08 diciembre 2008

Proxecto de capacitación en habilidades sociales para as confrarías de A Guarda, Baiona e Bueu

BUEU/ BAIONA / A GUARDA (MORRAZO-tribuna).- A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos está apoiando un Programa de capacitación en habilidades sociais para o sector pesqueiro, impulsado pola Confraría de Pescadores “Santa Tecla” da Guarda que se vén impartindo dende o pasado mes de outubro. Esta actividade enmárcase nas axudas para a realización de proxectos de promoción sociocultural convocadas pola Administración pesqueira galega para acadar unha actividade responsable, así como para lograr unha maior valoración social dos traballadores do mar e para incidir na súa formación a través dunha participación activa. 

Os destinatarios do Programa de capacitación en habilidades sociais para o sector pesqueiro son os socios, asistencias técnicas, secretarios e membros da xunta xeral e do cabildo do pósito da Guarda, así como das confrarías de Baiona e Bueu. Esta actividade prantéxase dende unha perspectiva de participación activa do sector na discusión e deseño das medidas de xestión, xa que se considera que para que as confrarías manteñan un marco participativo é necesario dotalas das ferramentas e coñecementos necesarios para que se escoiten todas as voces e se chegue a decisións axeitadas e aceptadas por todos.De feito, enténdese que é de gran importancia mellorar a formación dos integrantes dos pósitos para que acometer proxectos colectivos, tendo en conta que as tres confrarías veñen desenvolvendo conxuntamente unha iniciativa de xestión integral da pesquería do percebe. A finalidade do Programa é proporcionarlles especialización en habilidades que lles permitan responsabilizarse de propostas, ser capaces de analizar problemas e chegar a solucións conxuntas.
Con esta medida quérense obter resultados a dous niveis: facilitar no grupo o coñecemento e recoñecemento da súa realidade social e favorecer a súa capacidade de analizar, comprender e transformar a realidade concreta, así como impulsar a organización e a vertebración dun tecido social capaz de actuar con autonomía en determinadas circunstancias.

Actividades nas tres confrarías

O calendario de traballo previsto establece o desenvolvemento de actividades en cada unha das confrarías de xeito simultáneo, organizándose os contidos en oito módulos. Ademais, a teoría correspondente a cada apartado combínase con reflexións individuais e accións en grupo, entre outras, e entre cada sesión presencial apórtase material aos asistentes para apoiar o aprendido e que aporten as súas experiencias no vindeiro encontro.

A temática do primeiro dos módulos son os grupos, abarcando cuestións como a participación efectiva ou o liderado. O segundo e o terceiro apartado céntranse na comunicación non violenta e a escoita, mentres que os módulos catro, cinco e seis afondan nas reunión, as asembleas e a toma de decisións. Xa por último, os apartados sete e oito tratan a xestión de conflitos, tratando de buscar unha resolución positiva dos mesmos.

Diversificación das zonas de pesca 

O Programa de capacitación en habilidades sociais para o sector pesqueiro no que participan as confrarías da Guarda, Baiona e Bueu enmárcase nas axudas para a realización de proxectos de promoción sociocultural convocadas pola Administración pesqueira galega. A través deste tipo de iniciativas, a Consellería de Pesca quere promover a dinamización sociocultural das comunidades pescadoras mediante programas de sustentabilidade aplicados a diferentes aspectos da realidade social desta profesión (económicos, sociais, ambientais, biolóxicos e culturais) para acadar unha pesca responsable, así como para lograr unha maior consideración social dos traballadores do mar e para incidir na súa formación a través dunha participación activa.

A promoción do patrimonio sociocultural apóiase na realización de proxectos de recuperación e divulgación, de formación, de educación ambiental e outros que teñen como finalidade contribuír a unha maior revitalización das comunidades do litoral. Ademais, considérase que a participación nas iniciativas non debe limitarse unicamente aos propios pescadores, senón que ten que abrirse á sociedade en xeral, a través da participación de entidades de tipo asociativo e da implicación das empresas mediante apoio económico e institucional.