COMPOSTELA (MORRAZO-tribuna).- A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos reuniu esta tarde en San Caetano a confrarías e a outras entidades representativas do sector para explicar polo miúdo as novidades da convocatoria de axudas para proxectos colectivos de xestión pesqueira publicada o pasado venres, día 11 de decembro, no Diario Oficial de Galicia (DOG). Para esta medida, que terá carácter plurianual, o departamento que dirixe Carmen Gallego achega un investimento de máis de 14 millóns de euros, cofinanciados polo Fondo Europeo da Pesca (FEP 2007-2013).
Esta iniciativa da Administración pesqueira galega pretende ser un mecanismo para promover a participación do sector marítimo-pesqueiro galego e que este poida poñer en marcha proxectos encamiñados a contribuír de forma sostible á xestión e conservación dos recursos, mellorar a calidade e a seguridade dos alimentos, ou a controlar as condicións de acceso ás zonas de pesca. Así mesmo, busca garantir a aplicación dos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade e transparencia na xestión dos fondos públicos e que estas axudas estean ao alcance de todos os profesionais que viven do mar.
Tal e como se lle explicou á representación do sector pesqueiro presente no encontro desta tarde, poderán ser beneficiarios das subvencións as entidades de interese colectivo como confrarías, asociacións, cooperativas e organizacións constituídas por produtores de base que cumpran os requisitos recollidos na Lei 6/1993, sempre que teñan a súa sede social e desenvolvan as súas actividades en Galicia. Tamén están incluídas as fundacións de interese galego vencelladas ao sector pesqueiro. Todas estas entidades poderán concorrer de xeito individual ou tamén conxuntamente, como unha agrupación de entidades.
Entre as liñas de actuación que poden percibir axudas e que se incorporan como novidade na Orde publicada no DOG a semana pasada atópanse as dirixidas a desenvolver accións de tratamento de residuos a bordo; promover métodos ou artes de pesca selectivas e reducir as capturas accesorias; recoller do leito mariño as artes de pesca perdidas para combatir a pesca pantasma; mellorar as condicións de traballo e seguridade ou o impulso da cooperación entre científicos e profesionais do sector para a transferencia de tecnoloxía.
Ademais, especificóuselle aos asistentes que nesta convocatoria se inclúen medidas subvencionables que contempla específicamente o Regulamento 744/2008 da Comisión Europea (que establece unha acción específica temporal para promover a reestruturación das flotas pesqueiras da Unión Europea afectadas polo incremento do prezo dos combustibles) que son, entre outras, a realización de auditorías enerxéticas para grupos de buques e a obtención de asesoramento de expertos para o desenvolvemento de plans de reestruturación/modernización.