19 noviembre 2008

PESCA TRABALLA NA CREACIÓN DE MAPAS EPIDEMIOLÓXICOS EN ACUICULTURA MARIÑA E NO ESTUDO DE SISTEMAS DE CONTROL DE TOXINAS NO MEXILLÓN

VIGO (MORRAZO-tribuna).- A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos vén de asinar un convenio de colaboración co Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) e o Consello Regulador da Denominación de Orixe Mexillón de Galicia para levar a cabo a segunda anualidade do subproxecto “Avaliación do impacto dos métodos e niveis utilizados para o control de toxinas de mexillón”, enmarcado no Plan Nacional “Cultivo de Mitílidos: expansión e sostibilidade”, aprobado a finais de 2006 pola Junta Asesora de Cultivos Marinos (Jacumar) e no que tamén participan Andalucía, Baleares, Canarias e Cataluña.
Esta iniciativa na que participan Pesca, o Intecmar e o Consello Regulador trata de centrarse na avaliación do impacto dos métodos e niveis empregados para o control das toxinas do mexillón, causantes das mareas vermellas. De feito, na nosa comunidade autónoma o maior problema do cultivo de mitílidos radica na presenza de toxinas, principalmente PSP e DSP, que provocan importantes perdas económicas, tanto pola súa incidencia no recurso como polo alto custo dos sistemas de control empregados.
Segundo o cronograma previsto, nesta segunda anualidade continuarase, como xa se fixo o exercicio pasado, coa recollida de mostras e co estudo comparativo da eficacia técnica e económica dalgúns dos novos sistemas de cuantificación de toxinas e a súa repercusión no sistema de control. Ademais, realízase un estudo da sensibilidade das metodoloxías dispoñibles e as posibles consecuencias económicas derivadas da aplicación de diferentes niveis de toxicidade.
Para levar a cabo o seguimento, interpretación e avaliación das accións derivadas do convenio créase unha comisión de seguimento integrada por representantes das tres partes que asegure o bo fin e o cumprimento do mesmo. Ademais, dende o Intecmar e o Consello Regulador adquírese o compromiso de informar periodicamente da marcha dos traballos a través dos correspondentes informes ao responsable do proxecto e investigador principal do mesmo.
A importancia desta actuación radica en que Galicia é un dos principais produtores de mexillón a nivel mundial, á vez que o mitílido das nosas augas foi o primeiro produto do mar en acadar o distintivo Denominación de Orixe Protexida outorgado pola Unión Europea. De feito, no ano 2007 as bateas do noso litoral produciron máis de 208.000 toneladas deste recurso, o 94 por cento da produción de acuicultura mariña da nosa comunidade autónoma.
Mapas epidemiolóxicos
A Consellería de Pesca tamén asinou recentemente un convenio de colaboración coa Universidade de Santiago (USC) para a realización da segunda anualidade do subproxecto “Caracterización e estandarización de condicións de sanidade animal en acuicultura mariña: creación de mapas epidemiolóxicos e elaboración de estratexias para o deseño dunha rede de vixilancia epidemiolóxica”. Esta acción inclúese no Plan Nacional “Xestión Sanitaria”, aprobado tamén pola Junta Asesora de Cultivos Marinos e no que participan, ademais de Galicia, Andalucía, Cataluña, Canarias e Murcia.
O subproxecto para o que se establece o convenio entre Pesca e a USC obedece ao feito de que a sanidade animal ten unha relevancia cada vez maior na xestión das empresas de acuicultura. Nesta liña estase traballando na elaboración dun mapa de patoloxías que afectan aos peixes de produción acuícola mariña, que servirá de base para o deseño e creación dunha rede de vixilancia epidemiolóxica.
Por esta razón estanse levando a cabo mostraxes de especies de acuicultura, de exemplares desas mesmas variedades obtidos no medio natural e dunha serie de especies silvestres que frecuentan as inmediacións das piscifactorías. Deste xeito, trátanse de abordar as principais enfermidades infecciosas dos peixes de produción acuícola, sendo de especial importancia resaltar que as doenzas de sanidade animal afectan unicamente á produción das especies cultivadas, polo que está descartado que prexudiquen aos humanos.
Para o seguimento, interpretación e avaliación das accións derivadas do protocolo subscrito entre Pesca e a USC créase unha comisión de seguimento que asegure o bo fin e cumprimento do protocolo e que estará integrada por representantes das dúas partes. Ademais, se no desenvolvemento das actividades aparecen circunstancias que aconsellen a súa modificación, esta poderá ser aprobada pola directora xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro.
Pensos alternativos
Por outra banda, a Consellería de Pesca, a través do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia, vén de subscribir un convenio de colaboración co Clúster da Acuicultura de Galicia para a realización do proxecto de investigación “Estudo de biomagnificación dos PCBs non similares ás dioxinas en produtos acuícolas”.
Co desenvolvemento desta actividade quérese analizar a acumulación dos compostos organoclorados, policlorobifenilos (PCBs), en cultivos mariños de rodaballo e linguado, así como estimar a posiblidade do uso de pensos alternativos de orixe vexetal, co obxectivo de contribuír a desenvolver novas estratexias de explotación e comercialización.
A colaboración neste eido entre o Intecmar e o Clúster derívase de que o segundo organismo dispón de instalacións e persoal técnico-científico para realizar o cultivo e seguimento da evolución dos peixes alimentados con distintos pensos, o rendemento e os problemas asociados ao seu uso, pero carece de equipos e persoal técnico necesario para estudar o contido de PCBs nas especies analizadas, de aí a cooperación co Intecmar.
De feito, as tarefas a realizar polo Clúster no marco do convenio son o seguimento dos peixes alimentados con distintos pensos, a toma de mostras e o seu envío ao laboratorio do Intecmar. Pola súa banda, o centro de Pesca comprométese a levar a cabo as diferentes analíticas e a informar dos resultados das mesmas mediante a emisión de informes.