23 septiembre 2009

Trata e Explotación Sexual : a Xunta denuncia

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A secretaria xeral da Igualdade, Marta González, quixo resaltar durante a súa intervención inaugural na xornada dedicada ao Día Internacional contra a Trata e a Explotación Sexual, a necesaria implicación de “mulleres e homes” para poñer fin a este tipo de actos nas “sociedades avanzadas e democráticas”. “Desde a Xunta non queremos que este día pase desapercibido, facendo un chamamento, a través desta xornada, á reflexión e concienciación de todos sobre este problema inadmisible”, incidiu.
Neste sentido, Marta González apuntou tamén a evidente proximidade que presenta a problemática co noso país: “A trata de persoas con fins de explotación sexual non é só un asunto que afecte aos países menos desenvolvidos e do que nos poidamos desentender. Aféctanos tamén xa que se trata dun negocio cada vez máis rendible, animado por unha demanda crecente que ten que ver moito con nós, xa que as mulleres que son obxecto de trata o son porque no noso país, e tan cerca de nós como que somos nós mesmos, existe unha demanda sempre crecente de compra de sexo”.
Así, o fenómeno da trata continúa en aumento. “A Oficina Internacional das Migracións –sinala González- cifra en medio millón as persoas vítimas de trata que cada ano chegan a Europa occidental”. A este dato poderían engadirse outros, como os aportados polo fiscal xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Carlos Varela, no curso da súa intervención no acto: “No período 2005-2008 desarticuláronse 59 redes de tráfico de mulleres en actuacións levadas a cabo pola Policía Nacional de Galicia, sumándose un total de 1.847 vítimas”. “So no ano pasado –prosigue Varela- rexistráronse 29 delitos e procedementos relativos á prostitución. E é que estás mafias poden chegar a obter rendementos estimados duns 600.000 euros ao ano”.
E todo elo pese a condena dun ordenamento xurídico, o español, no cal, aínda que non se tipifica como delito a prostitución, si se sancionan o proxenetismo e a trata de persoas. Non obstante, tal e como recorda Marta González, a ratificación de España este pasado verán do “Convenio do Consello de Europa sobre a loita contra a trata de seres humanos requirirá a próxima modificación do código penal para adaptalo á normativa europea, endurecendo as penas para os traficantes e protexendo ás vítimas”. Unhas vítimas que, na maioría dos casos, responden á combinación de “pobre, inmigrante, muller, e explotada”, e que dificilmente denunciarán a súa situación “temerosas de que lles poida ocorrer algo a elas e ás súas familias, aos fillos e fillas que deixaron no país de orixe”.

Por todo isto, e coa finalidade de ser máis eficaces na investigación criminal deste tráfico de persoas, e de maximizar os medios de proba necesarios para conseguir unha condena penal deste tipo de delitos, a Fiscalía Superior de Galicia e a Xunta de Galicia teñen practicamente ultimado un denominado Protocolo de actuación institucional sobre adopción de medidas de prevención, investigación e tratamento ás mulleres vítimas do tráfico de persoas con fins de explotación sexual. O mesmo contén una folla de ruta que permitirá a coordinación e colaboración entre os distintos organismos con competencia nesta materia, e será de gran utilidade para as investigacións e procedementos xudiciais, ao tempo que servirá para prestar asistencia ás mulleres traficadas recoñecéndolle unha serie de dereitos asistenciais mediante o achegamento de recursos. “Este Protocolo de actuacións esperamos que facilite o marco no que se desenvolve a tarefa de todos e cada un dos implicados no problema”, apunta González.
Un documental contra a trata
A xornada serviu, tamén, para proxectar o documental “Voces contra la trata”, dirixido por Mabel Lozano. No mesmo denunciase o horror que cada ano sofren millóns de mulleres que deixan o seu país na busca dunha vida mellor pero que, finalmente, vense abocadas á prostitución forzosa.

Todos estes actos enmárcanse nas medidas que se desenvolven desde a Xunta de Galicia para erradicar a violencia contra as mulleres, xa que son fundamentalmente mulleres e nenas as que sofren situacións de explotación sexual e trata.