COMPOSTELA (MORRAZO-tribuna).- PSOE e BNG rexeitaron hoxe no pleno do Parlamento unha emenda do PPdeG que pretendía incrementar as partidas dirixidas aos avogados e procuradores de oficio en 300.000 e en 150.000 euros respectivamente nos orzamentos da Xunta para o ano 2009 para paliar o déficit que neste ano será no caso dos avogados de oficio de mais de 552.000 euros e que previsiblemente se incrementará no ano 2009.
O voceiro de Xustiza do PPdeG Xesús Palmou indicou que segundo informe emitido polo Consello da Avogacía Galega a data de 31 de decembro do ano 2008 a partida para o turno de oficio e o Servizo de Orientación xurídica dos colexios de avogados arroxará un déficit de 552.000 euros e a previsión para finais do 2009 segundo os orzamentos da Xunta arroxará un déficit de 622.970 euros. En consecuencia, o PPdeG presentou unha emenda para incrementar a partida de 300.000 euros para tratar de paliar parte do déficit e evitar o seu incremento no próximo ano.
Ao respecto dos Procuradores Xesús Palmou indicou que a cantidade adeudada polo turno de oficio e o Servizo de reparto de documentación sobrepasa os 300.000 euros, polo que o PPdeG presentou unha emenda no que se incrementa o presuposto en 150.000 euros mais para paliar esta grave situación.
Para o voceiro popular de Xustiza en ambos casos “tratase de cantidades mínimas e imprescindibles para garantir o funcionamento do turno que oficio que afecta aos sectores da poboación mais desfavorecidos”.
Segundo o PPdeG a non aceptación destas emendas acarreará problemas para o funcionamento da xustiza no próximo ano agravando aínda máis a xa precaria “e case caótica situación da xustiza na nosa Comunidade”.