23 septiembre 2009

Novedades en el patronato
de la isla de San Simón

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O Padroado da Fundación Illa de San Simón na súa reunión de hoxe na Consellería de Cultura e Turismo decidiu o nomeamento de Francisco Javier Alonso González como novo director-xerente da institución. A decisión foi aceptada por unanimidade a proposta do conselleiro de Cultura e Turismo e presidente do Padroado da Fundación Illa de San Simón, Roberto Varela. Francisco Javier Alonso González, licenciado en Dereito pola Universidade de A Coruña e cunha extensa experiencia como programador cultural, encargarase da elaboración dun novo proxecto de actividades para a Illa de San Simón.

Desde 2008 ocupou o cargo de director-xerente da Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM), dedicado á produción, promoción e distribución de espectáculos musicais e ao management de artistas. Levou a cabo a apertura da negociación do convenio colectivo para o sector e impulsou a creación do clúster das industrias culturais de Galicia, primeira iniciativa en España destas características. Así mesmo, traballou na definición dos procesos de traballo das empresas do sector para a consecución de estándares de calidade.

Foi profesor no máster en Propiedade Intelectual da Universidad Autónoma de Madrid 2007-2009 no módulo sobre organización de espectáculos e exerceu durante nove anos como avogado especializado na consultoría para empresas culturais.

No ámbito empresarial, a súa actividade centrouse no management e distribución de artistas, deseño e produción de eventos culturais así como na representación de artistas galegos en xiras por España e a nivel internacional. Entre os artistas internacionais producidos están Carlinhos Brown, Rosana, Vieja Trova Santiaguera, Lila Downs, Anthony & The Johnsons, Pat Metheny, Emir Kusturica & The No Smoking Orchestra ou Goran Bregovic. Dos eventos máis relevantes nos que Francisco Javier Alonso González ten participado na súa produción destacan A Festa Dos Mundos (con 150.000 asistentes aproximadamente), Cantos na Maré (Pontevedra) ou Sons da Diversidade (Santiago de Compostela).