14 octubre 2009

JAVIER GUERRA defiende sus planes ante el empresariado

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-Procurar que as empresas poidan facer novos investimentos e acceder a circulante para manter a actividade e o emprego son os obxectivos fundamentais dos novos programas de axudas impulsados pola Consellería de Economía e Industria para facer fronte á crise económica. Así o manifestou o titular deste departemento da Xunta, Javier Guerra, durante un encontro con empresarios de Pontevedra desenvolvido esta tarde na sede da Confederación de Empresarios (CEP), en Vigo. O conselleiro estivo acompañado polo director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, Joaquín Varela de Limia. O conselleiro destacou sobre todo os plans re-Brote e re-Solve, unha das principais accións do Plan de Choque contra a crise que acaba de pórse en marcha para mobilizar ata 500 millóns de euros para facilitar o financiamento de circulante a autónomos, microempresas e empresas galegas.

Durante a súa intervención, o responsable de Economía e Industria e presidente do Igape afirmou que os programas re-Brote e re-Solve constitúen a iniciativa máis ambiciosa da historia de Galicia no eido das garantías públicas, e amosouse convencido de que servirán para que flúa o crédito e os autónomos e as empresas de Galicia en xeral, e de Pontevedra en particular, poidan desenvolver a súa actividade con normalidade e contribuir, deste xeito, á recuperación económica. Javier Guerra destacou tamén o compromiso e o esforzo da administración pública e das entidades financeiras colaboradoras para axilizar a tramitación das solicitudes e acadar que as resolucións nos se dilanten máis alá dos 45 días. Estes programas constitúen unha resposta real aos problemas concretos de financiamento das empresas nestes momentos, indicou. O conselleiro de Economía e Industria destacou tamén que o Igape, coa xestión destas dúas liñas de axuda, pon de manifesto a súa capacidade de reforma e readaptación á economía real para dar resposta ás demandas adecuadas á necesidades dos empresarios e dos emprendedores. O prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o próximo 30 de decembro.

O plan de garantías articúlase ao redor de dúas liñas de avais e reavais. A primeira, re-Brote, facilitará o acceso a liñas de financiamento operativo adicional de empresas medianas e grandes, mentres que a segunda liña, de reavais e denominada re-Solve, está destinada a facilitar o acceso ao circulante para as microempresas e os autónomos. Xunto coas principais entidades financeiras que operan en Galicia, o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) xa viña realizando un importante esforzo para subvencionar custos financeiros mediante programas como as liñas de apoio ao acceso e adecuación do financiamento das Pemes; dada a situación económica actual, a Consellería de Economía e Industria estimou que estas axudas financeiras debían ser completadas mediante outras onde o Instituto compartise os riscos coas entidades financeiras, coas sociedades de garantía recíproca e co tecido empresarial.

O titular de Economía e Industria recordou tamén que sigue vixente o programa re-imaXina, destinado a habilitar préstamos subsidiados e para apoiar o financiamento dos investimentos impulsados por novas pemes, para pemes que queren medrar ou renovarse para mellorar en competitividade ou para microempresas galegas; como nos novos programas re-Brote e re-Solve, o prazo de presentación de solicitudes está aberto ata o próximo 30 de decembro. O plan re-imaXina busca facilitar a concesión polas entidades financeiras de préstamos eliminando dous dos atrancos que adoitan dificultar o acceso das empresas de menos dimensión –microempresas, autónomos e emprendedores- ao financiamento: as garantías e os custos de xestión. Para apoiar investimentos de maior contía ou aqueles onde a achega das garantías non sexan dificultade engadida, o Igape manten aberta a liña conveniada co ICO.

Guerra Fernández advertiu que a Consellería de Economía e Industria está a demostrar o seu compromiso co tecido produtivo de Galicia apoiando tamén iniciativas de I+D e de internacionalización como medios de mellorar a competitividade das empresas. O conselleiro lembrou que o seu departamento leva investidos máis de 100 millóns de euros en promover a I+D+i a todos os niveis e recordou que acaba de mobilizar 1,7 millóns de euros para impulsar o Plan de Fomento das Exportacións Gallegas. Tamén no ámbito da internacionalización, recordou que o Igape dispón dun amplo catálogo de axudas e servicios para facilitar a proxección exterior das empresas galegas, tamén con apoios en destino a través dos seus Centros de Promoción de Negocios no exterior. A última liña aberta polo Instituto para favorecer a internacionalización, dotada con 1 millón de euros, e destinada a apoiar a contratación de xestores de exportación.