07 septiembre 2009

Siguen apostando por enterrar millones y millones en el monstruo del Gaiás

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, anunciou a designación de Silvia Domínguez como directora xerente da Fundación Cidade da Cultura así como as primeiras conclusións desprendidas na reunión do Padroado, nunha rolda de prensa convocada a posteiori na Consellería de Cultura e Turismo. O nomeamento da directora xerente, a toma de posesión dos novos membros do padroado e a futura absorción da Fundación Gaiás pola Fundación Cidade da Cultura, convertéronse nos puntos fundamentais a debate na reunión presidida polo conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela e á que asistiron o conselleiro de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández Fernández de Rojas e o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura da Consellería de Cultura e Turismo, Francisco López Rodríguez.

O titular da Consellería abordou nun primeiro plano as cuestións relativas a designación da nova directora xerente da organización. Silvia Domínguez, ata a data vinculada na Spain/US House en Washington DC, e destacada responsable da organización e posta en marcha da Fundación Complexo Cultural Parque de España en Bos Aires e da Unidade de Comunicación da Acción Cultural de España no Exterior do Ministerio de Asuntos Exteriores, foi seleccionada segundo palabras de Roberto Varela, pola súa “vocación de xestión de centros culturais e de caracter internacional” e pola súa “independencia e caracter non vinculante a ningún partido político”, conformándose como candidata ideal para dirixir este “proxecto de todos enfocado cara ao exterior”. A expansión e coñecemento da Cidade da Cultura conformarán as primeiras obrigas de Silvia Domínguez, valorada polo conselleiro como a “candidata ideal para traballar co que está feito, por en marcha os edificios que están rematados e dalos a coñecer a todo o mundo”

Símbolo galego do século XXI
Roberto Varela materializou os obxectivos da Fundación Cidade da Cultura como “a intención de seguir adiante” e “traballar na posta en funcionamento no que significa un compromiso do presidente e da Consellería”. O responsable do departamento, definiu a Cidade da Cultura como o “gran proxecto galego do século XXI” e advertiu de que “non podemos quedar atrás no que xa está feito noutras comunidades”. Para Roberto Varela, a Cidade da Cultura representa “o símbolo da Galicia nova”, polo que resulta de gran importancia pór en funcionamento a Biblioteca, o Arquivo, o Centro administrativo e o Museo de Galicia para o Xacobeo 2010.

O proxecto recuperará “algunhas cousas” do deseño orixinal pero na actualidade toda a concentración recae nos edificios por rematar. Algo que non repercutirá no orzamento previsto xa que se trata de equipamento escénico que non estaba contratado. Os catro edificios que se finalizarán proximamente, conservarán os seus contidos que “xa veñen definidos”, e son esenciais para seres “Biblioteca de bibliotecas e Arquivo de arquivos”. No tocante ao suposto cambio de nome do Teatro da Ópera, consiste exclusivamente nunha “cuestión de nomenclatura” xa que o seu espazo sóubose sempre destinado a música e artes escénicas.

Respecto a situación actual da Cidade da Cultura, o conselleiro negou reiteradamente que existise unha paralización na evolución, e definiu o estado da obra como unha priorización constante segundo o orzamento. En vista ao vindeiro 2010, o titular de Cultura, anunciou que “será un ano de austeridade” e que se traballará “pragmaticamente en función da crise”. Actualmente estase a traballar nun axuste de cantidades orzamentarias, xa que o proxecto do bipartito presentábase inasumible. Roberto Varela admitiu que para o exercicio de 2010 o orzamento destinado diminuirá pero aumentará a tasa de execución polo que “debemos pensar na execución do gasto e non en orzamentos”.

Fusión e reestruturación de fundacións
Sobre a integración da Fundación Gaiás dentro da Fundación Cidade da Cultura, destacouse como unha prioridade para posibilitar a dotación de personalidade xurídica a Fundación Gaiás, unha vez solicitado a súa catalogación como ben de interese galego e a súa inclusión no rexistro de fundacións. Ata a data presentouse un informe vinculante da comisión de secretarios, aprobouse a clasificación da fundación e está a piques de pecharse a súa declaración como ben de interese galego. Deste xeito anunciouse unha futura reunión para producir esta adhesión e fixar os estatutos da nova fundación única. Asemade, a constitución definitiva do padroado da Fundación Cidade da Cultura, queda concretada con os cinco novos padróns e os antigos membros natos. Para o conselleiro, esta nova fundación verase reflectida nunha organización mais áxil, mais pública, e que permitirá “actuar á Cidade da Cultura no seu espazo físico e saír cara afora”, espallando a mesma a toda Galicia.

A designación dos cinco representantes da Fundación Cidade da Cultura na Fundación do Gaiás, ocupou outro dos puntos de discusión da reunión do Padroado da Fundación Cidade da Cultura. Os cinco padróns foron escollidos, do mesmo xeito, por unanimidade, en función da futura fusión das Fundacións Cidade da Cultura e Gaiás. A secretaria xeral do Patrimonio da Consellería de Facenda, Rosa María Pedrosa Pedrosa, o director xeral de Política Financieira e Tesouro da Consellería de Facenda, Manuel Galdo Pérez, o secretario xeral da Presidencia, Valeriano Martinez García, o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura da Consellería de Cultura e Turismo, Francisco López Rodríguez e o secretario xeral da Consellería de Cultura e Turismo, Antonio Fernandez-Campa García-Bernardo foron elixidos sen oposición como os cinco membros do padroado da Fundación Cidade da Cultura.


Novo organigrama
O titular da Consellería fixo pública a composición definitiva da Fundación Cidade da Cultura, que quedou definida na súa cabeza co conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela Fariña como presidente da fundación e coa Conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás en funcións de vicepresidenta. O conselleiro de Medio Ambiente Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández Fernández de Rojas, o alcalde do Concello de Santiago de Compostela, Xosé A. Sánchez Bugallo, o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura da Consellería de Cultura e Turismo, Francisco López Rodríguez, o director xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo, José Manuel Rey Pichel, a directora Xeral de Comunicación da Presidencia, Mª Mar Sánchez Sierra, a Secretaria Xeral para o Turismo da Consellería de Cultura e Turismo, Mª Carmen Pardo López, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Juan Carlos Fernández Fasero, a Secretaria Xeral e do Patrimonio da Consellería de Facenda, Rosa María Pedrosa Pedrosa, o Director Xeral de Política Financeira e Tesouro da Consellería de Facenda, Manuel Galdo Pérez, xunto con tres representante de Caixa Galicia, Caixanova e Telefónica S.A, conforman os vogais definitivos do padroado da Fundación. En funcións de secretario establécese no cargo, o secretario xeral da Consellería de Cultura e Turismo, Antonio Fernandez-Campa García-Bernardo.