05 noviembre 2008

Nota de la ejecutiva de la FEGAMP sobre la cuestión polémica de la financiación de los Ayuntamientos

A FEDERACION GALEGA DE MUNICIPIOS E PROVINCIAS (FEGAMP) adoptou na reunión de Comisión Executiva de data 9 de Setembro de 2008 resolución sobre a negociación dun novo modelo de financiamento Local para as entidades locais de España cuxa resolución foi remitida tanto ao Ministro de Economía e Facenda como ao Presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).
Ademais do anterior a FEGAMP fixo súa a resolución do Consello Territorial da FEMP adoptada por unanimidade na reunión do devandito Consello en Zaragoza do pasado 13 de setembro.
Neste momento delicado para a situación económica de España en xeral e de Galicia en particular, e polo tanto das entidades locais, a FEGAMP, en consonancia coas resolucións adoptadas con anterioridade pola representación do municipalismo galego acorda a seguinte resolución:
1. Instar ao Goberno para que o financiamento Local e Autonómica se pechen de maneira simultánea adoptando o firme compromiso de mellorar o financiamento local incorporando recursos adicionais para as Corporacións Locais, ao igual que se incluíu na proposta do Ministerio de Economía para as Comunidades Autónomas.
2. Que entendendo que para o reparto da Participación nos Ingresos do Estado (PIE), e a diferenza do realizado ata este momento, deben de ser introducidos, como un aspecto básico, criterios obxectivos que midan o custo real que os Concellos teñen que asumir no desenvolvemento das súas competencias.
Así se demanda que sexan incluídos os criterios de Entidades Singulares de Poboación, extensión do territorio e envellecemento poboacional para o cálculo do reparto da PIE.
Entende a Comisión Executiva da FEGAMP, en representación da Entidades Locais de Galicia, que desta forma se paliarían os desequilibrios que actualmente se producen e incluso se incrementan entre as distintas áreas do Estado, e que finalmente están provocando unhas desigualdades evidentes e inxustas para os cidadáns de Galicia.
3. Entendemos oportuna e necesaria unha política de flexibilización na aplicación da Lei de Estabilidade Orzamentaria, ao igual que se fai coas Comunidades Autónomas, para permitir que aquelas administracións locais que cumpran co resto de ratios legais e que demostren a suficiente capacidade financeira poidan aumentar a súa capacidade de endebedamento nun número limitado de exercicios para poder dedicar este esforzo a políticas de vivenda pública, investimento produtivo, xeración de emprego e políticas de protección social en coordinación con outras administracións.
4. Igualmente estimamos necesario que os pagamentos a conta aos concellos sobre a súa participación nos ingresos de Estado se efectúen co mesmo criterio que ás comunidades autónomas, é dicir, que se lles aplique o 98% do que lle corresponde en lugar do 95% como se veu facendo ata o de agora.