03 noviembre 2008

CONVIDAN A TODOS OS CENTROS EDUCATIVOS DE GALICIA A PARTICIPAR NO CONCURSO DAS LETRAS GALEGAS DO 2009

COMPOSTELA (MORRAZO-tribuna) .- A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de convocar unha nova edición do concurso para a elaboración dunha exposición dirixida a renderlle homenaxe ao autor ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas do 2009, Ramón Piñeiro López. Nesta convocatoria poderán participar todos os centros de ensino públicos e privados, non universitarios, de Galicia e da Galicia exterior así como da comunidade galega residente no exterior, escolas unitarias e de ensino primario, centros rurais agrupados, centros de ensino secundario, escolas oficiais de idiomas, centros integrados así como os de formación de adultos.
Entre os obxectivos que persegue esta iniciativa, destacan os de potenciar o estudo da obra e da época de Ramón Piñeiro e propiciar a reflexión sociolingüística sobre a etapa histórica na que viviu. Ao mesmo tempo, a convocatoria trata de contribuír a impulsar a realización de actividades que fomenten a colaboración entre departamentos dentro dun mesmo centro educativo e que propicien a implicación activa de profesorado e alumnado. Enriquecer a oferta de materiais existentes en lingua galega e promover a súa divulgación como referentes para outros centros é outro dos fins que ten este concurso.
A convocatoria establece dúas categorías: unha para os centros de educación infantil e primaria, e outra para os restantes. Os centros nos que se impartan todos os niveis de ensino poderán concursar, se o desexan, nas dúas categorías.