23 septiembre 2009

Domínguez vuelve a la carga con el plan de usos del Puerto de Vigo

-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O tenente de alcalde, Santi Domínguez, reclamou este martes á presidenta da Autoridade Portuaria a presentación do Plan do Usos do Porto nun prazo máximo de 15 días como condición indispensable para acadar o consenso sobre o futuro das instalacións portuarias. Presentación da relación das concesións administrativas vixentes, definición dos espazos do Porto a ceder á cidadanía, clarificación da lámina de auga en función de criterios medio ambientais e futuro do sector naval constitúen, segundo subliñou o nacionalista, “os catro puntos fundamentais que hai que poñer enriba da mesa para acadar o consenso”.

“Dá a impresión de que a presidenta da Autoridade Portuaria non quere acadar o consenso porque hai dous meses e medio que levamos reclamando o Plan de Usos e a día de hoxe non temos ningunha información ao respecto”, criticou o tenente de alcalde. Segundo sinalou Santi Domínguez, isto é debido a que elaborar “unha verdadeira planificación portuaria leva tempo e o problema é que Corina Porro non o ten porque o que lle preocupa son as eleccións de 2011 e non o futuro do Porto”. A este respecto fixo fincapé en que “non se pode traballar no Porto con miras de ano e medio, senón que hai que planificalo de cara aos vindeiros 50 anos”, salientou.

Santi Domínguez asegurou que non só o BNG é o que reclama a presentación do Plan de Usos, senón que é a propia lexislación a que demanda contar co Plan Estratéxico, o Plan Director e o Plan de Usos “no caso de querer efectuar ampliacións significativas”.
“Se Corina Porro non sabe como chegar ao acordo, imos explicarlle que debería ter iniciado para acadalo”, sinalou. Ao respecto mencionou en primeiro lugar a necesidade de que a Autoridade Portuaria presente a listaxe coas concesións administrativas vixentes no Poroto e os seus usos actuais. O tenente de alcalde lembrou que esta é unha demanda que o BNG leva presentando dende hai 10 anos, polo que é un “paso vital para que poidamos discutir polos usos racionais do Porto”.

En segundo lugar salientou que a presidenta da Autoridade Portuaria deberá indicar que espazos está disposto a ceder o Porto para a cidadanía. Santi Domínguez indicou que xa no 2006 o Ministerio de Fomento respostáralle a unha cuestión presentada pola deputada nacionalista Olaia Fernández Davila que a Autoridade Portuaria ten plena potestade para ceder espazos en función do consenso co Concello. “Este punto é fundamental para que as forzas políticas e sociais poidan dicir o que pensan e o BNG xa o expresou ao demandar a recuperación da fronte do Berbés”, subliñou.

Neste sentido, o tenente de alcalde asegurou que esta demanda está alonxada da “demagoxia” e destacou que o BNG reclama a recuperación do fronte do Berbés pero “sen que se perda nin un só posto de traballo”. Lembrou que hai edificacións rematadas en Bouzas destinadas ao traslado de empresas do Berbés. Afirmou asemade que o BNG quere á recuperación do litoral de Teis “porque hai certos usos e concesións que non deberían estar alí, polo que é preciso facer un plantexamento global deste barrio tal e como demanda a veciñanza”; así como a ordenación da zona de Bouzas.

O terceiro punto destacado por Santi Domínguez refírese á lámina de auga. “Non pode ser que xa non saibamos se a ampliación do Areal vaise facer con pilotes ou sen pilotes ou que pasa co peirao de Trasatlánticos”, sinalou. O tenente de alcalde subliñou que o criterio que ten que primar neste apartado é o factor medio ambiental e alertou contra a política de “feitos consumados do pasado” cos que ten actuado o Porto, en relación aos recheos de Bouzas. “Non pode ser que primeiro se actúe e logo se queda chegar a acordos. O BNG non entrará en ningunha negociación se hai feitos consumados relacionados con actuacións que non se teñan consensuado previamente”, asegurou.

Finalmente, o tenente de alcalde salientou que o futuro do sector naval é outro dos elementos fundamentais para chegar ao consenso. Lembrou que no 2006 o BNG xa manifestaba a súa preocupación polo feito de que na zona dos asteleiros se apreciaba unha reducción na área adicada á construción naval e que non existía reserva para o Centro Tecnolóxico de Reparacións Navais. “Nestes momentos de crise nos que a cidade ten que buscar o seu futuro económico, este Centro é fundamental. É un elemento xerador de emprego e de riqueza para a cidade”. Ao respecto, indicou que “sabemos que que hai vontade por parte das empresas asentadas nesa zona para coordinar esforzos”. Salientou asemade que coa anterior Xunta de Galiza e coas negociacións mantidas co por entón conselleiro de Industria, Fernando Blanco, se falaba que o Centro de Reparación podería supoñer uns ingresos anuais para Vigo de 300 millóns de euros.