10 septiembre 2009

A vueltas con la polémica eólica

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-A Consellería de Economía e Industria quere destacar que no proceso aberto de elaboración da lei que regulará a xestión da enerxía eólica en Galicia está a defender única e exclusivamente os dereitos e mais os intereses de todos os galegos, e non os de ningún sector nin empresa en particular.

En cumprimento deste compromiso o departamento que dirixe Javier Guerra quere lembrar que a inclusión do canon eólico que financiará o fondo de compensación aos concellos directamente afectados pola instalación destas infraestruturas enerxéticas é unha aposta firme e inamovible da Administración que dirixe Alberto Núñez Feijóo.

Os traballos que se están levando a cabo nesta consellería baséanse nunha escrupulosa observancia e respecto da liberalización do sector, coa consideración de que o interese público de Galicia pode e debe atoparse reflectido nunha nova norma, e en harmonía plena co ordenamento xurídico vixente, motivos que xustifican o distanciamento do Decreto 242/2007 pata atopar outras fórmulas e modelos máis racionais.

Por outra parte, cómpre sinalar que a eficacia da xestión deste Executivo tense evidenciado no feito de que en pouco máis de tres meses, a dirección Xeral de Industria Enerxía e Minas ten acometido os traballos necesarios para poñer en marcha unha lei que dará plenas garantías a tódolos galegos no eido da enerxía eólica en Galicia, e que nestes intres atópase en tramitación en sede administrativa: alegacións e informes da Asesoría Xurídica Xeral, da Dirección Xeral de Tributos e da Dirección Xeral de Orzamentos, para finalmente ser enviada ao Consello Económico e Social.