24 septiembre 2009

La Xunta enseña la oreja : mucho apoyo al CGAC (Santiago) y silencio sobre el MARCO (Vigo)

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, asegurou hoxe na inauguración da exposición Familiar Feelings que Galicia e o Centro Galego de Arte Contemporánea (en Santiago) “teñen o potencial e o deber de proporse como referencia a nivel internacional”. Para Varela, o CGAC “é xa unha presenza sólida e un elemento recoñecible na cidade de Santiago, unha referencia para os creadores do noso país, pero debe ser moito máis, ten que se converter no espazo privilexiado da creatividade en Galicia, na Galicia do século XXI”.

Con este obxectivo, o responsable de Cultura cualificou de “ímprescindible” configurar o proxecto do centro “coma un proxecto colectivo, comunitario, para reactivar os fluxos de visitantes, implicar á cidadanía nun diálogo real, sólido e constante coa institución”. Roberto Varela asegurou que ao igual que os artistas do Grupo de Boston “souberon rachar coas convencións e experimentar con novos modos de comunicación para anular a distancia entre os creadores e o espectador, nós temos a obriga de reinventar con paixón e orixinalidade a relación entre a arte, a cultura e os públicos.”

Neste sentido, segundo o conselleiro de Cultura e Turismo, o CGAC debe ter “a ambición e o propósito” de ser “un espazo vinculado á nosa realidade e ó noso público, pero cunha mirada que albisca as máis innovadoras e relevantes tendencias da contemporaneidade alá onde poidan xurdir.” “Galicia e o seu centro de arte contemporánea teñen o potencial e o deber de proporse como referencia a nivel internacional, a centralidade hoxe non ven determinada pola posición no mapa, senón pola riqueza da programación, o rigor dos contidos, o capital intelectual e humano que sexamos quen de activar”, engadiu

Concurso internacional
Na véspera da reunión do comité de expertos que proporá ao futuro director do CGAC, Roberto Varela recordou que a Consellería de Cultura e Turismo convocou “por primeira vez na historia do centro” un concurso internacional para seleccionar ó seu responsable e anunciou que “en menos dunha semana” se fará público o nome da persoa designada para este labor. Neste sentido, subliñou que “a independencia, a profesionalidade e o prestixio do comité de expertos serán o mellor aval para a futura dirección”.

“Este é o noso modo de concibir a xestión e a promoción da cultura dende as institucións públicas: dende a transparencia, dende o rigor, creando as condicións, construíndo o marco de traballo, a partir do cal as persoas máis preparadas poden abordar con creatividade e iniciativa as súas tarefas”, afirmou.

En palabaras do conselleiro, “o contexto actual esixe de nós que restituamos o seu esforzo dun xeito análogo: reintroducindo a creatividade, a valentía e o risco na xestión das nosas vidas, das nosas institucións e da nosa cultura”.

Grupo de Boston
No seu discurso na inauguración da temporada de outono do CGAC, o conselleiro gabou o traballo dos artistas que conformaron o Grupo de Boston, moitos deles presentes no acto, “polo seu compromiso sempre ao límite coa propia arte” a través de “creacións nas que expoñen a súa vida, nas que comparten os seus momentos máis íntimos con xenerosidade exemplar”. “Hoxe coma sempre temos moito que aprender da arte, moitas ensinanzas, suxestións e ideas que extraer. A ocasión é inmellorable: acompañados duns artistas que introduciron a riqueza e a complexidade da vida na súa arte para revolucionar o panorama contemporáneo“ asegurou.

A mediados dos anos 70, unha serie de artistas da Costa Leste norteamericana comezaron a desafiar as convencións do medio fotográfico dende os seus aspectos técnicos e morais cunha influencia enorme nos usos da representación de finais do século XX. A defensa da veracidade manifestábase a través dun grao descoñecido de intimidade exposta, ao mostrar xeitos de vida non lexitimados polo conxunto social, como personaxes da noite, vidas marxinais, adiccións, afectos, experiencias sexuais e co xénero ou a irrupción de novos modelos de articulación social. A súa achega fundamental consiste en converter en narrativas atractivas motivos cotiáns que ata aquel momento nunca se consideraran de interese como asunto dunha peza de arte. Ao longo dos anos 90, este grupo foi rebautizado como “Boston School” a partir dunha broma da artista Nan Goldin. Relacionados a partir de afinidades persoais e por compartir os seus estudos na School of the Museum of Fine Arts ou na Massachusetts College of Art, ambas en Boston, foron trasladándose progresivamente a Nova York para participar activamente na construción da escena do Bowery.

A exposición Familiar Feelings, comisionada por Manuel Segade e que poderá visitarse ata o 13 de decembro está composta por máis de 150 pezas, na súa maioría fotografías, e numerosa documentación sobre os integrantes da chamada Escola de Boston. A mostra suma diversas mostras individuais que permiten a comprensión completa de cada un dos artistas. Os artistas participantes neste exposición son: Diane Arbus, David Armstrong, Larry Clark, Philip-Lorca diCorcia, Nan Goldin, Mark Morrisroe, Jack Pierson, Tabboo!, Gail Thacker, Shellburne Thurber, Starn Twins e Kathleen White.