23 septiembre 2009

Juárez defiende una política de precios de leche que no engañe a los ganaderos

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- “Os contratos entre produtores e industrias non se están asinando a un bo ritmo, e é un aspecto básico que o produtor saiba canto se lle vai pagar o mes que ven”. Así o afirmou esta mañá o conselleiro do Medio Rural, Samuel Juárez Casado, nunha intervención no programa “Galicia por Diante” da Radio Galega.

O conselleiro cualificou de “urxente” que se retomara a Comisión de Seguimento para “pasar revista o que está indo mal e corrixir as cousas a tempo”. Entre eses aspectos a modificar salientaba que o acordo de xullo creou unhas expectativas dun pacto do prezo medio, que para cumprirse deberían incrementarse as taxas, o cal no mes de agosto non estaba sucedendo. “Neste momento si que están empezando a subir os prezos o cal é un bo sinal”, aínda que o conselleiro puntualizaba que quizais esta subida non se estea a realizar na medida do necesario.

Outro erro a corrixir segundo o titular de Medio Rural é a axilización da sinatura de contratos entre os produtores e as industrias, pois o número de contratos a data de hoxe aínda é baixo. “Dende a Xunta estamos comprometidos coa cuestión e así llelo transmitimos as industrias ao longo das xuntanzas que vimos mantendo” afirmaba Samuel Juárez, destacando como prioritaria a sinatura destes contratos para poder acceder a calquera tipo de beneficio das empresas.

En relación cos anuncios de mobilización do sector o conselleiro opinaba na Radio Galega que “a mobilización constante non leva a ningunha parte”. É preciso que a Unión Europea faga os seus deberes e que o Goberno defenda en Bruxelas o incremento deste prezo de intervención e outras medidas, coa finalidade de que o mercado se reactive canto antes.

Axudas directas
Preto de 11.000 explotacións xa solicitaron a axuda directa posta en marcha pola Xunta de Galicia. Segundo os datos cos que conta arestora a Administración autonómica, as solicitudes corresponden a 10.931 explotacións produtoras de leite e con entregas nesta campaña, para as que se destinarán 20 millóns de euros, tal e como se comprometera no seu día. Daquela, e sempre e cando tódolos peticionarios cumpran os requisitos da orde, a axuda media por explotación superará os 1.800 euros.