PONTEAREAS. (MORRAZO-tribuna).- O goberno municipal do Partido Popular, que preside González Solla, propón incrementar o coste do PXOM en 318.000 euros, denunciou o BNG esta noite. O plan de ordenación, que estaba contratado en 350.000 euros, con esta proposta do alcalde, dispara o seu coste ata case 700.000 euros, o dobre.
O alcalde propón, para a sua aprobación polo pleno da corporación, a modificación e ampliación do contrato, que retrasa a aprobación do PXOM ata polo menos o 2010. A proposta de González Solla vai ser tratada no pleno extraordinario, convocado para o martes día 9.
O BNG de Ponteareas considera que a proposta de González Solla significa un novo desastre para Ponteareas, que vai estar sin plan urbanístico un mínimo de 8 anos, dende a paralización do 2002. Os nacionalistas afirman, “a decisión de duplicar o coste e retrasalo ata o 2010, coa ampliación do contrato a empresa GOC, é a demostración definitiva do fracaso político do Partido Popular de Solla e Castro”.
Para Bolívar González, portavoz municipal do BNG, depois de 6 anos e medio dende a suspensión da normas urbanísticas, “este novo retraso de 2 anos maís, vai resultar nefasto para Ponteareas, pola ineptitude e incompetencia do PP, que desgraciadamente vai repercutir nos principais sectores económicos como a construcción ou o comercio”.Para o BNG, a decisión de González Solla de ampliar o contrato do PXOM, implica un novo despilfarro dos cartos públicos, “xa se levan gastados 350.000 euros, pagados cos impostos dos ponteareas, nuns traballos técnicos que co paso dos anos, quedaron desfasados e agora Solla tira a papeleira”.
Os nacionalistas pedirán no pleno a demisión de González Solla, como alcalde e como máximo responsábel do urbanismo en Ponteareas, por ter chegado a esta situación e plantexar agora máis retrasos e más despilfarros.