03 noviembre 2008

O GOBERNO REXEITA ESTABLECER COMPENSACIÓNS FISCAIS PARA AS UXFOR E MONTES VECIÑAIS EN MAN COMÚN

MADRID (MORRAZO-tribuna) .- En resposta a unha iniciativa do senador do BNG por designación autonómica, Xosé Manuel Pérez Bouza, o Goberno rexeita establecer compensacións fiscais para os montes veciñais en man común pola súa importante función na loita contra o cambio climático como sumidoiros de CO2.
En concreto, o Goberno asegura que no tocante ao imposto de sociedades que pagan as comunidades de montes, é dicir o que pagan polos beneficios obtidos, e que se sitúa no 25 %, ao igual que unha pequena ou media empresa, “non se considera procedente establecer tipo de compensación fiscal algún neste sentido”.
Ademais, rexeita establecer compensacións fiscais pola vía dos impostos especiais xa que estima que “as compensacións fiscais para primar actividades de repoboación (....) poidan instrumentarse mediante beneficios en tales impostos”.
Conclúe o Goberno a súa resposta ao BNG asegurando que “o actual marco tributario sobre o Imposto de Sociedades contén suficientes medidas fiscais específicas a favor da xestión sostíbel dos montes españois”.
Non tallante a unha demanda unánime do Parlamento Galego
Xosé Manuel Pérez Bouza trasladaba na súa iniciativa o contido da proposición non de Lei aprobada o pasado 25 de xuño no Pleno do Parlamento Galego polos tres grupos da cámara na que se instaba ao Goberno galego a trasladar ao Goberno Central “a necesidade de que, á vista do papel que cumpre a superficie forestal como sumidoiro de CO2 e de gases de efecto invernadoiro, e especialmente a superficie forestal dedicada ao aproveitamento forestal en común, como a que ocupan os Montes Veciñais en Man Común e a que resulten do proceso de reorganización da propiedade para crear unidades de xestión forestal, se establezan para estas compensacións fiscais, naqueles casos nos que conten con algún instrumento de xestión forestal para incentivar a súa actividade”.
Os bosques galegos fixan o 21% do CO2 do Estado Español
O senador do BNG lembraba na súa iniciativa que os bosques galegos fixan o 21% do dióxido de carbono que acumulan as árbores no Estado Español. En total, Galiza acumula máis de 37 millóns de toneladas de CO2 por ano.
Neste sentido, solicitaba o establecemento de compensacións económicas e fiscais para as comunidades veciñais de montes e man común e as unidades de xestión forestal, “xa que coa súa actividade de repoboación e coidado do monte contribúen á fixación de CO2 e de gases de efecto invernadoiro”.
Xosé Manuel Pérez Bouza considera que “non é de recibo o rexeitamento tallante do Goberno a unha demanda de xustiza que foi asumida por todos os grupos do Parlamento Galego”.
Por iso, o senador nacionalista anuncia que o BNG presentará unha moción no Senado para que “todos os grupos se pronuncien claramente e para que non haxa contradicións entre o que se aproba en Galiza e o que se defende en Madrid”.