24 septiembre 2009

Buenas intenciones a través de la nueva Ley de Familia de Galicia

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, adiantou hoxe que a Lei de Familia que impulsa o seu departamento promoverá as medidas para a conciliación da vida laboral e familiar, tales como a flexibilización da xornada de traballo, as posibles reducións de horario e o reforzamento das escolas infantís.

Mato realizou estas declaracións durante a súa intervención nun almorzo-coloquio, organizado pola Asociación para o progreso da Dirección (APD), no marco do primeiro encontro do RH Club. Esta iniciativa permite que os directores de recursos humanos das empresas máis importantes de Galicia compartan as súas experiencias.

A titular do departamento autonómico lembrou que a Xunta sitúa ás persoas “no centro das dúas políticas” e valorou ao “traballador como eixo da xestión dos recursos humanos e o desenvolvemento do talento”. Así, aseverou que o emprego “é a primeira das políticas sociais” e reivindicou que “non se perda de vista a calidade dos postos de traballo”, en tanto a “motivación do traballador incide positivamente na súa produtividade”.

A conselleira comprometeu o seu apoio á “consecución do trinomio: traballo-motivación-satisfacción” co fin de mellorar o benestar social e o crecemento. Con este mesmo obxectivo, fixo mención ás medidas para a conciliación da vida laboral e familiar que se recollerán na Lei de Familia, así como anunciou a creación dun Observatorio da responsabilidade social empresarial de Galicia, co fin de difundir a importancia das medidas de RSE na xestión empresarial e colaborar na súa implantación.

Mato apostou tamén pola retención dos talentos, en especial dos mozos e mozas, xa que “estamos ante a xeración de galegos mellor formados”. Ao tempo recordou varias iniciativas do seu departamento como o Plan de medidas urxentes fronte á crise ou o Plan autonómico de emprego.