23 septiembre 2009

Galicia exporta a Brasil o exitoso espectáculo Cantos na Maré















Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- Uxía é a responsable da dirección artística, xunto co brasileiro Cacao Brasil, mentres que Paulo Borges e Paulo Rafael se encargarán da dirección musical. O evento enmárcase no V Encontro Empresarial de Negocios na Lingua Portuguesa, que reúne a 1800 empresarios da Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa (CPLP) en Fortaleza os días 28 e 29 de setembro

O teatro José de Alencar de Fortaleza (Brasil) acollerá o próximo día 29 de setembro ás 20h o espectáculo Cantos na Maré, creado por Nordesía no 2003 e que dende aquela se celebrou con éxito cada decembro en Pontevedra. Na súa edición brasileira, Cantos na Maré conserva a dirección artística de Uxía, creadora do formato orixinal, quen compartirá a experiencia co artista local Cacao Brasil. A dirección musical será responsabilidade de Paulo Borges, como vén sendo habitual, quen traballará man a man con Paulo Rafael.
Compartirán escenario con Uxía e Paulo Borges, ademais de Cacao Brasil, o guitarrista Tito París, de Cabo Verde; o cantante Tonecas, de San Tomé e Príncipe; José Amaral, do Timor Leste; o compositor e guitarrista Manecas Costa, de Guinea Bissau; o cantante Paulo Flores, de Angola; a orquestra Timbila Muzimba, de Mozambique; e a fadista Raquel Tavares, de Portugal. O show será o resultado dun intenso intercambio cultural entre os músicos, que comezaron o pasado luns a súa convivencia artística.
Xuntos, os artistas presentarán un repertorio que vai abranguer os diferentes ritmos e sons de cada país, ademais de presentar novas composicións, creadas especialmente para celebrar este encontro único. Cantos na Maré viaxa á outra beira do Atlántico coa intención de amosarlles aos participantes do evento e ao público brasileiro a beleza que constitúe a mestura de influencias sonoras e culturais destes países tan diferentes e, sen embargo, unidos pola mesma lingua e raíces culturais.
Cantos na Maré Brasil enmárcase no V Encontro Empresarial de Negocios na Lingua Portuguesa, que reúne a 1800 empresarios da Comunidade dos Países de Lingua Portuguesa (CPLP). O espectáculo musical, baseado na unión da cultura destes países, representa o eixo básico da programación cultural do encontro empresarial, xunto coa mostra de cinema, exposición de fotografías e lanzamento de libro nas dependencias do Teatro Celina Queiroz da Unifor.
O espectáculo será gravado, co apoio do Goberno do Estado do Ceara, nun CD promocional, con imaxes dos mellores momentos do show.