23 septiembre 2009

Ponteareas perde de investir 680.000 euros que lle embarga a Deputación do plan de obras 2009-2011

PONTEAREAS (MORRAZO-TRIBUNA).- O Concello perde de investir 680.000 euros que lle embarga a Deputación do plan de obras 2009-2011, denuncia o BNG este mércores.

Por resolución do Presidente Rafael Louzán, a Deputación Provincial acaba de detraerlle ao Concello de Ponteareas 680.802,74 euros. Este importe é deducido do Plan de inversións da Deputación para o perído 2009-2011 que sumaba 1.208.545,23 euros. Co embargo deste importe, Ponteareas non vai investir nada en obras e servizos básicos para os veciños con cargo a partida do presente ano e únicamente 251.503,58 no 2010 e 276.238,91 no 2011, só un 43,6% do total.

O BNG recorda que recentemente o Presidente da Deputación visitou o Concello e anunciou conxuntamente co Alcalde que en Ponteareas o investimento deste plan anti-crisis da Deputación superaba o millón douscentos mil euros, cando xa estaba asinada a retención dos 680.802,74 euros. Louzán e Solla reduciron o plan únicamente a propaganda. “Todo un exemplo de cinismo político e de falta de respeto a Institución Municipal e aos veciños e veciñas de Ponteareas”, manifestou Xosé Represas, Portavoz do BNG.

A débeda que agora a Deputación lle detrae ao Concello foi xerada dende o ano 2005, coincidindo co período que Salvador G. Solla leva de Alcalde. Agora, que Salvador G. Solla tamén forma parte do goberno do PP na Deputación, ésta embargalle ao Concello 680.000 euros.

Os nacionalistas tamén acusan a Nava Castro de mentir descaradamente ante o Pleno da Corporación. Recordan que como concelleira de Facenda, a requerimento do BNG, afirmaba hai poucos meses que o Concello non tiña débedas coa Deputación a 31 de decembro de 2008. Na resolución do Presidente da Deputación de 24 de agosto de 2009 recollese, “se detrae a cantidade de 680.802,74 euros por débedas dos anos 2005,2006,2007,2008 e 2009”

Para Represas “a crítica situacion económica do concello, agravada aínda máis nos anos que Salvador G. Solla leva de alcalde, ten colocado a Ponteareas nunha situación límite na que por tamén se perden os investimentos da Deputación”. Como consecuncia da xestión de Salvador G. Solla e agora co embargo da Deputación, os veciños quedan privados de obras de infraestructura básicas como é o saneamento, manifestou o nacionalista