24 septiembre 2009

Otra de sacar pecho : Feijóo ahora presume de las cifras de ayuda a los discapacitados

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que o Goberno galego destinará 7 millóns de euros máis dos seus orzamentos á discapacidade, o que supón un incremento do 20 por cento con respecto ao ano anterior. Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, celebrado esta mañá na cidade de Lugo, Alberto Núñez Feijóo referiuse ao incremento aprobado hoxe de 300 novas prazas, financiadas con fondos públicos, para persoas con discapacidade.

“Hoxe o Consello da Xunta deu o visto bo a un incremento do orzamento en servizos sociais no que se refire aos compromisos en materia de discapacidade”, sinalou indicando que son “300 novas prazas financiadas con fondos públicos o que supón un aumento do 20 por cento dos orzamentos dedicados á discapacidade”.

O presidente galego incidiu en que estes 7 millóns de euros máis permitirán crear “máis centros de día, máis centros de residencias e máis centros ocupacionais para o colectivo de discapacitados en Galicia”, dando cumprimento “ao compromiso que asumimos hai unhas semanas con estes colectivos”.

O mandatario autonómico contrapuxo a postura do Executivo galego coa do Goberno central, que aínda non ten definidos, dixo, os seus compromisos financeiros nesta materia. “A pesar de que o Goberno central aínda non pechou os seus compromisos financeiros para os servizos sociais, e moi concretamente para a Lei de dependencia, nós adiantamos xa 7 millóns de euros no compromiso da dependencia, da grande dependencia e neste caso nos compromisos da poboación discapacitada”, enfatizou.



1 millóns de euros máis para o Pacto Local
O presidente do Executivo autonómico, anunciou, ademais, que a Xunta vén de autorizar unha inxección de liquidez aos concellos de menos de 5.000 habitantes, incrementando en 1 millón de euros máis o fondo destinado a subvencionar os gastos dos concellos. “A pesar da crise económica –dixo- poñemos un millón de euros máis para os concellos pequenos de Galicia, co obxecto de axudalos a pagar as nóminas e a pagar os gastos correntes”.

En total, e segundo afirmou Feijóo, son 199 os concellos que, con menos de 5.000 habitantes, se beneficiarán deste incremento do Pacto Local para o ano 2009, “conseguindo aliviar, en parte, a situación difícil que están plantexando”.

No tocante ao convenio asinado onte coa Fegamp, Feijóo lembrou que se trata dun acordo para pactar un urbanismo responsable. “Onte –dixo- iniciamos unha nova época de colaboración cos concellos de Galicia para tentar buscar un organismo que desbloquee a situación no ámbito rural pero que manteña os principios de transparencia e de responsabilidade no que se refire á construción ordenada no ámbito rural”.

Campañas de vacinación e protocolo de actuacións
Por outra banda, Alberto Núñez Feijóo, aproveitou a rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta para explicar as campañas de vacinación previstas para este exercicio, tanto no que respecta a gripe convencional como á gripe A. “En relación coa gripe estacional, comezamos o día 28 de setembro a vacinación ordinaria. Estamos, polo tanto, cumprindo o compromiso de que antes de rematar setembro empecemos a campaña de vacinación da gripe convencional”, apuntou Núñez Feijóo. Desta maneira, serán mais de 1.000 os puntos, entre os diferentes centros de saúde e hospitais, aos que poderán acudir os 650.000 galegos que están chamados a iniciar esta campaña ordinaria contra a gripe convencional. “Unha vez rematado este período de vacinación –engadiu Feijóo- iniciaremos, a principios de novembro, se o Ministerio de Sanidade transfire as vacinas ás comunidades, a vacinación no que se refire a gripe A”.

Así mesmo, e nas actuacións contra esta gripe, o presidente da Xunta anunciou tamén a aprobación dun plan de continxencia en relación có persoal do Servizo Galego de Saúde: “Temos pactado un protocolo con todas as organizacións sindicais, e os profesionais do Servizo Galego de Saúde, que permitirá dispor de recursos humanos e sanitarios necesarios no caso de atender demandas puntuais que se poidan xerar en determinados centros de saúde, ou en determinados hospitais, por profesionais sanitarios que poidan ter a gripe A”. Este protocolo permitirá a substitución inmediata dos médicos e supón o cumprimento do acordado có Estado. “Galicia pode estar tranquila, pero vixiante, sen dúbida, ante a incerteza que pode conlevar a pandemia de gripe A. Estamos preparados con todos os recursos dispoñibles, e estamos actuando co rigor que se necesita en todas as cuestións relativas a sanidade”, rematou Núñez Feijóo.