04 noviembre 2008

LOUZÁN PRESENTA O PLAN DIRECTOR DO COMERCIO DA PROVINCIA 2009-12, QUE CUSTARÁ PRETO DE 2’5 MILLÓNS


PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, presentou hoxe, co gallo dos III Encontros co comercio para asociacións e comerciantes o Plan Director do Comercio da provincia de Pontevedra para os anos 2009-2012, para o que o organismo provincial destinará unha achega de 2.355.000 euros.
Louzán, que estivo acompañado na inauguración polo vicepresidente provincial, José Juan Durán, e os deputados, José Enrique Sotelo e Carlos Silva, así como as responsables da Área de Comercio da Deputación, Nidia Arévalo e Rebeca Domínguez, salientou na súa intervención que “a nosa intención non é a de traballar de forma independente ou a costas do comercio, senón aunar esforzos e traballar man a man con todos vos para ser eficaces. Escoitamos as vosas necesidades e demandas a través dun foro aberto de debate e en base ás mesmas elaboramos este Plan Director que determinará as accións a desenvolver para fomentar e mellorar a situación do comercio”.
“A vontade deste Plan Director”, explicou o presidente, “é dar un impulso ó comercio da provincia, ás asociacións de comerciantes que sexan representativas e dinámicas e tamén ós municipios que queiran ordenar e desenvolver o crecemento do seu comercio urbano”.
“Esta aposta por un comercio urbano competitivo”, concluíu Louzán, “baséase na importancia do sector para a ocupación e o PIB da provincia pero tamén na procura dun modelo de comercio de proximidade que satisfaga as necesidades de consumo e que promova un desenvolvemento sostible”.
O Plan Director
As actuacións propostas, en consonancia coas liñas estratéxicas definidas polo Plan Estratéxico da Deputación son a formación e cualificación do sector comercial, o apoio á creación de Centros Comerciais Abertos e colaboración cos Concellos na creación de equipos técnicos e servizos integrais de apoio ó sector comercial, posta en valor, rehabilitación e peonalización de centros urbanos e avaliación, proxectos europeos, etc.
O orzamento total para os anos 2009-2012 é de 2.355.000 euros, dos que 1.140.000 euros destinaranse a actividades de apoio á creación de Centros Comerciais Abertos e colaboración cos concellos na creación de equipos técnicos e servizos integrais de apoio ó sector, 816.000 euros en formación e cualificación do sector comercial, 200.000 euros no cofinanciamento de proxectos europeos de apoio ó comercio, 80.000 euros para a campaña de promoción do comercio en Pontevedra, 33.000 euros para a avaliación do Plan Director, e 6.000 euros para a posta en valor, rehabilitación e peonalización dos centros urbanos.
Entre os obxectivos a cumprir polo organismo provincial nos vindeiros catro anos atópanse os de asinar 24 convenios de colaboración (cun 40% dos municipios e asociacións da provincia), para o cofinanciamento dunha parte dos seus plans de dinamización, especialmente os que non acceden ás axudas; elaborar dez plans estratéxicos do comercio; desenvolver un asesoramento individualizado a 630 comercios en merchandising visual e xestión económica; levar a cabo dez reunións-obradoiros para potenciar a formación específica de comercio e quince seminarios sobre innovación no comercio nos municipios e unha xornada nacional sobre dinamización de pequenos municipios.
Así mesmo, levarase a cabo tamén a creación dunha intranet sobre estudos de comercio e un estudo de hábitos de compra e consumo, dúas edicións curso xerentes de comercio urbano destinadas a formar a 40 alumnos, catro Encontros co comercio, dúas edicións de Premia e Publica, catro ordenanzas de regulación de usos en plantas baixas, e dez convenios con concellos para ubicación e instalación do Proxecto Mobilia así como a participación en proxectos europeos, a elaboración dun spot para a promoción do comercio de Pontevedra e a avaliación interna e externa do proxecto.