VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, anunciou hoxe en Madrid que é preciso a posta en marcha dun “plan de rescate” para o noso país da concesión da AP-9 para asegurar o control público sobre a Autopista do Atlántico, unha vía de comunicación que é “estratéxica para a vertebración do territorio e a mobilidade de Galiza”. Quintana referiuse hoxe en Madrid á recente venda da empresa concesionaria da autopista do Atlántico a unha entidade sometida no seu país a un proceso de reflotamento con fondos públicos e que agora “vai a xestionar unha infraestrutura básica para Galiza sen que os poderes públicos galegos poidan dicir nada”. O vicepresidente da Xunta asegurou que esta decisión “compromete o futuro das comunicacións do noso país” e por iso dixo que debe ter “unha resposta rotunda por parte das Administracións públicas galega e española”.
Neste mesmo senso, o vicepresidente da Xunta referiuse a outro exemplo deste tipo de operacións, coma o caso de Unión Fenosa. Segundo explicou Quintana, Galiza é unha potencia enerxética mentres que a empresa de referencia na xeración e distribución de enerxía eléctrica se ve inmersa dende fai tempo en diferentes operacións de compra-venda accionarial “que para Galiza de momento só se traduciron na perda de soberanía e capacidade de decisión sobre o noso potencial enerxético”. Por iso o vicepresidente apostou por unha acción decidida da Xunta de Galicia e do Goberno do Estado “para procurar unha solución positiva para Fenosa”.
“Nós sabemos ben que unha solución boa para Fenosa é unha boa solución para Galiza, e que calquera venda que afecte negativamente ao desenvolvemento de proxectos estratéxicos no noso país sería perxudicial para os intereses dos galegos e das galegas”, reflexionou o vicepresidente da Xunta. Tamén asegurou que é preciso “retomar o impulso económico dos poderes públicos para remover obstáculos inxustificados que nos impiden desenvolver as nosas capacidades produtivas”. Quintana explicou hoxe en Madrid que hai sectores na economía galega que están en condicións de seguir sendo o motor para a creación de emprego, coma o caso do sector naval.
Precisamente ao respecto do naval galego, Quintana explicou que a pesares das posibilidades de expansión que teñen as instalacións da antiga Astano seguen a estar infrautilizadas “como consecuencia dun estrano pacto cos organismos europeos”. Por iso, o vicepresidente reclamou “unha acción decidida do Estado fronte á UE”, argumentando que “se é posible romper tabúes e flexibilizar decisións para aplicar medidas de axuda ao sector financeiro, hai moitas máis razóns para permitir levantar o veto que pesa sobre o asteleiro de Fene”, para recuperalo plenamente para a construción civil de barcos e deste xeito que un conglomerado empresarial galego poida levar adiante a recuperación do asteleiro, que permitiría crear entre 3.000 e 5.000 postos de traballo “estables e de calidade”.
Intervención pública
Quintana dixo hoxe en Madrid que “pertence ao pasado a idea de que os poderes públicos non deben intervir na economía”, un argumento que se encargou de rebater a actual crise económica abrindo un “tempo novo” que “sinala o autogoberno como o instrumento máis acaído para controlar e coordinar democraticamente a economía dende as nosas institucións e a través de políticas propias”. Así, o vicepresidente da Xunta explicou que para enfrontar con garantías de éxito esta crise global “é imprescindible que os poderes públicos recuperen a súa iniciativa como forzas dinamizadoras, reguladoras e democratizadoras dos mercados económicos”.
No Foro Nova Economía en Madrid, o vicepresidente dixo hoxe que non comparte a opinión dos que entenden que o papel que corresponde aos poderes públicos se reducen a ser un axente meramente pasivo que debe actuar unicamente en misións de rescate para inxectar liquidez financeira e evitar o colapso das entidades bancarias”. Pola contra, Quintana asegurou que a intervención pública “é o mellor instrumento para dotar da maior eficacia económica e social ás políticas coas que enfrontar a crise” porque, aporta “maiores garantías de control cidadán, eficacia económica, equidade e eficiencia social”.
Quintana criticou que “non se pode acudir ao Cumio de Washington para facer un alegato da importancia da intervención pública e o gasto social, e a continuación retornar ás rutinas do pasado e permanecer impasible fronte ás operacións especulativas que se multiplican de xeito oportunista”. O vicepresidente explicou que de nada vale inxectar cuantiosos fondos públicos ás entidades financeiras se non se avalían os seus impactos e se fixan os controis precisos para que o crédito sexa máis accesible ás empresas e ás familias. “E os controis en democracia non se establecen con xaculatorias e recomendacións, senón co imperativo democrático da lei e o exercicio responsable do goberno”.
Por iso, Quintana apelou á necesidade dunha nova actitude política dos poderes públicos, que “non poden aceptar resignadamente o papel que moitos lles conceden como meros xestores das consecuencias económicas e sociais negativas das decisións de deslocalizados poderes financeiros”. No caso de Galiza, o vicepresidente afirmou que “nós non queremos ver reducido o papel da Xunta de Galicia a ser unha forza paliativa das decisións económicas nas que non tomamos parte”.
O vicepresidente sinalou que a crise económica “subliña a importancia dos poderes públicos como reguladores do mercado e como garante de políticas económicas guiadas pola busca do benestar das maiorías”. De feito, a actual crise puxo en claro que as economías menos vulnerables son as de “aquelas nacións que fixeron valer o seu autogoberno para impulsar políticas económicas propias, e un proxecto de país para expandir as súas capacidades e atender as súas necesidades produtivas”, e nese senso Quintana dixo que “ese é o camiño emprendido por Galiza”.
Instrumentos galegos
“Control público sobre infraestruturas básicas, regulación ao servizo do país de sectores estratéxicos coma o enerxético e impulso real á economía produtiva e a xeración de emprego estable e de calidade”. Estas son, segundo explicou hoxe Quintana en Madrid, “propostas dende Galiza que comprometen á Administración do Estado. Pero ao lado destas propostas, que comprometen a outra administración, Quintana sinalou que os nacionalistas galegos “queremos impulsar as capacidades do noso autogoberno creando novos instrumentos para aportar de modo eficaz recursos financeiros e políticas de acompañamento das iniciativas innovadoras”, en sectores con maior potencial de expansión coma o complexo agroforestal, as industrias de produtos alimentarios, a construción naval, a automoción ou o sector téxtil.
Nesta perspectiva o vicepresidente asegurou que “nós propoñemos constituír no futuro inmediato un organismo galego de crédito oficial”, que unifique todos os instrumentos de acompañamento empresarial que posúe o actual goberno galego (coma o Igape e Xesgalicia) e que dea participación ás entidades de capital risco das caixas de aforro galegas. Quintana destacou que Galiza destinará no ano 2009 uns 2.000 millóns de euros a medidas de apoio financeiro ás empresas galegas, pero para dar maior impacto ás políticas de apoio empresarial dixo que “é preciso simplificar o acceso ao financiamento, axilizar a análise de viabilidade nos novos proxectos e recortar os tempos de tramitación de axudas e créditos”. Todos estes obxectivos serán posibles coa nova entidade de crédito oficial, que segundo dixo Quintana “funcionará coma un portelo único e permitirá focalizar e aumentar os recursos nos sectores prioritarios e darlle máis coherencia aos programas de apoio ao tecido empresarial”.
Outra das iniciativas do nacionalismo galego é a necesidade no ámbito financeiro de avanzar na reforma da lei reguladora das caixas de aforro, “co fin de intensificar o seu compromiso coa economía produtiva”. Segundo explicou o vicepresidente da Xunta de Galicia, este novo marco legal terá que posibilitar unha “maior coordinación” entre o Goberno galego e as entidades financeiras “na procura de obxectivos comúns para a dinamización da nosa economía e a creación de emprego”.
Como terceiro eixo dos instrumentos galegos polos que aposta o nacionalismo, Anxo Quintana referiuse á estratexia de activación económica das actividades agrogandeiras e forestais, que o BNG leva aplicando xa tres anos dende a Xunta de Galicia. Para afondar nesta estratexia e evitar que os cambios na Política Agraria Común teñan unha repercusión negativa sobre a produción láctea galega, Quintana anunciou que “nos propomos crear un novo instrumento para explotar as súas capacidades e acrecentar a competitividade das nosas explotacións gandeiras”. Galiza suma máis dun tercio do total da produción láctea do Estado, pero apenas chegamos ao 7 % do emprego no sector transformador. Por iso o vicepresidente explicou que “aspiramos a configurar un grupo lácteo galego que permita mellorar as capacidades de competir nun dos sectores motrices fundamentais da nosa economía agraria”.
A credibilidade destas propostas de futuro, segundo explicou o vicepresidente da Xunta, baséase no feito polo nacionalismo galego nestes tres anos de goberno na Xunta de Galicia, a aposta por “un novo modelo” que resolva os importantes desafíos coxunturais e estruturais que o noso país ten diante, “desafíos propios e importados”, e entre eles os desafíos que ten provocado a actual crise económica internacional.
Políticas propias
Para superar esta crise, Anxo Quintana dixo hoxe en Madrid que a aposta do nacionalismo galego pasa polo impulso ás políticas propias, unha receita que definiu en seis eixos fundamentais: o primeiro deles é converter a iniciativa pública no motor da dinamización económica; en segundo termo, facer da mobilización dos recursos enerxéticos de Galiza un “catalizador positivo” para os procesos de diversificación e reforzamento do tecido industrial do país; en terceiro termo, aumentar a capacidade competitiva das empresas galegas; en cuarto lugar, desenvolver unha política de solo empresarial estratéxica que atenda ás necesidade de solo produtivo das empresas pero que busque ademais contribuír ao desenvolvemento territorial do país; o quinto eixo pasa pola activación da construción a través do Plan Sectorial de Vivenda Protexida; e por último, a aposta pola economía do benestar.
No primeiro eixo, Quintana destacou entre outras cousas o aumento previsto da licitación de obra pública nun 35 por cento, ata acadar os 1.575 millóns de euros. O vicepresidente da Xunta destacou ademais, a inxección de 430 millóns de euros de fondos adicionais para fomentar o investimento e o emprego, especialmente a través das subvencións de 10.000 euros aos empresarios que contraten desempregados que leven máis dun ano nas listas do INEM.
En canto ao segundo eixo, Quintana salientou o potencial enerxético extraordinario do país, e a posta en marcha por parte do nacionalismo galego no Goberno da que é “unha das políticas de maior calado” do actual goberno, baseada no compromiso coas enerxías renovables, comprometida coa redución dos impactos ambientais e co reinvestimento dos beneficios da explotación dos recursos enerxéticos nos galegos e nas galegas. Estas son, segundo explicou o vicepresidente da Xunta, as liñas de orientación fundamentais do Plan Enerxético Galego 2007-2012, toda unha “ruptura” coa xestión dos recursos enerxéticos do país feita polos anteriores gobernos que, segundo dixo Quintana, “sentan as bases para garantir o reinvestimento de parte dos beneficios” introducindo nos novos aproveitamentos eólicos criterios coma a participación pública e o desenvolvemento de proxectos industriais que xeren riqueza e emprego en Galiza. Esta é a orientación do novo Decreto de Regulación dos aproveitamentos de enerxía eólica que, tal como Quintana sinalou, pretende “consolidar o papel de Galiza como un dos primeiros países europeos na súa potencia en enerxías renovábeis do vento que nos permita aproveitar o potencial de produción eólica no beneficio do conxunto do país”. O vicepresidente dixo que estas intervencións na explotación dos nosos recursos enerxéticos e das estratexias de diversificación e consolidación do tecido industrial galego, permitirán mobilizar entre finais de 2008 e principios de 2009 uns 5.000 millóns de euros, que terán un “efecto dinamizador” na economía galega e nos farán menos vulnerables fronte á crise.
No que respecta ao incremento da capacidade competitiva das empresas galegas, o terceiro eixo, o vicepresidente apostou por seguir a senda iniciada no Goberno galego na aposta por un “modelo competitivo baseado na diferenciación e na tecnoloxía”. Así os factores fundamentais para lograr este obxectivo son, segundo Quintana, o investimento en I+D+i, o uso das TIC e a aposta polo coñecemento. Neste eido destacou o vicepresidente da Xunta o Plano Galego de I+D+i, que suma un investimento de 800 millóns de euros co obxectivo prioritario de acadar o liderado do sector empresarial no esforzo investigador e potenciar o investimento en recursos humanos.
Dende o ano 2005 a Consellería de Vivenda xestionou case 42 millóns de metros cadrados de solo produtivo, cuarto eixo definido por Quintana, cun investimento total de 415 millóns de euros. Pola contra, nos 16 anos de gobernos do PP se xestionaron 10 millóns de metros cadrados, que contrastan cos case 18 millóns de metros cadrados construídos entre 2005 e 2008.
Tamén dentro do ámbito da Consellería de Vivenda e Solo, Quintana situou o quinto eixo, a activación da construción a través do Plan Sectorial de Vivenda Protexida. O vicepresidente lembrou que “o ollo do furacán da crise se atopa no sector da construción”, un sector tradicionalmente xerador de crecemento económico e creador de emprego. Por iso para afrontar esta situación explicou que o Goberno galego está a dar un impulso decidido ás políticas de acceso á vivenda para todos os cidadáns, mesmo en tempos de crise, contribuíndo dende a construción de vivenda protexida a soster o emprego no sector da construción. O vicepresidente da Xunta dixo que a acción do goberno galego en materia de vivenda entre 2005 e 2008 supuxo un investimento público de 372 millóns de euros para a creación de vivendas de protección oficial, licitación de vivendas de promoción pública ve rehabilitacións, que suman 37.400 vivendas públicas e rehabilitadas. Medidas ás que agora se suma o Plan Sectorial de Solo Residencial, que prevé a construción de 45.000 vivendas protexidas a prezo taxado nos vindeiros anos, e que xerará carga de traballo para 300.000 persoas no país.
No que respecta ao sexto eixo, a economía do benestar, o vicepresidente da Xunta se referiu ao Sistema Galego de Benestar, que hoxe é xa “un sólido sistema de prestacións e equipamentos de servizos sociais e unha solvente rede de solidariedade e garantías sociais”. Apoiado ademais pola nova Lei Galega de Servizos Sociais aprobada recentemente polo Parlamento galego. Segundo dixo Quintana, no ano 2005 as distintas prestacións e servizos sociais atendían en Galiza a menos de 30.000 persoas, e neste momento son xa 50.000 as persoas que están a ser asistidas no país polos distintos programas e servizos do Sistema Galego de Benestar. Quintana anunciou que ao remate da lexislatura esta cifra ascenderá a 60.000 persoas, un dato que é “un bo indicador dos avances en materia de benestar e o logro de maior cohesión social en Galiza”.
Ademais o vicepresidente destacou que o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar se está a converter nunha “gran estrutura nacional ao servizo dos galegos e as galegas”, unha prioridade que no ano 2009 terá xerado 1.600 postos de traballo “estables e de calidade”. Un xeito de loitar contra a crise que aposta por substituír a lei do mercado pola lei da xente, acrecentou Quintana.
Crise económica e autogoberno
Na conferencia, o vicepresidente fixo especial fincapé no momento de crise económica, e afirmou que neste contexto “Galiza está a esgotar un tempo político” derivado desta situación económica e sinalou que o noso país “prepárase para iniciar unha nova etapa no seu autogoberno”. Quintana fixo balance da lexislatura que está a piques de concluír en Galiza, que comezou no ano 2005 coa formación do goberno de coalición PSdeG-BNG. Neste senso o vicepresidente da Xunta destacou que nestes tres anos “Galiza experimentou cambios substanciais” nas súas políticas públicas e se produciu o que Quintana denominou “a normalización do autogoberno galego”, un proceso de afianzamento das institucións do país “que sinala un antes e un despois na historia política galega”, dixo o vicepresidente.
Quintana relacionou o peche deste ciclo político en Galiza coa crise económica, que segundo o vicepresidente “estende a incerteza sobre unha rápida recuperación das economías produtivas e a estabilización dos mercados financeiros”. Quintana aproveitou para lembrar as “leccións” que esta crise global está a deixarnos, leccións a tomar en consideración no que se refire “ao modelo económico neoliberal ensaiado infelizmente dende os anos 90”, pero tamén leccións ilustrativas “sobre o papel que lles corresponde cumprir aos poderes públicos no control e democratización das relacións económicas e do mercado”.
A crise, segundo sinalou hoxe Quintana en Madrid, “obríganos a focalizar a nosa atención sobre as posibilidades que nos ofrece o autogoberno como actor de políticas fronte á crise”, ou como “garantía de benestar dos cidadáns ante as consecuencias sociais negativas derivadas da recesión económica”. Quintana fixo un repaso da historia do autogoberno galego, que lle correspondeu desenvolver aos gobernos galegos do PP despois da aprobación do Estatuto de Autonomía de 1981, unha formación política “menos receptiva ao recoñecemento dos dereitos e liberdades das nacionalidades históricas”, apuntou Quintana. Galiza correu neste proceso distinta sorte que Euskadi e Cataluña, que segundo explicou o vicepresidente “puideron beneficiarse de gobernos liberados por forzas políticas que estaban comprometidas co obxectivo de aproveitar ao máximo” os seus respectivos Estatutos de autonomía. Pola contra, Quintana destacou que a Xunta de Galicia gobernada polo PP “adoptou unha posición de permanente subalternalidade política” respecto das institucións de Madrid, “e mesmo en moitos casos respecto das deputacións e os concellos”.
Neste contexto, Quintana reiterou que o autogoberno galego “conformouse con ser un poder invitado, sen iniciativas propias”. “A Xunta de Galicia ata o ano 2005 era un goberno con capacidades decisorias infrautilizadas, un goberno carente de poder de seducción, incapaz de crear unha complicidade positiva coas organizacións da sociedade civil”, apuntou.
Co cambio de goberno, no ano 2005, Quintana sinalou que os galegos e galegas deron paso nas urnas a “un cambio democrático destinado a imprimir unha nova dirección política ao autogoberno galego”. Así, o vicepresidente asegurou que neste trienio “Galiza fixo efectiva a normalización do seu autogoberno”, e hoxe en día as institucións do país “lideran as políticas que son necesarias para Galiza”. Ademais destacou que neste período “ampliamos o noso ámbito competencial” e, sobre todo, “Galiza toma as súas decisións. Gañamos peso político no estado, o país afianzou as súas posicións na construción dunha relación bilateral co Estado e logrou o recoñecemento da débeda histórica en materia de infraestruturas e servizos sociais”.
Neste punto, Quintana lembrou que foi a presenza parlamentaria do nacionalismo galego e a súa iniciativa política no Goberno galego o que provocou que os orzamentos do Estado acrecentaran de xeito significativo os seus investimentos en Galiza “e temos maiores garantías para facer efectiva a súa execución e a participación de Galiza nas decisións estratéxicas do Estado que máis nos afectan”, acrecentou o vicepresidente. Esto ten provocado que “por primeira vez os galegos e galegas saben as posibilidades que ofrece verdadeiramente o autogoberno para construír políticas económicas ou culturais”.
O Novo Estatuto
Anxo Quintana substanciou todas estas demostracións prácticas de novas políticas na xeración de máis benestar para os galegos e para as galegas e, precisamente para poder facer do autogoberno o instrumento fundamental que xere benestar en Galiza, situou a redacción dun novo Estatuto como “unha cuestión fundamental e prioritaria”. Quintana lembrou que foi o tesón do BNG sobre a necesidade dun novo Estatuto o que ten situado o autogoberno galego no centro da axenda política. Hoxe todas as forzas políticas coinciden na necesidade deste novo Estatuto para que Galiza constrúa o seu futuro, “un cambio de posición do que todos nos felicitamos”. Precisamente pola importancia que este novo Estatuto ten para o futuro do país, Quintana reiterou a necesidade de que cando os galegos e as galegas acudan ás urnas o fagan “sabendo con precisión cales son as propostas das tres forzas políticas que aspiramos a dirixir o goberno do noso país”.
Neste senso, o vicepresidente identificou “catro cuestións cardinais” arredor do novo Estatuto sobre as que o BNG se ten expresado xa con claridade e sobre as que ”os cidadáns galegos queren saber con idéntica claridade cal é a posición do Partido Socialista e o Partido Popular”. Quintana pediu un exercicio de “honestidade política” a este respecto, para que o resto das forzas políticas se expliquen sobre o recoñecemento do carácter nacional de Galiza no novo Estatuto “por dereito propio e por pragmatismo”; o recoñecemento da lingua galega en réxime de igualdade xurídica plena co castelán, con idénticos dereitos e deberes, algo que “é de xustiza”; Galiza debe aspirar a un réxime de máximos competenciais, blindando o exercicio dos seus poderes e establecendo garantías fronte a calquera inxerencia do Estado nas nosas competencias exclusivas, entre as que Quintana destacou agora como prioritarias as que permitan a Galiza impulsar o desenvolvemento económico impulsando os nosos sectores produtivos, o avance na consolidación dos nosos servizos públicos, o sistema galego de benestar e as políticas de igualdade de oportunidades; por último outra cuestión cardinal no novo Estatuto é a necesidade dun novo modelo de financiamento “porque Galiza non quere exercer un autogoberno parcial e autolimitado”, senón que “queremos dispoñer de competencias plenas sobre as nosas políticas de gasto e de ingreso”. Quintana lembrou que é preciso un modelo que “nos permita autorresponsabilizarnos do noso gasto e o noso ingreso e participar nos mecanismos de redistribución estatal”.
Nestas catro cuestións Anxo Quintana demandou respostas claras de PP e PSOE, “si ou non ao recoñecemento nacional de Galiza; si ou non ao recoñecemento da igualdade xurídica da lingua galega; si ou non a un marco competencial de máximos e blindado; si ou non a un novo modelo de financiamento baseado na nosa responsabilidade na xestión de ingresos e gastos”. Estas, segundo dixo, son “as preguntas básicas do referéndum ao que a sociedade galega somete ás forzas políticas que queren gobernar as súas institucións de autogoberno”.
Este Novo Estatuto, segundo dixo hoxe Quintana en Madrid, contará co esforzo do BNG para reunir de xeito consensuado e integrador a unha maioría social que entende que “Galiza é un país diferente, unha realidade nacional con personalidade propia cunha lingua e cultura propias, con peculiaridades territoriais e sociais que condicionan e singularizan as formas de producir e vivir do pobo galego”. Quintana lembrou que os homes e mulleres que “levantaron historicamente as bandeiras do galeguismo e o nacionalismo afirmaron de todos os xeitos democraticamente posibles que Galiza é un país diferente, que somos unha nación que quere construírse en liberdade”. Ademais, constatou que hoxe hai “unha maioría social galeguista que quere que o autogoberno de Galiza afonde máis nas nosas capacidades para decidir o noso futuro”. Por iso, Quintana asegurou que a todas esas persoas “que senten a Galiza coma a súa primeira lealdade política, se ofrece o nacionalismo galego para construír unha Galiza para todos e todas”.
Asistentes
Á conferencia do vicepresidente da Xunta no Forum Nova Economía asistiron destacados representantes da vida política, social, empresarial, económica e de comunicación do país. En total máis de 150 persoas se deron cita esta mañá en Madrid para escoitar as palabras do vicepresidente do Goberno galego.
Entre as personalidades políticas atopábanse varios conselleiros da Xunta de Galicia, o ex presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga; deputados de diversos grupos parlamentarios do Congreso; e diversos cargos do Goberno central, así como responsables das embaixadas de Eslovaquia, Canadá e Reino Unido en España, entre outros.
Tamén estiveron presentes na intervención de Anxo Quintana o presidente de AC Hoteles; o presidente da ONCE; os vicepresidentes de Unión Fenosa e do Grupo San José; o presidente de Filmanova; o vicepresidente do Grupo Aldesa; e o director xeral de Audasa, entre outros.