04 diciembre 2008

O vicepresidente da Xunta asegura que hoxe máis que nunca é o momento de que os gobernos estean ao lado da economía produtiva

PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, explicou hoxe que a crise económica actual só ten unha solución, “sumar esforzos, marcarnos obxectivos comúns, Goberno e empresas, e cumprilos”. Dixo que só se pode saír para adiante se gobernos, empresas e axentes sociais se marcan obxectivos comúns e deixan atrás a cultura das axudas para cambiala pola cultura da complicidade. Algo que, segundo o vicepresidente, se ten feito na posta en marcha de EXTRUNOGA, un proxecto empresarial para pór no mercado un novidoso produto agroalimentario e cuxa planta de fabricación se inaugurou hoxe no Polígono do Campiño. Un acto no que participaron o vicepresidente da Xunta e o conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal.

Quintana mostrouse tremendamente satisfeito por poder inaugurar unha nova fábrica, “é un bo estímulo para que o discurso da confianza e da esperanza que estamos obrigados a artellar teña unha base real”. Asegurou que mentres Galiza teña o material humano, a capacidade de traballo e os recursos que temos, teremos a posibilidade de saír adiante e de futuro. Lembrou que neste momento “hai moitas empresas con ganas de facer o que os bos empresarios fan, mirar cara adiante e camiñar, pero as empresas están a ter dificultades para acceder ao crédito e por iso os gobernos, hoxe máis que nunca, temos que estar ao lado da economía produtiva”.

Apoio á economía produtiva
O vicepresidente afirmou que hoxe en día asistimos a unha sobreprodución de noticias sobre operacións bursatis e financeiras, pero “entre todos temos que xerar noticias que nos falen da economía real, produtiva, dos que expoñen o seu patrimonio e o das súas familias para xerar emprego e riqueza”. Recordou que nunca houbo unha evolución no mundo que non se baseara no esforzo e no traballo, “todo o demais é ficción que acaba por desmoronarse. Os gobernos temos que estar ao lado da economía produtiva, da que se esforza, para poñer en marcha proxectos innovadores”. Algo que xa vén facendo a Xunta de Galicia en todo estes tempo, polo que lembrou o acordo que se vén de asinar con Alfageme para instalar unha nova planta no polígono do Morrazo co acompañamento do Goberno galego ou o caso da empresa téxtil Adolfo Domínguez co acordo asinado para instalar todo o seu proceso de produción, distribución e loxística no parque ourensán do Val da Rabeda e o caso de hoxe de EXTRUNOGA.

Quintana resaltou que, para que un país sexa forte, precisa de institucións fortes pero tamén de empresas fortes, “non empresas que se pechen nas catro paredes de Galiza, senón empresas con raíces na terra e dende aí dispostas a conquistar o mundo”. E para iso, o proxecto de EXTRUNOGA recibiu o apoio da Consellería de Medio Rural cunha axuda importante a un investimento que tamén é moi importante. “Estou especialmente satisfeito ademais de que se trate dun proxecto no sector agroalimentario, no da alimentación animal, o que demostra que esa falsa imaxe que asocia o medio rural galego co atraso non é certa. O campo galego está a demostrar que é un campo de operacións imprescindible para a innovación e xeración de riqueza e xeración de emprego”.

No caso de EXTRUNOGA, Quintana explicou que non se trata só de ampliar unha liña de traballo existente, senón que se trata dunha nova fábrica que pretende gañar mercado a base da innovación, “a empresa galega ten que usar a súa capacidade de innovación como valor para competir”. Coa planta que hoxe se pon en marcha, “podemos dicir que os galegos vamos ser capaces de facer pensos que melloren a dixestión dos animais, ata diso somos capaces, e iso é positivo para Galiza”. Destacou que é especialmente importante que hoxe vexa a luz un proxecto coma este agora que o sector gandeiro galego atravesa momentos de dificultade dos que se amosou seguro e convencido de que seremos capaces de saír.

Proxecto EXTRUNOGA
EXTRUNOGA é un proxecto empresarial da empresa galega Internacional de Comercio e Servizos -do grupo Ceferino Nogueira-, que vai desenvolver un novo compoñente agroalimentario, inexistente ata agora no mercado, que consiste na incorporación de soro lácteo (obtido da fabricación do queixo) aos ingredientes tradicionais dos pensos baseados nos cereais. Este novo produto será comercializado non só no mercado galego, senón tamén en Castela León, Aragón e Portugal.
É un proxecto cun custe global de 5 millóns de euros, dos que 2,3 millóns (o 40%) son financiados pola Consellería de Medio Rural. En concreto, financiouse a construción dunha planta de fabricación, a adquisición de equipamento e tecnoloxía e o desenvolvemento dos novos ingredientes agroalimentarios. A planta de fabricación, hoxe inaugurada, sitúase no Parque Empresarial do Campiño e conta cunha superficie de 1.868 metros cadrados. Aí van traballar entre 7 e 9 persoas.
Trátase dun proxecto enmarcado nunha das liñas de acción prioritaria da Consellería de Medio Rural, para a mellora das condicións de transformación e comercialización de produtos agrarios. Neste ano 2008 téñense financiado 165 proxectos, cun investimento inducido de 48 millóns de euros, dos que Medio Rural financia 17,8 millóns.
Cómpre destacar que a industria da alimentación animal confórmase en Galiza por arredor dun cento de instalacións, factura arredor de 600 millóns de euros ao ano e dá emprego a 1.600 persoas.