06 diciembre 2008

Plan de urgencia para salvar las
carballeiras de Santa Lucía e Santa Xusta, en Moraña

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- Técnicos da Estación Fitopatolóxica do Areeiro realizaron unha valoración do estado fitosanitario das carballeiras municipais do campo da feira de Santa Lucía e de Santa Xusta (Moraña) na que recomendan a execución dunha poda de saneamento e o equilibrado das árbores para mellorar a situación destes conxuntos naturais. Esta análise sobre o estado fitosanitario das carballeiras foi solicitada polo propio alcalde José Eiras.

Segundo recolle o informe dirixido polo responsable da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, Pedro Mansilla, nas arbores da Carballeira de Santa Lucía apréciase a existencia de puntos de amarre de cables, puntas, golpes e descortezados accidentais a diferentes alturas como consecuencia da acción humana. Así mesmo presentan copas máis ou menos desequilibradas polo exceso de carga, gretas de diferentes dimensións e restos de podas incompatibles con unha axeitada cicatrización deste cortes.A situación de falta de vigor do arborado maniféstase tamén, segundo especifica o informe de Areeiro, na madeira posto que no 80% dos pes aparecen orificios signo da actividade de insectos perforadores (escolítidos e cerambícidos); ademais da presenza de restos de pulgóns e de indicios de ataque doutros insectos chupadores nas follas, en todos os casos cunha intensidade reducida. Pola súa banda o chan atópase excesivamente compactado con surcos de escorrentías e restos de fogueiras.
Tratamento das árbores de Santa Lucía

Analizados estes aspectos os técnicos da Estación Fitopátolóxica do Areeiro, entidade dependente da Deputación, recomendan executar as medidas correctoras na carballeira de Santa Lucía como o terciado severo dos pes a fin de eliminar o exceso de carga e equilibrar a relación entre a base e a súa copa-fuste. Esta actuación, que os técnicos consideran especialmente urxente na área perimetral da carballeira para evitar posibles danos a persoas ou vehículos, deberá ir acompañada dunha poda de saneamento para eliminar as ramas secas.

Así mesmo, aconsellan reducir a compactación do solo, restrinxindo a entrada de vehículos; eliminar os pes máis débiles, os inclinados e os dominados, ou aqueles que prexudiquen a vitalidade dos máis destacados.

A Carballeira de Santa Xusta pola súa banda presenta un aspecto xeral bo, aínda que a nivel estructural as árbores presentan desequilibrio a nivel estructural como consecuencia do abandono dos trasmoches realizados no pasado. O aspecto das ramas é forte e, pese á súa lonxitude, presentan unha boa flexibilidade, especifica o informe técnico.

Do mesmo xeito, os signos atopados polo ataque de insectos chupadores cicadélidos nas follas son mínimos e, polo tanto, non crearán problemas relevantes para a vitalidade das árbores. O chan tampouco presenta ningunha limitación para o axeitado desenvolvemento das árbores.

Recomendacións para tratar a carballeira de Santa Xusta

Así, neste caso Areeiro recomenda como actuacións a eliminación das árbores sometidas e deformadas, os tocóns de podas antigas e as ramas secas dos pes, realizando cortes de poda de forma axeitada, é dicir, en forma de bisel para evitar a acumulación de auga e respectando as enrrugas da cortiza. De forma opcional podería realizarse tamén unha poda en verde.