04 diciembre 2008

Borg se compromete a mejorar la legislación comunitaria que afecta al sector pesquero y de comercialización de los productos del mar

BRUSELAS (MORRAZO-tribuna).- A delegación galega que mantivo esta mañá un encontro co comisario europeo de pesca valorou positivamente a receptividade amosada por Joe Borg. Participaron Xavier Aboi Pérez, da CIG-Mar; Joaquín Gómez Blanco, patrón da flota conxeladora en NAFO; Xosé Ríos, membro do consello regulador Mexillón de Galiza; Torcuato Teixeira, secretario xeral da Organización de Produtos Pesqueiros PESGALICIA, da flota do Gran Sol e Miguel Anxo Pazos Barros, mariscador e patrón maior da Confraría de Pontevedra.

Por parte do BNG asistiron Ana Miranda, representante nacionalista nas institucións comunitarias, através de Galeuscat e a deputada do Congreso, Olaia Fernández Davila, quen asegurou que “se plantexaron problemas moi concretos do sector, e ademais por persoas representativas do propio sector”. “Unha cuestión moi importante foi a receptividade do comisario, xa non por recibirnos senón pola posibilidade que abreu de manter un contacto constante co sector da pesca galega através das institucións comunitarias ou de responsábeis políticos”, sinalou.
Así mesmo, a congresista viguesa apuntou que “despois desta reunión, quedou aberta a posibilidade dun novo encontro para ampliar o que tratamos aquí”.
A preguntas dos medios de comunicación, Davila sinalou que un dos temas tratados no encontro foron as cotas pesqueiras que se van aplicar a partir de 2012, a debatir no próximo Consello Europeo de Ministros de Pesca, que se celebra en poucos días: “Borg comunicou que é un tema que non depende tanto da Comisión de Pesca como dos acordos entre estados membros. Nese sentido, ao BNG resúltalle importante recoller aquí a receptividade da Comisión; pero sobre todo esixirlle ao goberno español que nas futuras reunións manteña unha maior firmeza na defensa da capacidade produtiva da flota galega, tanto de litoral como de altura dada a importancia que ten para Galiza este sector, e sobre todo porque perdemos peso respecto do que foron gañando outros estados membros, nos que a pesca non tivo historicamente a importancia que si ten para a economía galega”.
Seguranza
“Plantexáronse cuestións de seguridade xeral, na baixura, no sector marisqueiro e tamén en alta mar, onde se tocou o tema da falta de persoal médico en flotas como NAFO e Gran Sol”, sinalou Davila. Un dos temas concretos foi a necesidade de aumentar a potencia legalmente permitida nas embarcacións auxiliares dos percebeiros por motivos de seguranza, “para poder abandonar un lugar determinado nun momento e salvar vidas ou situacións perigosas”. Este é o sector con máis perigosidade e sinistralidade no mar, segundo lle comunicaron ao comisario os propios representantes do sector.
Así mesmo, tratouse a situación sociolaboral dos traballadores do sector e os problemas derivados da contratación de persoas extracomunitarias en condicións laborais moi negativas.
Comercialización
A delegación galega trasladoulle a Borg a necesidade de estabelecer unhas regras de xogo no referente á comercialización dos produtos da pesca, para evitar que se importen produtos e se vendan como procedentes de Galiza. Especialmente resaltou a importancia de “controlar as importacións de terceiros países, aos que non se lles aplican os mesmos controis sanitarios que aos produtos galegos”
Compromisos
Fundamentalmente, segundo Davila, os compromisos do comisario europeo foron na liña de mellorar certos aspectos da lexislación vixente. Así mesmo, Borg tamén prometeu aumentar os esforzos para mellorar a calidade das augas, que vén sendo unha das principais demandas do sector mexilloeiro.