04 noviembre 2008

QUINTANA APOSTA POR REFORZAR A ECONOMÍA PRODUTIVA E POR AUNAR ESFORZOS ENTRE ADMINISTRACIÓN E EMPRESAS PARA ENFRONTAR A CRISE

VIGO/TOMIÑO (MORRAZO-tribuna).- O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, apostou en Tomiño por reforzar as estruturas da economía produtiva galega para que esta tire do sector financeiro e sexa a base sobre a que “seremos quen de construír unha economía real, sólida e blindada”, recalcou. Á vez, defendeu a importancia de intensificar a colaboración entre o goberno, as institucións e as empresas. Quintana falou neste sentido durante a presentación do proxecto do futuro Parque Empresarial de Tomiño, na que tamén participou a conselleira de Vivenda e Solo, Teresa Táboas.
Quintana afirmou que a o proxecto do futuro Parque Empresarial tomiñés representa unha mostra da política activa do Goberno galego en materia de solo empresarial e que ten capacidade para ampliar espazos produtivos en función da demanda empresarial. Ademais, resaltou a pretensión de crear un mapa equilibrado de unidades empresariais ao longo de todo o territorio, tanto na franxa atlántica como no eixe interior galego. Ao respecto, puxo como exemplo a ampliación do Parque Empresarial de Silleda que inaugurou a pasada semana e que acolle xa a diversos proxectos empresariais cando no pasado era un espazo infrautilizado.
En termos xerais, Quintana explicou que a acción do Goberno permitiu xa a mobilización de máis de 41,9 millóns de metros cadrados de solo empresarial nos tres últimos anos, dos que 17,9 se atopan xa construídos ou en fase de execución, o que se traduce nun investimento global de 415 millóns de euros. Neste camiño, Quintana sinalou que o executivo galego ten consignados nos orzamentos de 2009 investimentos por 212,2 millóns de euros para a xestión de diferentes actuacións de solo produtivo en parques de toda Galiza.
Parque Empresarial de Tomiño
Quintana referiuse ao proxecto do Parque Empresarial de Tomiño como unha proposta para “dimensionar a superficie produtiva existente na comarca, superando o déficit arrastrado durante anos, para impulsar a súa situación estratéxica nas conexións con Portugal”, indicou. Para tal fin, o proxecto supón a mobilización de 26,2 millóns de euros en investimento para a creación de 493.456 metros cadrados de superficie empresarial, dos que o 60% se van dedicar a actividades industriais e de servizos.
Canda a dimensión produtiva, o Parque representa unha aposta por configurar espazos harmónicos co contorno, xa que conta cunha superficie de espazos verdes que rolda os 134.000 metros cadrados e unha dispoñibilidade para equipamentos de 11.500. Ademais, cómpre salientar os accesos ás grandes vías de comunicación tanto existentes como en proxecto.
Por outra banda, o vicepresidente destacou que o proxecto tomiñés é tamén un exemplo de axilidade na xestión, avanza a bo ritmo cumprindo estritamente o calendario proxectado no proceso de tramitación. Indicou que, logo de ter aprobado o Proxecto Sectorial e de Urbanización, estase a elaborar o expediente de expropiación, que permitirá concluír a adquisición dos terreos no primeiro trimestre do ano que ven. Con estes prazos, estarase tamén en condición de iniciar as obras ao longo dese mesmo trimestre, de xeito que a mediados do 2010, “o parque pase de estar no capítulo de deberes ao de haberes”.
Tamén lembrou Quintana que este proxecto estaba inicialmente en mans da Sociedade Suelo Empresarial del Atlántico (SEA) e, dende que a Consellería de Vivenda e Solo se fixo cargo, se ten avanzado na axilización dos prazos para a súa execución. “Un resultado que ven demostrar as posibilidades que o autogoberno abre para materializar iniciativas, con eficacia e capacidade na xestión, con impacto directo sobre o benestar das persoas”, recalcou.
Área de Vigo
Sinalou Quintana que o proxecto do parque de Tomiño non é algo illado, xa que forma parte da programación de obxectivos para que a área de influencia de Vigo poida aproveitar o seu potencial de crecemento e a súa posición privilexiada. Dixo que no proxecto do goberno está a idea de articular unha verdadeira “rede policéntrica” de parques na área funcional de Vigo. “Esta é a marca e factura que queremos proxectar na zona máis dinámica do país, motor da economía galega”, insistiu. E engadiu que nestes momentos existe unha intensa axenda de traballo para a creación de novo solo empresarial, con 51 millóns de euros mobilizados en 2008 sobre un orzamento global que ascende a 358 millóns de euros. En conxunto, son 8 os parques que están en marcha na área funcional e Vigo, cunha superficie total proxectada que rolda os 7 millóns de metros cadrados.
Quintana aproveitou a ocasión para enumerar os proxectos que se van concretar en curto prazo. Referiuse á Plataforma Loxística Industrial Salvaterra-As Neves (PLISAN), con 400.000 metros cadrados proxectados para uso industrial, en 100 parcelas de diferentes tamaños sobre unha superficie total de 1 millón de metros cadrados. Un proxecto que supón un investimento global de 47,6 millóns de euros, e que hoxe comeza a tomar forma. Quintana anunciou que nas vindeiras semanas comezarán as obras de urbanización, contratadas por valor de 14,5 millóns de euros e cun prazo fixado para a súa execución de 10 meses.
Tamén se referiu aos dos dous parques planificados en Mos. Trátase por unha banda do Parque de Mos I, coas obras de urbanización e accesos en marcha dende o mes de xaneiro, sobre unha superficie total de 776.023 metros cadrados, e no que se está a mobilizar un orzamento total de 45,3 millóns de euros. Deste parque dixo que é unha actuación de impacto sensible sobre un área territorial con elevada demanda, xa que as parcelas están xa adxudicadas ao 100%. Por outra banda, está o Parque de Mos-Redondela, que contempla unha superficie de case 1 millón de metros cadrados a través dun investimento de 48 millóns de euros, hoxe en avanzado proceso de tramitación, co Proxecto Sectorial xa elaborado e a redacción do Proxecto de Urbanización e Accesos adxudicado.
Así mesmo, Quintana falou do Parque Empresarial Ameal Aeroporto de Vigo, pensado para localizar sectores estratéxicos de elevado valor engadido nunha superficie estimada de 680.000 metros cadrados. Neste momentos se atopa tamén en fase de tramitación administrativa, co proxecto sectorial e de urbanización xa contratado, así como os estudos técnicos previos. E por último, refereriuse aos parques de Gondomar (650.000 metros cadrados), e de Ponteareas – Val do Tea (800.000 metros cadrados), unhas actuacións das que dixo se están a desenvolver cumpridamente, de acordo aos prazos necesarios para a súa tramitación, e que contarán no ano 2009 cun orzamento global de 12,2 millóns de euros para o seu desenvolvemento.
Quintana concluíu afirmando que estas actuacións “afianzan unha liña política comprometida coa necesidade de axilizar proxectos, sumar servizos e actitudes positivas que contribúan a facer máis atractiva a Vigo e a súa área de influencia para a captación de investimentos, iniciativas e talento empresarial. Unha proposta global para mobilizar a enerxía colectiva que representan ás máis de 438.000 persoas que viven nestes municipios”. Afirmou que o desenvolvemento das nacións require do dinamismo do sector empresarial e dunhas políticas públicas eficientes.