VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- A Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza entregará cadanseus vehículos equipados para uso da policía local aos concellos de Ares, Carnota, Cedeira, A Estrada, Foz, Ordes, Rianxo e Tui. Así se recolle na edición de hoxe do Diario Oficial de Galicia (DOG).
O obxectivo desta iniciativa é contribuír ao equipamento dos concellos de Galicia para aumentar a eficacia dos servizos de policía local no desenvolvemento das súas funcións e así fomentar a seguridade cidadá nos municipios mellorando, polo tanto, a calidade de vida dos seus veciños. Os vehículos son Ssanyong Actyon Premium 200 XDI.
Puideron solicitar estes vehículos os concellos que contan cun corpo de policía local formado por un mínimo de tres membros, cunha poboación inferior aos 30.000 habitantes e que tiveran presentadas as súas contas correspondentes ao exercicio orzamentario 2006 no Consello de Contas de Galicia.
Na avaliación de peticións valoráronse aspectos como a maior ratio de axentes/poboación do concello, a menor ratio de policías/vehículos de que dispón o corpo, e a maior antigüidade da derradeira cesión no tipo de vehículo solicitado e concedido por parte da Consellería nos derradeiros cinco anos.