23 septiembre 2009

Saca pecho Feijóo con la atención a dependientes, cuando sigue siendo un escándalo la "estafa" de la Ley de Dependencia

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe que en menos de cinco meses de goberno, o Executivo autonómico ten atendido a un 25% máis de dependentes, reducindo ademais nun 75% as solicitudes pendentes de valoración. Ademais, subliñou que neste tempo se crearon 753 novas prazas de escolas infantís e 300 prazas sostidas con fondos públicos de atención a persoas con discapacidade.

Así o manifestou o xefe do Goberno galego no Parlamento autonómico, onde sinalou que a Xunta foi quen de lograr estes avances “a pesares do burato nos orzamentos de 1.200 millóns de euros”, e “tendo que devolver 1.900 millóns de euros como consecuencia das malas previsións do Goberno central”.

Na súa intervención, o titular da Xunta lamentou a falta de fondos atopada cando comezou o seu mandato, así como o feito de que “o Estado non teña achegado os fondos necesarios para dar cumprimento á Lei da dependencia”. “E tamén lamentamos –engadiu- non poder abrir centros de educación infantil ou residencias para persoas dependentes porque o bipartito non deixou orzamento para equipalas axeitadamente”.

Fronte a isto, Feijóo salientou que o Goberno autonómico está “poñendo os medios para por remedio a esta situación”, como demostra “a nosa clara aposta polas políticas sociais nos Orzamentos máis difíciles da historia da nosa autonomía”.

O presidente da Xunta puxo en valor os avances rexistrados na atención no cumprimento da Lei da dependencia, sinalando que a data do 18 de setembro están atendidos 15.199 grandes dependentes, e que prevé superar o seu compromiso electoral de superar os 18.500 grandes dependentes atendidos antes de finais de ano.

O titular do Executivo galego asegurou que o Goberno galego sabe que “iso non é suficiente”, polo que lle vén de reclamar ao Goberno central que achegue os 440 millóns de euros necesarios para facerlle fronte a estas obrigas. Nese sentido, preguntoulle ao BNG se no caso de que esa reclamación non sexa atendida a apoiará ou respaldará ao Executivo central “como nos teñen acostumados nos últimos anos”.

Alberto Núñez Feijóo manifestou o compromiso da Xunta de facer un esforzo para mellorar a xestión e os servizos de atención á dependencia, e anunciou a creación dunha Comisión de Coordinación da Atención Sociosanitaria de Galicia, “para unha óptima coordinación entre servizos sociais e sanitarios”. Así mesmo, sinalou que o Goberno autonómico manterá informados aos solicitantes cada tres meses do estado de tramitación do seu expediente, ao tempo que terá en conta a “opinión fundamental dos concellos” a través do Consello Galego da Dependencia.

Novas prazas en escolas infantís e Plan Integral para persoas con discapacidade
En relación co labor desenvolvido pola Xunta en relación coas escolas infantís, o presidente da Xunta destacou que neste curso se puxeron en servizo 753 novas prazas para nenos de 0 a 3 anos. “Puxemos en marcha todas as escolas infantís que realmente estaban listas para empezar”, afirmou, e resaltou que das 40 que o BNG asegura que se deixaron sen abrir, 30 “nin sequera aparecen detalladas na memoria do traspaso de poderes”, mentres que das outras 10, “6 non tiñan nin o equipamento nin o persoal orzamentado, 1 estaba en construción e 3 nin sequera comezaron a súa construción”. Polo tanto, subliñou, “non se pode recortar o que non existe”.

Alberto Núñez Feijóo anunciou ademais que o Consello da Xunta vai aprobar nas vindeiras semanas “o establecemento do concurso público que permitirá contar con 300 novas prazas públicas para persoas con discapacidade en centros de día, centros residenciais e centros ocupacionais”. Estas nova prazas, que aumentarán un 8% das xa existentes, complementarán o I Plan Integral para as persoas con discapacidade que traerá consigo “a reforma e mellora da normativa vixente en materia de accesibilidade e supresión das barreiras arquitectónicas”, e un “plan de emprego para persoas con discapacidade”.

Na súa comparecencia, Feijóo defendeu que “xustiza, igualdade e liberdade” son os tres principios que conforman a ideoloxía deste Goberno. Pola contra, o titular do Executivo autonómico aseguroulle ao BNG que nese proxecto nunca haberá lugar para “ocultar a realidade do número real de dependentes, cometer fraudes de lei nas oposicións, deixar facturas aprobadas sen fondos para pagalas, prometer novos centros sen orzamentos para equipalos ou gastar 1 millón de euros en tres anos en publicidade e propaganda do Consorcio”.

Sanidade: mellor rendemento e mellores infraestruturas
O titular do Executivo galego destacou que a aposta da Xunta no eido da sanidade pasa por “acadar unha mellor xestión para poder ofrecer un mellor servizo”, e nese marco situou as súas pretensións de que se incrementen os rendementos dos hospitais no horario de mañá, que se cumpra o estándar do 85% e atender as recomendacións do Consello de Contas. En definitiva, apuntou, “non imos recortar servizos, estamos dotando de racionalidade ao sistema para ofrecer un mellor servizo”.

Fronte a isto, o presidente da Xunta lembrou que durante o goberno do bipartito os seguros privados se incrementaron máis dun 30% nalgunha cidade galega.

Máis profesores, taxas conxeladas e máis usuarios de comedores
En relación co eido educativo, Alberto Núñez Feijóo resaltou como medidas adoptadas para este curso a conxelación das taxas universitarias e o incremento en 153 do número de profesores. Ademais, no tocante aos comedores escolares, subliñou que o novo Goberno galego houbo de “tapar un burato de 400 millóns de euros”, ao tempo que aumentou nun 10% das axudas as ANPAS para que poidan ofrecer este servizo. “Deste xeito, podemos confirmar que neste curso haberá 2.500 alumnos máis que poderán disfrutar o servizo de comedor”.

O titular do Executivo sinalou que en catro anos o bipartito pechou 78 colexios rurais agrupados, ao igual que neste curso se pecharán 23. Trátase, indicou, dunha práctica habitual, e remarcou que, ao contrario das ocasións anteriores, este Goberno chegou “a un acordo sobre as ratios nos agrupamentos do alumnado coas organizacións sindicais maioritarias”.