02 septiembre 2009

La Xunta anuncia que templa gaitas con Vigo, A Coruña, Santiago y las aerolíneas de bajo coste

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A Secretaría Xeral para o Turismo ten por obxectivo racionalizar as negociacións en materia de promoción de voos de baixo custe aos aeroportos galegos. Neste compromiso do Goberno galego están implicadas tres consellerías: Cultura e Turismo, Economía e Industria e Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Mañá xoves comezarán as reunións directamente coas compañías de baixo custe e cos representantes municipais para obter a maior rendibilidade posible.

Antececentes
A actual Administración Autonómica herdou nesta materia unha situación de inexistencia de convenios e de partidas orzamentarias dirixidas á fin de promocionar liñas low cost. A Secretaría Xeral para o Turismo investiu 1.015.000 euros como remedio de urxencia. Dese orzamento que está dirixido a acordos promocionais coas aeroliñas, Santiago recibiu un 50% máis. En 2008, Incolsa recibiu da administración autonómica un total de 1.530.000 euros dos que 706.000 foron para accións de patrocinio publicitario a través de Ryanair. Turismo da Coruña recibiu 1.200.000 euros dos que 300.000 foron para accións de patrocinio publicitario a través de Clickair.

Propostas
A liña de traballo da Xunta de Galicia nesta materia é avanzar cara un sistema integrado de xestión aeroportuaria conxunta creando complementariedades e eliminando competencias, considerando Galicia como un único destino con tres terminais. O obxectivo é non caer en solapamentos e non xerar competencias agás nos destinos nacionais en que se xustifique. Perséguese un sistema integrado de xestión aeroportuaria, tendo en conta que a Comunidade Autónoma non ten competencias nin participación algunha nesta xestión, así mesmo, considérase necesaria a participación doutras consellerías porque o Goberno entende que isto non é só turismo, senón calidade de vida, apertura da economía galega, internacionalización das empresas e vertebración do territorio.

No mes de xuño houbo un primeiro encontro entre as partes implicadas onde se fixaron os indicadores a través dos que se repartirán os acordos publicitarios de patrocinio da Xunta coas aeroliñas de baixo custe no futuro. Estes indicadores son, entre outros, o histórico do número de pasaxeiros, as condicións técnicas dos aeroportos e os servizos e mais os condicionantes das compañías, así como o potencial de novos pasaxeiros, ou a excepcionalidade do Ano Santo como aporte ou partida económica especial.


Aportacións en 2009
En 2009, as cifras que corresponden a cada contrato publicitario de patrocinio que será directamente asinado coas aeroliñas son as seguintes: Vigo, 300.000 euros; A Coruña, 325.000 euros e Santiago 450.000 euros. Xa que en 2008 as cifras foron inexistentes para Vigo, 300.000 para A Coruña e 706.000 para Santiago, isto quere dicir que as aeroliñas de baixo custe que operan en Lavacolla terán este 2009 un 50% máis de dotación que os outros aeroportos á marxe do impacto que suporá a aportación que nos presupostos se destine para o Xacobeo 2010.

Existe, xa que logo, un calendario de reunións xa fixadas cos responsables municipais dos tres concellos galegos con aeroporto e cun representante da compañía aérea. Cultura e Turismo presentará un exhaustivo informe de análise e deseño do escenario para plantexar actuacións de futuro. Para a elaboración deste informe pediuse a colaboración dos concellos implicados.

Nesta primeira reunión están convocados Miguel Rodríguez Bugarín, Director Xeral de Mobilidade (Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas);Nava Castro Domínguez, Directora Xeral de Comercio (Consellería de Economía e Industria); Carmen Pardo López, Secretaria Xeral para o Turismo (Consellería de Cultura e Turismo);-Alex Cruz, representante de Vueling; Xosé Manuel Iglesias, concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo de Santiago de Compostela; Santiago Domínguez Olveira, tenente de alcalde do Concello de Vigo; Henrique Tello, tenente de alcalde e concelleiro de Promoción Económica e Turismo do Concello da Coruña;-Carmen Pita Urgoiti, xerente de Turgalicia (Consellería de Cultura e Turismo).