03 noviembre 2008

PESCA, INTECMAR E CSIC COLABORAN NA BUSCA DE NOVAS TÉCNICAS DE DETECCIÓN E APARICIÓN DE TOXINAS PARALIZANTES NOS BIVALVOS

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna) .- A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos vén de asinar sendos convenios de colaboración para a realización dos traballos de investigación sobre a “Comparación de metodoloxías para a determinación de toxinas paralizantes en bivalvos relacionadas co Paralytic Shellfish Poisoning (PSP) aplicado á acuicultura de Galicia” e a “Acuicultura integrada: Experiencia piloto para o desenvolvemento de sistemas de cultivo multitróficos”. Ambos os dous forman parte dos Plans Nacionais de Cultivos Mariños que teñen como obxectivo fomentar o desenvolvemento da acuicultura mariña, tanto no ámbito da investigación como no da innovación.
Para a posta en marcha do primeiro destes proxectos asinouse un protocolo entre a Consellería de Pesca, o Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) e o Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC que regula a colaboración entre eles. No caso do segundo, Pesca subscribiu un convenio coa Universidade da Coruña co mesmo fin. Para estas iniciativas, que se veñen realizando durante este ano e que estarán vixentes ata o 31 de decembro, o departamento de Pesca achega un total 77.493 euros, dos que 55.933 euros se destinan ao primeiro e 21.500 ao segundo.
O estudo denominado “Comparación de metodoloxías para a determinación de toxinas paralizantes en bivalvos relacionadas co Paralytic Shellfish Poisoning (PSP) aplicado á acuicultura en Galicia”, integrado no Plan Nacional de igual nome pero de aplicación a nivel estatal, ten por obxectivo avaliar e desenvolver novas técnicas para coñecer e detectar a cantidade de toxinas nos moluscos, como os métodos baseados nos análisis químicos ou os “kits” baseados en anticorpos. O propósito final é propoñer un método óptimo para vixiar a aparición de toxinas deste tipo, que garantan a seguridade alimentaria e produzan o menor impacto posible nas actividades do sector, fortalecendo deste xeito a confianza do consumidor e a viabilidade a longo prazo do sector productivo.
Tal e como establece o convenio, este subproxecto está coordinado pola Consellería de Pesca, a través do CIMA e, nel traballan ademais o Intecmar e o CSIC. As tres institucións desenvolven as súas funcións en base á metodoloxía e o plan de traballo previamente establecido para o correcto desenvolvemento desta iniciativa.
Ademais, segundo fixa o protocolo, tanto o Intecmar como o CSIC teñen que informar periodicamente ao responsable do proxecto, pertencente ao Centro de Investigacións Mariñas, da marcha dos traballos realizados mediante a emisión dos correspondentes informes. Así mesmo, establece a creación dunha comisión de seguimento mixta que asegure o bo fin e o cumprimento do convenio e que estará formada por representantes, tanto da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, como do Intecmar e do CSIC.
Interrelación entre o cultivo de peixes e o cultivo de algas
En canto ao proxecto de investigación sobre a “Acuicultura integrada: Experiencia piloto para o desenvolvemento de sistemas de cultivo multitróficos”, que levan a cabo a Consellería de Pesca, a través do Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), e a Universidade da Coruña (UDC), búscase coñecer e produndizar na interrelación entre o cultivo de peixes en granxas mariñas ou no mar e o cultivo doutras especies como as algas.
Neste caso, é tamén un técnico do CIMA o que coordina o estudo e a UDC realiza aqueles traballos de investigación que están definidos previamente na metodoloxía do proxecto. Ademais, para o correcto desenvolvemento da iniciativa, o convenio de colaboración que vén de subscribir a Consellería de Pesca, prevé a creación dunha comisión de seguimento formada por un representante da Administración pesqueira galega e por unha persoa da Universidade coruñesa.
Do mesmo xeito, o protocolo establece que a Universidade da Coruña debe informar periodicamente ao responsable do proxecto da marcha dos traballos realizados, remitindo os correspondentes informes. Segundo o acordo, a UDC é a encargada de localizar, identificar e subministrar cepas salvaxes ou cultivadas de distintas especies de macroalgas, e colaborará no deseño, asesoría, montaxe e seguimento dos sistemas de cultivo destas especies asociadas a outros cultivos mariños, así como na elaboración dos resultados obtidos nas experiencias realizadas.
Galicia líder na asignación de fondos Jacumar
O pasado ano, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, agora denominado de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino, e as diferentes comunidades autónomas acordaron o reparto de 3,6 millóns de euros para o desenvolvemento dos Plans Nacionais de Cultivos Mariños, creados ao abeiro da Junta Nacional Asesora de Cultivos Marinos (Jacumar).
Desta cantidade, a Galicia asignóuselle un total de 747.276,59 euros, o que a converteu na comunidade autónoma que lidera a distribución do presuposto total, xa que se sitúa entre as autonomías que máis proxectos presentaron. Despois da nosa comunidade sitúanse Andalucía (707.332,20 euros), Cataluña (603.595,45 euros), e Murcia (411.646,47 euros), mentres que a cantidade restante repártese entre Cantabria, Asturias, a Comunidade Valenciana, Baleares, Canarias e Aragón.