02 septiembre 2009

Habrá cooperación en materia pesquera entre Polonia y Galicia

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-A Conselleira do Mar, Rosa Quíntana, recibiu na tarde de hoxe ao embaixador da República de Polonia, Ryszard Schnepf, quen acudiu ao encontro acompañado do cónsul honorario do país báltico en Galicia, Juan Manuel Vieites Baptista de Sousa. A titular do departamento marítimo – pesqueiro da Xunta agradeceu o interese do embaixador no contacto e subliñou as amplas perspectivas de colaboración e alianza que se abren para Polonia e Galicia nos eidos pesqueiro e acuícola.

Neste senso, Rosa Quintana coñeceu de primeira man os intereses pesqueiros polacos, destacando as similitudes da traxectoria desta república e Galicia no eido da pesca, xa que Polonia padeceu unha ampla reconversión da súa flota de altura como consecuencia da ampliación das augas das Zonas Económicas Exclusivas ás 200 millas, así como veu tamén regulada de forma severa as súas cotas de pesca de especies fundamentais para as súas flotas coma o bacallao do Báltico.

Polonia posúe unha flota pesqueira dunhas 1.260 embarcacións que faenan fundamentalmente dentro das augas propias e que desembarcan anualmente máis de 150.000 toneladas procedentes do mar Báltico, destacando nestes alixos as capturas de espadín, arenque e bacallao. As flotas de altura da república polaca viñeron traballando habitualmente nos caladoiros das Malvinas e Mar de Bering, sufrindo un progresivo proceso de despezamento que o levou a minguar enormemente as súas operacións en augas de terceiros países.

A titular do departamento de Mar tamén apuntou a crecente importancia do sector transformador e comercializador de peixes que posúe Polonia, e que agrupa a máis de 15.000 traballadores e destacou as posibilidades que se abren para as empresas galegas do ramo, camiño que xa se iniciou con especies coma a xarda ou a polaca, capturada pola flota galega en Malvinas e de gran demanda no país báltico. A industria de transformación de productos do mar en Polonia conta con 340 plantas e xera máis de 273.000 toneladas de producción, destacando as conservas e o filete de peixe fresco e conxelado.

Por outra banda, o embaixador polaco e a conselleira avogaron por establecer alianzas de cara a defender os intereses pesqueiros e acuícolas de ambas partes no seo da Unión Europea, tendo en conta que Polonia é principal país pesqueiro do este de Europa e dos novos membros da UE. Neste senso, Rosa Quintana tamén amosou a disposición a colaborar no eido marítimo e de tráfico portuario, xa que Polonia posúe disposición para a conexión mediante tráfico de colectores entre o peirao de Szczecin e Vigo, así como tamén apuntou as posibilidades que no eido da construcción naval ten o país báltico, especialmente vinculadas á industria que deste tipo se asenta en Gdansk.