04 diciembre 2008

Entregados os premios
Solidariedade en Galiza

COMPOSTELA (MORRAZO-tribuna).- A Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade entregou hoxe os Premios á Solidariedade en Galicia 2008 a cinco entidades representativas do tecido da acción voluntaria en recoñecemento ao seu labor de promoción e execución da acción voluntaria nos ámbitos de sensibilización e difusión, proxectos innovadores e desenvolvemento sustentable e/ou comunitario. O acto, baixo o lema de “Premios solidarios. Accións que deixan sen palabras”, tivo lugar en Santiago e contou coa asistencia de entidades e axentes do sector. O director xeral de Xuventude e Solidariedade presentou o evento que foi conducido por Antía Otero, vicepresidenta da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG). A secretaria xeral do Benestar, María Jesús Lago, foi a encargada de pechar o acto.

Os premiados foron a presidenta da xunta local da Asociación española contra o cancro (AECC) de Pontevedra, María Josefa Crespo Amigo; a Coordinadora para o estudio dos mamíferos mariños (Cemma); o presidente da Asociación de mobilidade e prevención de accidentes de tráfico (PAT Ourense), Maximino Cid Ferro; a título póstumo, o cooperante galego falecido en Perú en setembro pasado, José Ignacio Salgado Blanco, e a Asociación de Veciños San Juan de Esmelle (Ferrol). O xurado da convocatoria non só quixo recoñecer o labor daquelas persoas e entidades encadradas dentro o que se coñece como voluntariado social, senón doutras formas de voluntariado que nacen coa evolución da sociedade galega.
Con motivo do Día Internacional do Voluntariado que se conmemora mañá, a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade promoveu distintas accións encamiñadas á promoción, difusión e recoñecemento do labor voluntario que se desenvolve en Galicia. O fomento do voluntariado e da solidariedade é un dos obxectivos xa previstos no II Plan Galego do Voluntariado 2006-2010 que se artella a través de dous elementos básicos. Por unha parte, a necesidade de difundir a acción entre os máis novos, incorporando a efeméride dentro do calendario do sistema educativo público. E por outra banda, faise un chamamento para achegar á sociedade unha imaxe real das actividades que realizan as entidades de acción voluntaria de Galicia, sensibilizando e destacando a importancia do traballo do voluntariado e premiando e mostrando os proxectos máis relevantes no eido da solidariedade.

Neste sentido, a Dirección Xeral de Xuventude convocou os Premios á Solidariedade en Galicia para galardoar a aquelas persoas ou entidades que realizasen actuacións na promoción e execución da acción nos eidos da sensibilización e difusión, proxectos innovadores e desenvolvemento sustentable e/ou comunitario. O galardón, no caso dos premios consistiu nunha escultura solidaria realizada polo artista ourensán Acisclo Manzano, e nun diploma de recoñecemento que tamén se entregou ás mencións honoríficas de cada ámbito.
Entre as candidaturas recibidas, o xurado da convocatoria decidiu outorgar o premio no ámbito de sensibilización e difusión á presidenta da xunta provincial da Asociación contra o cancro (AECC) de Pontevedra, Mª Josefa Crespo Amigo, polo seu labor activo durante dez anos á fronte da directiva contribuíndo á modernización da entidade e ao seu achegamento á sociedade. A homenaxeada non puido asistir onte ao acto e no seu lugar recolleu o galardón a vicepresidenta da asociación, Alicia Sarmiento Peña.
A mención honorífica deste eido concedeuse á Coordinadora para o estudio dos mamíferos mariños (Cemmma) que dende o inicio da súa actividade en 1990 baseou o seu potencial humano no voluntariado e en trasladar ao conxunto da sociedade a sensibilización pola conservación do medio ambiente e o coñecemento da natureza.
No ámbito dos proxectos innovadores, o xurado quixo recoñecer o traballo realizado por Maximino Cid Ferro, presidente de Asociación de mobilidade e prevención de accidentes de tráfico (PAT Ourense) que impulsa o programa “Moucho” de prevención e diminución de accidentes de tráfico. A través desta iniciativa, os voluntarios da asociación levan a cabo accións de concienciación e sensibilización nos locais nocturnos da cidade nas noites da fin de semana, nos centros escolares e na Asociación de Xordos de Ourense.
Xa por último, no ámbito do desenvolvemento sustentable e/ou comunitario, o xurado decidiu recoñecer a título póstumo o labor de José Ignacio Salgado Blanco (Xixón, 1961- Perú, 2008), cooperante galego falecido no país andino e vinculado á ONG Agro acción alemana. Nacho Salgado faleceu o pasado 21 de setembro nun accidente mentras se desprazaba en moto a visitar un proxecto na amazonía peruana.
A mención honorífica foi para a Asociación de Veciños San Juan de Esmelle (Ferrol) que dende finais de 2003 leva a cabo o proxecto de recuperación do patrimonio material e inmaterial do Val de Esmelle e o aproveitamento sostible do seus recursos grazas ao traballos que realizan os propios veciños de forma voluntaria.

II Premio Graffiti
Xunto coa Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade convocou uns premios destinados fomentar o voluntariado e a solidariedade entre o alumnado de ensino non universitario a través da realización dun libroweb colaborativo e dun graffiti. Nesta última modalidade, o xurado decidiu conceder tres premios ao traballo presentado polos alumnos de 4º de ESO do CPR Mercantil (Vigo, Pontevedra) baixo o título “Solidariedade”; aos rapaces, tamén do mesmo curso, do CPR Manuela Rial Mouzo (Cee, A Coruña) que concurriron co proxecto titulado “Xuntos podemos”. O terceiro recoñecemento foi para os alumnos de 4º de ESO e 1º de Bacharelado do IES Carlos Casares (Viana do Bolo, Ourense) polo graffiti “Enrólate”. A segunda categoría quedou deserta xa que non se presentou ninguna proposta. Os rapaces asistiron ao acto acompañados polos seus profesores e logo pasaron o día en Compostela convidados pola Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade.
O seu premio consiste nunha estancia no Albergue das Sinas, en Vilanova de Arousa, para participar no programa Auga+Mar de educación e promoción do voluntariado ambiental sobre o litoral e o medio mariño. En próximos días, tamén plasmarán o seu debuxo na superficie elexida no recinto do seu centro. O material empregado será costeado polo departamento galego.