axuda aos concellos de menos de 5.000 habitantes


CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA

• Acordo polo que autoriza a Consellería de Economía e Industria a establecer anticipos de ata o 80%, sen necesidade de constitución de garantías a favor da Xunta de Galicia, do importe das subvencións correspondentes á Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o financiamento de accións orientadas a produtos ou servizos de innovación tecnolóxica relacionadas co Xacobeo 2010, e se procede á súa convocatoria para o ano 2009

• Acordo polo que se autoriza ao Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) para establecer condicións especiais de subsidiariedade e superar o prazo de vixencia de cinco (5) anos na concesión dun aval por un importe máximo de sete millóns oitocentos mil euros (7.800.000,00 €) a Blusens Technology, SLU. Expte. Nº AV/0403

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

• Acordo polo que se autoriza a sinatura do convenio de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Universidade do Algarve, para a docencia, a investigación e mais a promoción da lingua, a literatura e a cultura galegas, por un importe de sesenta e cinco mil setecentos cincuenta e tres euros con corenta e catro euros (65.753,44 €)

• Acordo polo que se autoriza a sinatura do convenio de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Universidad de Extremadura, para a docencia, a investigación e mais a promoción da lingua, a literatura e a cultura galegas, por un importe de sesenta e catro mil catrocentos sesenta e dous euros con cincuenta e seis céntimos (64.462,56€)

• Acordo polo que se autoriza a sinatura do convenio de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Universidad de La Habana, para a docencia, a investigación e mais a promoción da lingua, a literatura e a cultura galegas, por un importe de setenta e dous mil novecentos setenta e seis euros con trinta e dous céntimos (72.976,32 €)

• Acordo polo que se autoriza a sinatura do convenio de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Université Rennes 2 – Haute Bretagne, para a docencia, a investigación e mais a promoción da lingua, a literatura e a cultura galegas, por un importe de sesenta e tres mil novecentos setenta e seis euros con trinta e dous céntimos (63.976,32 €)

• Acordo polo que se autoriza a sinatura do convenio de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Universitá degli Studi di Padova, para a docencia, a investigación e mais a promoción da lingua, a literatura e a cultura galegas, por un importe de sesenta e tres mil novecentos setenta e seis euros con trinta e dous céntimos (63.976,32€)

• Acordo polo que se autoriza a sinatura do convenio de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Ruprecht-Karls-Universität Heidelberg, para a docencia, a investigación e mais a promoción da lingua, a literatura e a cultura galegas, por un importe de sesenta e cinco mil setecentos cincuenta e tres euros con corenta e catro céntimos (65.753,44€)

• Acordo polo que se autoriza a sinatura do convenio de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Universidade do Minho, para a docencia, a investigación e mais a promoción da lingua, a literatura e a cultura galegas, por un importe de setenta e un mil novecentos vinte euros con once céntimos (71.920,11€)

• Acordo polo que se autoriza a sinatura do convenio de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Universität Trier, para a docencia, a investigación e mais a promoción da lingua, a literatura e a cultura galegas, por un importe de sesenta e tres mil novecentos setenta e seis euros con trinta e dous céntimos (63.976,32€)

• Acordo polo que se autoriza a sinatura do convenio de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Universidad de Murcia, para a docencia, a investigación e mais a promoción da lingua, a literatura e a cultura galegas, por un importe de cincuenta e oito mil catrocentos sesenta e dous euros con cincuenta e seis céntimos (58.462,56€)

• Acordo polo que se autoriza a sinatura do convenio de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Universidad de Granada, para a docencia, a investigación e mais a promoción da lingua, a literatura e a cultura galegas, por un importe de cincenta e oito mil catrocentos sesenta e dous euros con cincuenta e seis céntimos (58.462,56€)

CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO

• Acordo polo que se autoriza a sinatura do convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura e Turismo e a Fundación Marco (Museo de Arte Contemporánea de Vigo), para a realización de actividades culturais, didácticas e de difusión, por un importe total de trescentos mil euros (300.000 €)

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR

• Acordo polo que se autoriza a contratación da xestión de servizos públicos na modalidade de concerto, para “Reserva e ocupación de prazas en centro de día para persoas con discapacidade”, mediante procedemento aberto, tramitación urxente

• Acordo polo que se autoriza a contratación da xestión de servizos públicos na modalidade de concerto, para “Reserva e ocupación de prazas en centro residencial con centro de día para persoas con discapacidade”, mediante procedemento aberto, tramitación urxente

• Acordo polo que se autoriza a contratación da xestión de servizos públicos na modalidade de concerto, para “Reserva e ocupación de prazas en centro ocupacional para persoas con discapacidade”, mediante procedemento aberto, tramitación urxente

• Acordo polo que se autoriza a contratación da xestión de servizos públicos na modalidade de concerto, para “Reserva e ocupación de prazas en centro ocupacional para persoas con discapacidade”, mediante procedemento aberto, tramitación urxente

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

• Acordo polo que autoriza a Consellería do Medio Rural para a sinatura dun convenio de colaboración co Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño para a realización de actuacións da Dirección Xeral de Medio Natural e Política Forestal do citado Ministerio en materia de Rede Natura 2000

CONSELLERÍA DO MAR

• Acordo polo que se autoriza a sinatura dunha segunda addenda pola que se acorda a prórroga do contrato de seguro colectivo de accidentes no mar, asinado o 18 de novembro de 2006, entre a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos (actualmente Consellería do Mar) e a empresa Mapfre Seguros Generales, Compañía de Seguros y Reaseguros (actualmente Mapfre Familiar, Cía de Seguros y Reaseguros S.A.)


INFORMES

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

• Informe sobre o Programa IMPULSA-LUGO

CONSELLERÍA DE SANIDADE

• Informe sobre a campaña de vacinación fronte á gripe estacional no ano 2009

• Informe sobre o Plan de continxencias ante a pandemia de Gripe A para as institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde

A SOCIEDADE PÚBLICA AUTOESTRADA ALTO DE SANTO DOMINGO – OURENSE INCREMENTA O SEU CAPITAL SOCIAL EN 17 MILLÓNS DE EUROS CO FIN DE ACOMETER A FINALIZACIÓN DAS OBRAS DA AUTOESTRADA

• O capital social de ACEOUSA pasará dos 18 millóns de euros aos 35 millóns

O Consello da Xunta aprobou hoxe a modificación dos estatutos da sociedade pública Autoestrada Alto de Santo Domingo – Ourense S.A. (ACEOUSA) co fin de dar cabida a unha ampliación de capital de 17 millóns de euros acordada pola Xunta Xeral da Sociedade o pasado 16 de xuño. Así, a sociedade pasará de ter un capital de 18 millóns de euros, a 35 millóns a través da emisión de dezasete mil accións nominativas cun valor nominal de 1.000 euros cada unha co fin de acometer os investimentos necesarios para a finalización das obras da autoestrada.

Segundo o Plan Económico desta sociedade constituída no ano 2003, a cifra estimada de capital final ascendía aos 35 millóns de euros. Con esta ampliación de 17 millóns de euros, considérase todo o financiamento necesario para realizar os pagos correspondentes ao tronco da autoestrada así, como a necesaria para a execución do ramal de acceso ao Carballiño. Esta ampliación foi totalmente subscrita e desembolsada pola Sociedade Pública de Investimentos de Galicia (SPI Galicia S.A.) tras o acordo de exercer o seu dereito de subscrición preferente, por ser o accionista único.



A XUNTA MODIFICA A COMPOSICIÓN DO CONSELLO GALEGO DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE, ADAPTÁNDOO Á NOVA ESTRUTURA ORGANIZATIVA DO GOBERNO GALEGO

• A presidencia será ocupada polo titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a vicepresidencia polo conselleiro do Medio Rural e a secretaría polo subdirector xeral de Coordinación Ambiental
• O Consello nomeará 38 vogais: 13 representantes da Administración autonómica e 25 da sociedade civil
• A estrutura do ente enriquécese coa incorporación dunha representación da Consellería de Cultura e Turismo
• A primeira xuntanza do novo Consello Galego de Medio Ambiente celebrarase o vindeiro 21 de outubro

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas aprobou hoxe no Consello da Xunta un proxecto de decreto polo que se modifica a composición do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible co fin de adaptalo á realidade institucional do goberno galego.

O Consello Galego de Medio Ambiente configúrase como un órgano consultivo de carácter colexiado da Administración pública galega, destinado a proporcionar un foro de debate e participación cidadá con respecto a aquelas iniciativas pertencentes ao eido ambiental.

Cómpre sinalar que a dita modificación afecta fundamentalmente a composición do Consello, cuxa presidencia será ocupada polo titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, que ademais da presidencia do pleno, deberá exercer a máis alta representación institucional do citado organismo, convocar as sesións ordinarias e extraordinarias e moderar os debates que se produzan no desenvolvemento destas.

Por outra parte, a vicepresidencia corresponderalle á persoa titular da Consellería do Medio Rural, que desempeñará as funcións atribuídas á presidencia nos casos de ausencia, enfermidade ou outro motivo lexítimo.

A secretaría será ocupada pola persoa titular da Subdirección Xeral de Coordinación Ambiental, que actuará con voz e sen voto. Ademais, desempeñará outras funcións como executar a convocatoria de sesións por orde de presidencia, citar os membros plenarios, recibir calquera notificación dos membros do Pleno, redactar e autorizar as actas das sesións e expedir certificacións das consultas ou informes aprobados.

A modificación do decreto tamén dita o nomeamento de 38 vogais, dos que 13 representan a Administración autonómica: titulares da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Secretaría Xeral de Familia e Benestar, Dirección Xeral de Conservación da Natureza, Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe, Dirección Xeral de Relacións Exteriores, Presidencia de Augas de Galicia, 6 representantes designados polas consellerías de Economía e Industria, Educación, Cultura e Turismo e Traballo e Benestar, Medio Rural e Mar. Os 25 restantes representan a sociedade civil, repartíndose do seguinte xeito: 3 dos sindicatos máis relevantes de Galicia, 3 da Confederación de Empresarios de Galicia, 4 de organizacións de carácter ambiental, 4 de entes sociais, 3 das universidades, 4 da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), 3 de organizacións agrarias e un da Federación Galega de Confrarías de Pescadores.

En conclusión, a necesidade e oportunidade da adaptación do Consello á realidade institucional da Xunta de Galicia resultan evidentes e adquiren un caracter preferente, tendo en conta o papel crucial que o Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible desempeña no ámbito de avaliación ambiental de determinados programas. Ademais, tamén establece criterios e indicadores a considerar en plans de ordenación do territorio e do litoral de Galicia.

O Consello Galego de Medio Ambiente celebrará a súa primeira xuntanza con esta nova composición o vindeiro mércores 21 de outubro.


A XUNTA DECLARA DE UTILIDADE PÚBLICA A VARIANTE DE NOIA PARA COMEZAR O PROCESO DE EXPROPIACIÓN

• A Consellería de Medio Ambiente prevé que antes de que remate o ano se procederá á licitación das obras, mentres que a previsión para a apertura ao tráfico desta nova infraestrutura é o ano 2011
• O impacto sobre o territorio da chamada variante interior é notablemente superior que a solución da ponte, posto que esta última ocupa algo menos de 100.000 metros cadrados e a interior un total de 800.000
• A alternativa sobre a ría evitará o núcleo de Eiroa e conectará co corredor Brión-Noia na marxe esquerda da ponte de Ceilán (viaduto do río Tambre)
• A aposta pola Alternativa 2 da variante de Noia, fronte ao proxecto do Goberno bipartito, implica unha redución significativa do custo real desta infraestrutura
• Nesta mesma liña, o impacto sobre o territorio da chamada variante interior é notablemente superior que a solución da ponte, posto que esta última ocupa algo menos de 100.000 metros cadrados e a interior un total de 800.000
• A alternativa 2 da variante recibiu 110 alegacións no período de información pública, fronte ás 2.342 da opción interior defendida polo anterior goberno

O Consello da Xunta na súa reunión semanal celebrada hoxe, xoves 3 de setembro, aprobou o decreto polo que se declara de utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de trazado da conexión do corredor Brión-Noia coa estrada AC-550 en Taramancos (Noia). A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas prevé que antes de que remate o presente ano se licitarán as obras, e a previsión para a apertura ao tráfico desta nova infraestrutura é o ano 2011. A Consellería de Medio Ambiente costeará as obras desta infraestrutura viaria cun orzamento total de 38.967.130,74 euros.

A variante sobre a ría de Noia, alternativa defendida pola actual Xunta, tan só afecta unha casa, mentres que a alternativa interior afecta de xeito directo tres casas. O mesmo sucede cos predios afectados, xa que con este proxecto ascenden a un total de 766. Cómpre salientar que no proxecto do Goberno bipartito este número era claramente superior, xa que a chamada variante interior afectaba un total de 800.000 metros cadrados, é dicir, 8 veces máis que a alternativa da ría. Outro dato importante é que a alternativa 2 da variante recibiu 110 alegacións no período de información pública, fronte ás 2.342 da opción interior defendida polo anterior goberno.

Evitar as afeccións ambientais
Cómpre recordar que a principios deste mes, o Consello da Xunta aprobou o expediente de información pública e o estudo informativo da conexión do corredor Brión-Noia coa estrada AC-550 en Taramancos (Noia). A variante de Noia conta coa declaración de impacto ambiental favorable e co informe positivo da Dirección Xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños da Consellería do Mar. As obras do viaduto e do resto da variante executaranse seguindo as recomendacións expresadas en ambos os documentos, co fin de evitar as posibles afeccións ambientais.

O proxecto da variante de Noia
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas comunicou a comezos de xuño que retomaba a alternativa 2 para a construción da variante de Noia, anulada polo Goberno bipartito. Neste sentido, o departamento que dirixe Agustín Hernández aprobou provisionalmente naquel intre o estudo informativo de conexión do corredor Brión-Noia coa estrada AC-550 en Taramancos (Noia), que recolle a construción da ponte sobre a Ría de Noia.

A alternativa 2 da variante de Noia, que estará remata en 2011, evitará o núcleo de Eiroa e conectará co corredor Brión-Noia pola marxe esquerda da ponte de Ceilán (viaduto do río Tambre). O cambio de trazado -respecto do presentado na anterior lexislatura do Goberno bipartito- responde á necesidade de conectar o final da ponte co corredor Brión-Noia, coa finalidade de ofrecer aos cidadáns unha auténtica variante. O obxectivo do novo proxecto é unir as dúas marxes da ría de Noia e estas con Santiago de Compostela, Porto do Son e Muros, evitando o paso dos tráficos de tránsito polo núcleo urbano da cidade que, deste xeito, se verá sensiblemente desconxestionado.

Ademais, a Xunta de Galicia impulsará a construción dunha estrada convencional entre o corredor Brión-Noia e a estrada de Boiro, así como un plan de sinalización e mellora de vías no Concello de Lousame.

Segundo os estudos do Goberno galego, no ano 2013 un total de 2.750 vehículos diarios escollerán esta vía para realizar os seus desprazamentos, o que implica unha redución do volume de tráfico de máis dun millón de vehículos ao ano, aínda que a cifra se elevará dun xeito significativo nos meses de verán por mor do tráfico das praias.

A día de hoxe o proxecto segue avalado desde o punto de vista económico, xa que require un investimento menor porque o trazado é máis curto e precisa menos viadutos, túneles ou enlaces complexos para carrís lentos. Desde o punto de vista ambiental, implica un menor impacto na práctica totalidade dos indicadores estudados. Tamén é máis ventaxoso desde o factor territorial, porque ten unha mellor conectividade coas vías principais da zona, xa que esta infraestrutura conectará cos dous extremos do Concello de Noia.

O trazado
A alternativa da ría, tamén coñecida como Alternativa 2, ten unha lonxitude de 4.857 metros e unha anchura de máis de 10 metros, na que se inclúen beirarrúas para facilitar o acceso aos viandantes. Na ponte sobre a ría engadirase un paseo peonil de 2,5 metros de ancho, que contará con ramplas de acceso no Testal e A Barquiña.

A variante parte do núcleo de Taramancos, onde se separa da AC-550 e se dá prioridade á nova vía. Unha vez superado o enlace, o trazado discorre ao norte do núcleo e presenta un paso superior sobre a variante para restituír un camiño de conexión entre a costa e Taramancos. A continuación sitúase o semienlace de Punta Rebordiño, que permite o acceso e saída dos vehículos da zona do Testal co norte de Noia.

O trazado continúa coa ponte sobre a ría, cunha lonxitude de 1.470 metros, que salva ademais a estrada de acceso ao Testal. Por outro lado, o desembarco da estrutura na zona nordés de Noia pasará por riba da actual rede viaria existente nesta zona.

A variante xira cara ao nordés evitando, mediante un viaduto, a zona de aparcadoiro do centro comercial existente neste núcleo e unha rúa próxima. No final do trazado, construirase un enlace tipo glorieta baixo a estrada, que servirá de conexión coa C-550. En definitiva, a obra mellorará as comunicacións entre Porto do Son e Muros, permitindo un aforro de 10 quilómetros, e entre Porto do Son e Santiago, reducindo en 4 quilómetros a distancia actual.

O obxectivo final é que as comunicacións entre Noia e Santiago de Compostela se reduzan ata os 22 minutos, o que supón unha mellora no tempo de percorrido dun 37% fronte aos 35 minutos que son necesarios na actualidade. Así mesmo, optimizaranse as conexións das dúas marxes da ría.

Tanto a variante de Noia como os novos viais de conexión con Santiago e Muros transformarán o mapa viario de Noia e a súa comarca, beneficiando dun xeito especial os máis de 40.000 habitantes de Noia, Outes, Muros e Porto do Son.

APROBADO O DECRETO QUE REGULA A AUTORIZACIÓN DE LABORATORIOS DE CONTROL DE SALMONELA NAS EXPLOTACIÓNS GANDEIRAS

• Por medio desta norma créase o Rexistro galego de laboratorios autorizados

O Consello da Xunta aprobou o decreto polo que se regula a autorización de laboratorios para a realización de autocontrois nos programas sanitarios de vixilancia e control de salmonela nas explotacións gandeiras da comunidade autónoma. Ademais, por medio desta norma créase o Rexistro Galego de Laboratorios Autorizados para estes autocontrois.

En cumprimento da normativa comunitaria e estatal sobre a materia, este decreto da Xunta enmárcase no obxectivo xeral de redución, no ámbito da UE, da prevalencia de diversas salmonelas nas explotacións avícolas e porcinas. Para a consecución deste fin, establécese na normativa comunitaria, entre outras, a obriga de realizar toma de mostras a iniciativa das empresas alimentarias por parte dos propios granxeiros, a maiores dos controis oficiais.

A disposición aprobada hoxe polo Goberno Galego establece os requisitos da autorización dos laboratorios, o procedemento de obtención deste permiso e as normas de funcionamento das instalacións autorizadas.

Requisitos
Así, en relación cos requisitos, fíxanse entre outras a obriga de funcionar de acordo coa norma europea sobre laboratorios de ensaio e calibración (norma EN/ISO/17025); dispor de local e instalacións que cumpran a normativa sobre recepción de mostras, arquivo de documentación, limpeza ou instalacións frigoríficas; contar con persoal técnico cualificado; dispor de procedementos normalizados de traballo; garantir a trazabilidade dos resultados e aplicar unha adecuada xestión de residuos, de conformidade coa normativa vixente.

Con respecto ao procedemento de obtención da autorización, o Decreto especifica a documentación necesaria e establece que Medio Rural favorecerá a presentación e tramitación electrónica das peticións. Tamén se concreta o tempo de vixencia da autorización, que será de tres anos a partir da data de resolución desta, sendo precisa a súa renovación transcorrido o dito prazo.

Funcionamento
Sobre o funcionamento dos laboratorios autorizados, a norma aprobada hoxe polo Consello fixa as pautas de mostraxe, establece a obriga de plasmar os resultados nos preceptivos informes e habilita as autoridades competentes en materia de sanidade animal a realizar inspeccións, cando o estimen conveniente, sobre o mantemento por parte dos laboratorios das condicións esixidas para a súa autorización.

Ademais, lémbrase que os laboratorios autorizados segundo esta norma están suxeitos ás obrigas establecidas na Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal. De xeito específico, establécese a súa obriga de notificar ás autoridades competentes os casos, confirmados ou sospeitosos, relativos ás salmonelas de importancia para a saúde pública de que teñan coñecemento.

Rexistro de Laboratorios Autorizados
O último capítulo deste Decreto refírese á creación do Rexistro Galego de Laboratorios Autorizados, no que figurarán inscritas estas instalacións, con datos como nome; data de autorización; persoa titular; identificación e titulación da persoa técnica responsable; ensaio ou grupo de ensaios para os que está autorizado, etc.

Establécese, así mesmo, que a dirección xeral competente en materia de sanidade animal comunicará puntualmente os datos deste rexistro ao Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino, co fin de garantir a actualización permanente dos laboratorios de autocontrol autorizados, de cara á validez dos seus informes de resultados no resto do Estado.

A XUNTA ACHEGARÁ UN MILLÓN DE EUROS AOS CONCELLOS DE MENOS DE 5.000 HABITANTES PARA AXUDALOS A RECUPERAR O SEU EQUILIBRIO FINANCEIRO

• Así o recolle un convenio de colaboración entre a Consellería de Presidencia e a FEGAMP cuxa sinatura autorizou esta mañá o Consello da Xunta
• Favorecerase a 199 municipios de Galicia que agora mesmo ven comprometida seriamente a eficacia das súas respostas ás demandas e necesidades cidadás, sobre todo no que respecta ás políticas sociais e de fomento de emprego

A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza achegará un millón de euros aos concellos de menos de 5.000 habitantes co obxecto de axudarlles a recuperar o seu equilibrio financeiro e orzamentario. Así o recolle un convenio de colaboración entre a Consellería de Presidencia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) cuxa sinatura autorizou esta mañá o Consello da Xunta. A medida favorecerá a 199 municipios de Galicia, para axudar aos concellos nos seus gastos correntes.

Segundo se expón no convenio, a evolución da situación económica e o seu impacto na economía galega están incidindo da xeito directo na recadación tributaria dos municipios, cunha apreciable merma dos ingresos que manexan e polo tanto da súa capacidade para facer fronte ás necesidades de gasto. Así, a pesar dos esforzos de aforro levados a cabo polos concellos, a intensidade da actual crise está a comprometer seriamente a eficacia das respostas locais ás demandas e necesidades cidadás, sobre todo no que respecta ás políticas sociais e de fomento de emprego.

Neste sentido, o que pretende este convenio é achegar aos concellos de menos de 5.000 habitantes unha transferencia lineal destinada a sufragar os seus gastos correntes para conseguir progresivamente que estas entidades locais menores vaian recuperando o seu equilibrio financeiro e orzamentario, cancelando as obrigas contraídas con terceiros e atendendo aos gastos que xeren nos ditos conceptos.

Ademais, o texto lembra que á Xunta de Galicia, a través da Comisión Galega de Cooperación Local, correspóndelle fomentar e promocionar as relacións de colaboración e cooperación entre as diferentes administracións públicas galegas. Así mesmo, recoñece á FEGAMP como a entidade asociativa máis representativa e maioritaria das entidades locais cuxos fins son, entre outros, promover, presentar e defender os intereses destas ante outras administracións públicas. Ademais, a Federación conta con oitos representantes na Comisión Galega de Cooperación Local, dous dos cales representan aos concellos de ata 5.000 habitantes.



ECONOMÍA E INDUSTRIA CONVOCARÁ UNHA NOVA LIÑA DE AXUDAS PARA FOMENTAR A INNOVACIÓN TECNOLÓXICA EN ACCIÓNS RELACIONADAS CO XACOBEO 2010

• A convocatoria está dotada cun millón de euros e poderán ser beneficiarias empresas galegas que melloren mediante as TIC servizos ou produtos relacionados co Camiño de Santiago
• As subvencións enmárcanse no Programa de Innovación Empresarial do Plan Galego de I+D+i 2006 – 2010 (INCITE)

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía e Industria, convocará unha nova liña de axudas para o financiamento de accións orientadas a produtos ou servizos de innovación tecnolóxica relacionados co Xacobeo 2010. A dotación da convocatoria será dun millón de euros e, segundo aprobou hoxe o Consello da Xunta, poderanse establecer anticipos de até o 80% da contía da axuda para as empresas beneficiarias, de maneira que reciban parte da axuda antes de efectuar o gasto.

O goberno galego está a acumular esforzos para aproveitar a oportunidade que supón o Xacobeo 2010 para Galicia. Máis alá do fito relixioso e turístico, o Ano Santo é unha ocasión para impulsar o desenvolvemento económico, e é sabido que este desenvolvemento non se entende sen a investigación e a innovación tecnolóxica

Por iso, desde a Consellería de Economía e Industria foméntanse proxectos relacionados que, á vez que están directamente co Xacobeo, entroncan coas prioridades do Plan Galego de I+D+i 2006 – 2010 (INC ITE): impulsar o crecemento económico e social de Galicia mediante a mellora da súa capacidade científico-tecnolóxica facilitando, deste xeito, a participación das empresas no proceso de innovación e a extensión dos beneficios da investigación ao conxunto da sociedade galega. En concreto, a convocatoria enmárcase no Programa de Innovación Empresarial.

Poderán ser beneficiarias destas subvencións as empresas de carácter privado que teñan o seu domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia. As accións que se subvencionen deben utilizar as Tecnoloxías da Información e das Comunicacións para incrementar a calidade da oferta turística, das actividades ou dos servizos relacionados co Xacobeo 2010.

Dispositivos de comunicación e localización, web 2.0 e tecnoloxías audiovisuais
En concreto, considéranse proxectos subvencionables nesta convocatoria aqueles que poidan dar soporte mediante as TIC a servizos de valor engadido para peregrinos e outras persoas interesadas no Xacobeo 2010, como son dispositivos móbiles, de localización ou xeoreferenciación, redes sociais e web 2.0.

Subvencionaranse tamén desenvolvementos destinados a servizos audiovisuais de promoción ou soporte das actividades do Xacobeo, proxectos que permitan mellorar as tecnoloxías de restauración e estudo de elementos históricos, artísticos e culturais vinculados ao Xacobeo e, en xeral, traballos baseados nas TIC que supoñan un pulo á innovación e mellora da calidade da oferta turística (promoción dixital do sector, mellora das relacións cos clientes, incremento da oferta de servizos e diferenciación, etc).

A contía das axudas concedidas será destinada aos seguintes gastos: persoal técnico con relación laboral coa empresa que se dedique á acción subvencionada, persoal adicional técnico-científico contratado expresamente, servizos e colaboracións externas até un máximo do 20% do custo subvencionable, material funxible, subcontratacións de universidades, centros tecnolóxicos, centros de investigación ou outras empresas, e outros gastos necesarios debidamente xustificados. As axudas recibidas por unha mesma entidade non poden exceder de 500.000 euros e poden acumularse con outras subvencións compatibles.

O GOBERNO GALEGO APOIA O PLAN DE NEGOCIO DE BLU:SENS PARA OS PRÓXIMOS ANOS CUN AVAL DO IGAPE POR IMPORTE MÁXIMO DE 7,8 MILLÓNS DE EUROS

• A firma compostelá xa expande a súa actividade a máis de 30 países e prevé duplicar a súa facturación no prazo de dous anos
• Blusens Technology investirá un millón de euros na instalación en Santiago dunha liña automatizada de fabricación de televisores LCD, que suporá a creación de 20 novos empregos neste ano 2009, e seguirá apostando pola I+D, con investimentos de 2 millóns anuais, e a internacionalización, reforzando as novas filiais constituídas no ano 2008 (Blusens Middle East, Blusens UK, Blusens Sudamérica, Blusens Canadá, Blusens México, Blusens China)
• O respaldo público facilitaralle á compañía compostelá maior capacidade de financiamento de circulante para impulsar a súa expansión, tanto a nivel nacional como internacional, nun momento de pleno crecemento que, a pesar da crise mundial, fai medrar a compañía un 50% en 2009

O Consello da Xunta deu o seu visto e prace ao apoio que a Consellería de Economía e Industria prestará ao desenvolvemento do plan de negocio co que a compañía Blusens Technology se propón afondar na súa expansión nacional e internacional mantendo a firme aposta pola I+D para poder ofrecer produtos diferenciados a prezos competitivos. Segundo acordou, o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) concederá un aval por importe máximo de 7,8 millóns de euros en garantía dun 60% do principal dun préstamo de 13 millóns de euros a conceder por varias entidades financeiras e destinado a financiar o citado plan.

A posta en marcha do plan de negocio impulsado por Blu:sens permitirá á empresa asentada en Santiago de Compostela dispor de maior capacidade de circulante para desenvolver os seus proxectos de expansión nacional e internacional, nun momento de pleno crecemento que, a pesar da crise mundial, fai medrar a compañía un 50% en 2009. A operación tamén fará posible que esta empresa altamente tecnolóxica poida diversificar a súa actual produción mediante o lanzamento de novos produtos nos eidos da electrónica profesional, da televisión de pago ou os vinculados ao denominado como fogar conectado.

Á marxe do financiamento de novo circulante para afianzar o crecemento internacional da firma, o plan de negocio de Blu:sens prevé novos investimentos por importe dun millón de euros na automatización da liña de ensamblaxe de televisores LCD en Santiago de Compostela; este investimento suporá un incremento do cadro de persoal aproximadamente en 20 persoas. O plan de negocio que será apoiado pola Xunta de Galicia recolle tamén a substitución de parte do financiamento da empresa a curto prazo por financiamento a longo prazo, co que se reforzará o equilibrio da estrutura financeira para que Blu:sens poida seguir afrontando os importantes investimentos en I+D, marketing e expansión internacional que precisa para seguir medrando ao ritmo actual e duplique a súa facturación no prazo de dous anos.

A compañía fundada polos emprendedores José Ramón García e José Miguel Silva no ano 2000 comercializa os seus produtos enfocando as súas estratexias ás grandes superficies e centrais de compra. Actualmente está presente en máis de 6.000 puntos de venda e expande a súa actividade a máis de 30 países. O cadro de persoal do grupo está integrado na actualidade por 140 traballadores.




O CONSELLO DA XUNTA APROBA DESTINAR 650.000 EUROS A CONVENIOS CON 10 UNIVERSIDADES PARA DOCENCIA, INVESTIGACIÓN E PROMOCIÓN DO GALEGO

• Os compromisos da Secretaría Xeral de Política Lingüística estarán vixentes ata o ano 2012

O Consello da Xunta aprobou hoxe 10 convenios entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e outras tantas universidades españolas e estranxeiras para a docencia, investigación e promoción do galego nestes centros universitarios.

Estes centros son a Universidade do Algarve, a Universidad de Extremadura, a Université Rennes 2, a Universidatà degli Studi di Padova, a Ruprecht-Karls-Universität Heildelberg, a Universidade do Minho, a Universität Traer, a Universidad de Murcia e a Universidad de Granada. Os convenios, asinados a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, ascenden a unha contía de 649.719,95 euros e terán vixencia ata o ano 2012.

Os asinantes dos convenios comprométense a darlle continuidade ata o 2012 á ensinanza da lingua, da literatura e da cultura galegas; organizar actividades de investigación, promoción e difusión do galego; adquirir o material bibliográfico, fonográfico, e audiovisual e acoller ou contratar a un profesor-lector nomeado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística, que colaborará ademais na consecución dos obxectivos previstos no convenio.

Os importes dos convenios, así como a súa repartición en diferentes anualidades, son os seguintes:

- Universidade do Algarve: 65.753,44 €

ANUALIDADES
2009 2010 2011 2012
5.108,48 15.325,44 15.325,44 11.494,08
2.000,00 6.000,00 6.000,00 4.500,00


- Universidad de Extremadura: 64.462,56 €

ANUALIDADES
2009 2010 2011 2012
5.371,88 21.487,52 21.487,52 16.115,64





- Universidad de La Habana: 72.976,32 €

ANUALIDADES
2009 2010 2011 2012
3.831,36 15.325,44 15.325,44 11.494,08
2.250,00 9.000,00 9.000,00 6.750,00



- Université Rennes 2 – Haute Bretagne: 63.976,32 €

ANUALIDADES
2009 2010 2011 2012
3.831,36 15.325,44 15.325,44 11.494,08
1.500,00 6.000,00 6.000,00 4.500,00



- Universidata degli Studi di Padova: 63.976,32 €

ANUALIDADES
2009 2010 2011 2012
3.831,36 15.325,44 15.325,44 11.494,08
1.500,00 6.000,00 6.000,00 4.500,00


- Ruprecht-Karls-Universität Heidelberg: 65.753,44 €

ANUALIDADES
2009 2010 2011 2012
7.108,48 21.325,44 21.325,44 15.994,08


- Universidade do Minho: 71.920,11 €

ANUALIDADES
2009 2010 2011 2012
7.775,15 23.325,44 23.325,44 17.494,08







- Universität Trier: 63.976,32 €

ANUALIDADES
2009 2010 2011 2012
3.831,36 15.325,44 15.325,44 11.494,08
1.500,00 6.000,00 6.000,00 4.500,00



- Universidad de Murcia: 58.462,56 €

ANUALIDADES
2009 2010 2011 2012
3.371,88 13.487,52 13.487,52 10.115,64
1.500,00 6.000,00 6.000,00 4.500,00



- Universidad de Granada: 58.462,56 €

ANUALIDADES
2009 2010 2011 2012
3.371,88 13.487,52 13.487,52 10.115,64
1.500,00 6.000,00 6.000,00 4.500,00






AUTORIZADO O CONVENIO DE COLABORACIÓN ENTRE CULTURA E TURISMO E A FUNDACIÓN MARCO POR IMPORTE DE 300.000 EUROS

O Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura do convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura e Turismo e a Fundación Marco (Museo de Arte Contemporánea de Vigo) para a realización de actividades culturais, didácticas e de difusión. A achega da Consellería de Cultura á Fundación Marco é de 300.000 euros, dentro do Plan Estratéxico de Subvencións a Museos 2009, importe que cumprimenta a proposición do Parlamento de Galicia de recuperar esta contía que se vira reducida a 200.000 euros desde o ano 2006.

A Consellería de Cultura e Turismo ten, entre os seus obxectivos, o de acadar un mellor coñecemento e conservación do patrimonio moble galego depositado nos museos para protexelo e difundilo á sociedade. Por este motivo, e, dentro das súas competencias de xestión das funcións sobre o patrimonio cultural, quere colaborar coa Fundación Marco para a realización das actividades culturais deste.

Sométese o expediente á aprobación polo Consello da Xunta, por tratarse dun convenio de contía superior a 150.000 euros ( artigo 11.3 da Lei 4/2006, do 30 de xuño,de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega).

A XUNTA INCREMENTA, CON MÁIS DE 300 NOVAS PRAZAS, UN 8,6% A OFERTA DESTINADA A PERSOAS CON DISCAPACIDADE

• Desde o próximo mes de novembro o parque de prazas en centros de día, ocupacionais e residenciais, financiadas con fondo públicos pasará das 3.854 actuais a 4.171
• O Consello da Xunta aprobou hoxe o primeiro paquete de contratación de prazas que ascende a 3.223 para o que se destinarán máis de 33 millóns de euros

A Xunta de Galicia incrementa con 317 novas prazas –un 8,6 por cento- a oferta destinada a persoas con discapacidade, tanto en centros ocupacionais como residenciais. De feito, o Consello da Xunta aprobou hoxe o primeiro paquete de contratación de prazas, que ascende a un total de 3.223, e para o que se destinan 33 millóns de euros entre 2009 e 2010.

A partir do próximo mes de novembro, continuaranse contratando os seguinte lotes, ata chegar ás 4.171 prazas, para cuxa totalidade se destinarán preto de 42 millóns de euros no ano 2010, o que significa un incremento orzamentario do 20,6% respecto ao exercicio 2008-2009.

Este incremento posibilitará a posta en funcionamento de 9 centros de día, 3 novas residencias para dependentes e unha vivenda tutelada, ademais do aumento de prazas noutros centros que xa se financiaban. É preciso destacar que nesta ampliación a Consellería de Traballo e Benestar priorizou as prazas destinadas a persoas dependentes (centros de día e residencias de gravemente afectados).

O obxectivo deste proxecto é aumentar a cobertura para atender as necesidades existentes deste colectivo e unificar a carteira de servizos. Esta unificación conséguese ao pasar a contrato as prazas que ata o de agora se financiaban con convenios de colaboración con entidades sociais. Deste xeito, pásase de prazas financiadas con fondos da Administración, o que suporá unha mellora cualitativa importante para o usuario.

Ademais, a Consellería procedeu a revisar os módulos económicos sobre os que se financiaban as prazas de carácter residencial. Logo desta revisión, estes módulos incrementáronse nun 5,9 por cento para as residencias destinadas á persoas con discapacidade gravemente afectadas (dependentes) e nun 12,72 por cento para as que posúen certa autonomía.

O investimento plurianual -14 meses- dos 33 millóns aprobados hoxe no Consello da Xunta repártese entre diferentes tipoloxías de centros e distintas modalidades de prazas -externados, internados ou media pensión, entre outros-. Así, o departamento autonómico destina un total de 9,9 millóns entre 2009 e 2010 á reserva e ocupación de prazas para residencia con centro de día (332 prazas en réxime residencial e 150 en media pensión) e 9,7 millóns para residencia con centro ocupacional (556 e réxime de residencia e 448 en media pensión), estas últimas destinadas a persoas con discapacidade con necesidades de apoio límite e intermitente, sen dependencia de terceira persoa.

No que se refire ao concerto de prazas en centros ocupacionais, a Xunta destina uns 6,3 millóns para xestionar un total de 1.125 prazas. Finalmente, para centros de día, destínanse preto de 7 millóns para concertar 612 prazas.

O CONSELLO AUTORIZOU A SINATURA DUN CONVENIO CO GOBERNO CENTRAL PARA FINANCIAR DIVERSAS ACTUACIÓNS NA REDE NATURA 2000

• Segundo o establecido neste acordo de colaboración, o Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño achegará 20,8 millóns de euros para este fin, e a Consellería do Medio Rural outros 4 millóns
• As accións previstas refírense a aspectos como a dotación e mellora de infraestruturas e equipamentos, recuperación de ecosistemas e especies ameazadas, divulgación ou sinalización

O Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura dun convenio entre a Consellería do Medio Rural e o Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Mariño para o financiamento de diferentes actuacións na Rede Natura 2.000 en Galicia.

Segundo este acordo, o Goberno Central achegará un total de 20.888.992 euros e a Xunta outros 4.000.000 euros, en ambos os casos durante o período comprendido entre os anos 2009 e 2012. A achega da Administración autonómica está cofinanciada con fondos FEDER nunha porcentaxe do 70%.

As actuacións obxecto deste convenio teñen que ver coa dotación e mellora de infraestruturas e equipamentos en Espazos Naturais Protexidos, así como cos de uso público dentro das áreas da Rede Natura 2000.

Tamén se prevén intervencións de recuperación de sistemas de turbeiras e humedais; recuperación de especies ameazadas; programas de conservación e recuperación da biodiversidade, así como de conservación de corredores ecolóxicos e ecosistemas fluviais.

Divulgación e concienciación
Outras accións que se enmarcan neste acordo de colaboración refírense á divulgación e concienciación da biodiversidade e da Rede Natura 2000, de sinalización, eliminación de flora invasora e análise, diagnóstico, planificación e avaliación da propia Rede.

Como actuacións concretas recollidas especificamente no convenio atópanse ademais ás referidas ao Centro de mamíferos mariños de Baiona (Pontevedra) e a Aula do Centro de Natureza de Ribas de Sil, no Courel (Lugo).




A XUNTA PRORROGA O CONTRATO DE SEGURO COLECTIVO DE ACCIDENTES NO MAR

• Esta medida cobre os riscos de morte e invalidez permanente total ou parcial dos asegurados no desenvolvemento das súas funcións, como consecuencia de accidente laboral e ‘in itinere’
• A póliza tamén beneficia os tripulantes non galegos enrolados en buques con porto base na nosa comunidade autónoma, establece bolsas de estudo para os fillos dos asegurados e inclúe gastos de repatriación e de sepelio
• A prórroga estará vixente entre o 1 de outubro do actual exercicio e o 30 de setembro de 2010 e permite incluír entre as garantías cubertas o desprazamento e atención a familiares de desaparecidos e a prestación de axuda psicolóxica

O Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura dunha segunda addenda pola que se prorroga o contrato de seguro colectivo de accidentes no mar asinado en 2006 pola Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos e a empresa Mapfre Seguros Generales, Compañía de Seguros y Reaseguros. A póliza estará vixente entre o vindeiro 1 de outubro e o 30 de setembro de 2010 e o seu importe é de 1.186.800 euros, dos que 296.700 euros son para o actual exercicio e os 890.100 euros restantes para o ano que vén.

Esta medida está destinada a cubrir os riscos de morte e invalidez permanente en todos os seus graos, devenidos no desenvolvemento das funcións do asegurado como consecuencia de accidente laboral e in itinere, ou en accións de busca, rescate ou auxilio de embarcacións ou os seus tripulantes en perigo. A póliza tamén establece axudas e bolsas de estudos para os fillos dos asegurados e, subsidiariamente, a cobertura dos gastos de repatriación e traslado dos falecidos e de sepelio.

Ademais, a prórroga autorizada polo Consello da Xunta permitirá incluír entre as garantías cubertas polo seguro, a maiores das xa referidas, axuda psicolóxica durante un período de tempo determinado aos familiares dun asegurado desaparecido ou falecido e o desprazamento e atención a familias de desaparecidos no caso de que teñan que trasladarse ata o lugar de busca.

En canto aos asegurados, enténdese como tales os tripulantes galegos de calquera embarcación pesqueira, debidamente enrolados e con independencia do seu abandeiramento, así como os mariñeiros non galegos que coticen no réxime especial do mar da Seguridade Social, incluídos no TC2 dun buque pesqueiro con porto base en Galicia. Ademais, o seguro comprende os mariscadores, con autorización da Consellería de Pesca, no desempeño lícito da súa actividade; traballadores de viveiros flotantes radicados na nosa comunidade autónoma; e persoal da Cruz Vermella de Galicia cando actúen en tarefas de rescate e salvamento no mar nas nosas augas.

A Xunta de Galicia, no exercicio das súas competencias, contrata desde a década dos 90 un seguro colectivo de accidentes no mar co obxecto de paliar, na medida do posible, a precaria situación que se produce nas familias dos profesionais do mar que sofren accidentes laborais.




A XUNTA DE GALICIA PON EN MARCHA O PROGRAMA ‘IMPULSA-LUGO’ PARA XERAR INVESTIMENTOS E EMPREGO NA PROVINCIA, PARA ACADAR A CONVERXENCIA DO INTERIOR E A IGUALDADE DE OPORTUNIDADES ENTRE OS GALEGOS

• A Xunta de Galicia crea as condicións precisas para que Lugo sexa atractivo para os investidores e respalda as súas iniciativas xa que son os que crean verdadeiramente riqueza e emprego.
• Inclúe a elaboración dun Plan estratéxico que recolla os sectores económicos e áreas a potenciar, medidas específicas, establecemento de prioridades, avaliación e seguimento, e unha folla de ruta para a o desenvolvemento do Programa
• Mentres non se obteñan os resultados do Plan estratéxico, a Xunta porá en marcha inmediatamente medidas transitorias discriminatorias de apoio ao investimento
• A través do Igape, a Xunta de Galicia abrirá na Delegación de Lugo unha oficina de xestión que realizará o seguimento dos resultados do Programa

A Xunta de Galicia porá en marcha o Programa IMPULSA-LUGO co obxectivo de potenciar o crecemento económico da provincia e a súa converxencia co resto da Comunidade. O Consello da Xunta coñeceu hoxe o contido deste programa que ten como fin último incentivar os investimentos produtivos e apoiar a iniciativa emprendedora para, deste modo, mellorar a creación de emprego.

O Programa IMPULSA-LUGO persegue o artellamento e vertebración do territorio, conformado a partir da potenciación das oportunidades locais, das súas vantaxes comparativas e da iniciativa empresarial.

O Programa IMPULSA-LUGO inclúe a elaboración dun Plan estratéxico para Lugo, ademais de medidas transitorias de apoio ao investimento que se porán en marcha con carácter inmediato. A Xunta de Galicia pon en marcha este proxecto despois de escoitar os axentes económicos e sociais de Lugo, a través da Asociación Impulsora do Plan de Lugo, un colectivo integrado pola Cámara Oficial de Comercio e Industria e Navegación de Lugo, e os sindicatos UXT, CC.OO, e CIG. A Xunta pretende que neste Plan se impliquen no desenvolvemento deste Programa á Deputación de Lugo, a Subdelegación do Goberno e o concello de Lugo.

O Plan estratéxico será xestionado polo Igape a través dunha oficina de xestión que se instalará na Delegación Territorial de Lugo.

Actuacións incluídas no Programa
O programa inclúe, ademais do Plan estratéxico e a posta en marcha de axudas específicas e de medidas transitorias de apoio ao investimento, o deseño de accións de planificación, comunicación, formación e asistencia técnica.

O Plan estratéxico será elaborado a partir dun concurso público que convocará a Xunta de Galicia, a través do Igape. Este Plan estratéxico incluirá os sectores económicos e áreas territoriais a potenciar; concreción de obxectivos e medidas específicas; establecemento de prioridades estratéxicas; deseño dun plan de avaliación e os correspondentes indicadores de seguimento; plan de comunicación e divulgación; e unha folla de ruta para o desenvolvemento do Programa IMPULSA-LUGO.

Ademais do papel do Igape, a Dirección Xeral de Planificación e Fondos da Consellería de Facenda encargarase de realizar un seguimento da aplicación do Programa. Ambos os departamentos coordinarán accións de comunicación, formación e asistencia técnica para a presentación e xestión de proxectos, ademais de realizar propostas para a mellora do Programa segundo se vaia desenvolvendo.

O desenvolvemento do Programa IMPULSA-LUGO inclúe, tamén, a constitución dun Comité de Seguimento co obxectivo de dispoñer dun mecanismo de coordinación coas diferentes administracións e axentes económicos e sociais; un comité que estará composto polo conselleiro de Presidencia, o director xeral do Igape, o director xeral de Planificación e Fondos, a delegada de Lugo, representantes da Asociación Impulsora do Plan de Lugo; o alcalde de Lugo, e un responsable da oficina de xestión.

Medidas transitorias de apoio ao investimento
As medidas transitorias que estarán en vigor ata a posta en marcha do Plan estratéxico inclúen axudas directas e préstamos subvencionados. No caso das axudas directas, o importe mínimo do investimento para poder acollerse a estas medidas rebaixarase a 200.000 euros desde os 500.000 vixentes; nos proxectos de primeira implantación garantirase un mínimo de subvención do 20%; e elevarase o límite máximo actual de subvención do 30 ao 50% para investimentos realizados por pequenas empresas, e ao 40% para medianas empresas.

En canto aos préstamos subvencionados, o Igape concederá para unha lista de actividades acordada co ICO, as entidades financeiras, e as sociedades de garantía recíproca, unha subsidiación de 0,65 puntos con carácter xeral, aos que se engadirán 2 puntos máis aos proxectos impulsados na provincia de Lugo (ata 2,65%).

No financiamento outorgado polo BEI farase efectivo un tipo de xuro do 0%. Ademais, durante a vixencia destas medidas transitorias, reservaranse 12,5 millóns de euros para proxectos en Lugo.

Realidade económica e social da provincia de Lugo
A provincia de Lugo, no seu conxunto, supón un territorio cun grao de actividade empresarial máis baixo ao do resto de Galicia. En sí mesma, xa só esta razón xustifica unha actuación de discriminación positiva a favor de Lugo para aumentar o seu atractivo para o investimento empresarial, xa que Lugo reúne condicións e dispón de base social suficiente para merecer un novo esforzo que contribúa a impulsar o seu desenvolvemento.

No informe coñecido hoxe polo Consello da Xunta, inclúense unha serie de indicadores económicos que avalan a posta en marca deste Programa.

A taxa de crecemento anual da poboación en España é do 2,12%, en tanto que para Galicia acada o 0,42% e para Lugo o 0,11%; mentres que o índice de envellecemento (poboación maior de 64 anos/ poboación menor de 20) é para Galicia do 136,7% e para Lugo, do 205,5%. Ademais, e en termos de renda o ingreso medio por fogar para España acada os 2.044 euros, descendendo a media a 1.923 euros en Galicia e a 1.736 en Lugo.






A XUNTA INVISTE 3,6 MILLÓNS DE EUROS NA CAMPAÑA DE VACINACIÓN DA GRIPE ESTACIONAL E DO PNEUMOCOCO QUE DARÁ COBERTURA A MÁIS DE 650.000 GALEGOS

O vindeiro 28 de setembro, e ata o 13 de novembro, a Consellería de Sanidade porá en marcha a Campaña de vacinación fronte á gripe estacional 2009, cun custo total de 3.624.700 euros. Así quedou reflectido no Informe que aprobou hoxe o executivo galego.

A campaña, que dará cobertura a máis de 650.000 galegos, vai dirixida a todas aquelas persoas de 65 ou máis anos e aos grupos de risco.

Respecto da vacina antigripal, os grupos de risco son os adultos e nenos de 6 ou máis meses de idade con enfermidades crónicas pulmonares (incluído asma), cardiovasculares (excepto hipertensión), renais, hepáticas, hematolóxicas ou metabólicas (incluíndo a diabetes mellitus).

Tamén está indicada en adultos e nenos de 6 ou máis meses con inmunosupresión; adultos e nenos de 6 ou máis meses que teñan calquera condición que poida aumentar o risco de aspiración (dano medular, déficits cognitivos ou trastornos neuromusculares); nenos e adolescentes (6 meses a 18 anos) con tratamentos prolongados de aspirina; residentes en institucións pechadas de calquera idade a partir de 6 meses, e mulleres que se atopan embarazadas durante a temporada de gripe.

Tamén son grupos de risco, o persoal médico e de enfermería e calquera outro persoal hospitalario ou ambulatorio; empregados de institucións pechadas e outras institucións para enfermos crónicos que teñan contacto cos pacientes ou residentes; asistentes domiciliarios de persoas incluídas nos grupos de risco (enfermeiros, traballadores voluntarios, etc.) e, ademais, aqueles que conviven con persoas incluídas nos grupos de risco.

Outros grupos nos que se recomenda a vacinación son as persoas que desenvolven traballos esenciais para a comunidade (policías, bombeiros, protección civil, etc.); as persoas que pola súa ocupación poden estar en contacto con aves (especialmente os que están directamente involucrados nas tarefas de destrución de animais mortos, limpeza e desinfección e os que traballan en granxas) e, así mesmo, os viaxeiros internacionais.

Respecto aos grupos de risco para a vacinación antipneumocócica, son os inmunocompetentes, é dicir, persoas entre 2 e 64 anos con patoloxías crónicas (cardiovasculares, EPOC, diabetes, etc.). Tamén son grupos de risco as persoas inmunocomprometidas (persoas de 2 ou máis anos con insuficiencia renal crónica, receptores de transplantes ou aqueles que están recibindo terapia inmunosupresora, entre outros colectivos).

Nesta campaña están dispostos máis de 1.000 puntos de vacinación en toda Galicia entre centros de Atención Primaria e Especializada, residencias da terceira idade, centros penitenciarios, centros de menores, etc, co fin de garantir a accesibilidade de toda a poboación.

O número de doses vacinais necesarias das que dispón Sanidade para esta campaña é de 645.000 da vacina antigripal e de 30.000 da antipneumocócica.

Para a divulgación da campaña que agora comeza, Sanidade elaborou diverso material para a comunicación ao sistema sanitario desta, entre o que destacan 10.000 carteis divulgativos, 2.700 talonarios de rexistro numérico diario da vacina administrada e 8.000 instrucións.

Para proceder a informar a poboación, o departamento que dirixe Pilar Farjas realizou 5.000 carteis divulgativos e 200.000 carnés de vacinación do adulto.





O SERGAS ESTABLECE UN PLAN DE CONTINXENCIAS FRONTE A GRIPE A PARA AS SÚAS INSTITUCIÓNS SANITARIAS, CONSENSUADO COA MESA SECTORIAL

Entre a serie de medidas que a Consellería de Sanidade e o Servizo Galego de Saúde está a levar a cabo para facer fronte á gripe A, o Consello da Xunta, reunido no día de hoxe, vén de aprobar un Plan de Continxencias para as institucións sanitarias do Sergas, que vai permitir dispor dos recursos humanos necesarios nestes centros para atender a demanda asistencial xerada.

O Plan ten por obxecto definir as medidas de protección do persoal das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde, e, ademais, incorpora o elenco de iniciativas que, en materia de persoal, poden resultar precisas para garantir que en todas as fases da pandemia se poida dispoñer dos recursos necesarios para facer fronte á carga asistencial. Tamén establece o modo de evitar un agravamento da situación pandémica como consecuencia do incremento das baixas laborais do persoal das institucións sanitarias do Sergas.

Engadido a todo o anterior, o Plan non só garante a participación dos órganos de representación do persoal, senón que, tamén, establece canles de comunicación e información para que, as medidas que se adopten, cheguen de forma rápida e veraz ao coñecemento dos axentes implicados.

O Plan sinala que os órganos directivos das institucións sanitarias identificarán os recursos dispoñibles e os adicionais que poidan requirirse nos diferentes ámbitos, unidades e servizos, en función da evolución da situación da pandemia, con especial atención a aqueles servizos ou unidades susceptibles de asumir unha maior carga asistencial por razón da pandemia.

Entre outras medidas adoptaranse, con carácter xeral, diversas iniciativas. Así, en materia de vacinación, recoméndase que o persoal que traballe en unidades onde se atenden pacientes con infección tipo gripe estean vacinados da gripe estacional e, no seu momento, da gripe A.

En materia de información e formación, os traballadores sanitarios dedicados á atención destes pacientes deben recibir información e formación sobre o modo de transmisión e un adestramento adecuado sobre as precaucións para a prevención da infección.

Respecto ás medidas de protección, os equipos de protección individual deberán utilizarse cando existan riscos para a seguridade ou saúde dos traballadores, e que non puidesen evitarse ou limitarse por medios técnicos de protección colectiva ou mediante medidas de protección do traballo.

No que se refire aos traballadores con factores de risco, estableceranse medidas específicas adicionais para as embarazadas e para aqueles profesionais con factores de risco de sufrir unha gripe complicada (diabéticos, obesos, asmáticos, etc.).

O Plan de Continxencia do Sergas sinala, igualmente, que se consideran os sistemas e procedementos de selección de persoal temporal do organismo como instrumento de primeiro nivel á hora de satisfacer os requirimentos de incorporación de novos efectivos ás institucións sanitarias, coa finalidade de garantir a continuidade asistencial.

Entre outras medidas, logo de ser tratadas, de ser o caso, na Comisión central de seguimento do Pacto de vinculacións temporais, poderanse prorrogar os nomeamentos eventuais formalizados para a cobertura das vacacións estivais; e poderase centralizar a xestión das listaxes de selección de temporal para determinadas categorías co obxecto de priorizar as necesidades e realizar unha distribución máis axeitada dos recursos no conxunto dos centros e áreas sanitarias. Ademais de todo o antedito, poderanse axilizar e simplificar os procesos de incorporación automática de novos aspirantes e nomeamentos temporais.

O Plan recolle, tamén, que se poderá, motivadamente, e contando coa participación dos órganos de representación do persoal, proceder á denegación, suspensión ou revogación das autorizacións de desfrute de vacacións, licenzas e permisos, que serán obxecto, se é o caso, de posterior desfrute.

As medidas de mobilidade que resulte necesario adoptar como consecuencia da pandemia rexeranse polo principio de voluntariedade.

Respecto do seguimento e comunicación, o Plan establece que os órganos directivos das institucións sanitarias establecerán as canles de comunicación e participación precisas para que as medidas que se adopten na súa aplicación cheguen a coñecemento de todos os axentes implicados (mandos intermedios, xuntas de área, comisións de centro, comités de seguridade e saúde, profesionais, etc.). Así mesmo, os órganos directivos das institucións sanitarias comunicarán as instrucións precisas para que as empresas que desenvolvan a súa actividade nos centros adopten as súas propias medidas para facer fronte á situación de pandemia e garantan a continuidade da súa prestación, con especial atención a aqueles servizos que se consideran esenciais, como é o caso da limpeza.