17 diciembre 2008

Quintana dice que no hay problemas en el pacto Zapatero-BNG y que el lunes se crea la comisión de seguimiento de infraestructuras

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, anunciou esta mañá que este luns, 22 de decembro, se vai constituír en Madrid a subcomisión de seguimento das infraestruturas e adiantou tamén que o martes 23 a Comisión Mixta de Transferencias efectivizará o traspaso a Galiza do paquete de competencias pendentes. Deste xeito, segundo declarou Quintana, “tal e como tiñamos pactado co Goberno de España, co presidente Zapatero, temos cumprido todos os acordos ao respecto do noso apoio parlamentario en Madrid aos orzamentos do Estado”.

Anxo Quintana sinalou, ao respecto destes acordos, que “temos cumprido tamén en tempo e forma, porque nos puxemos como data o 15 de decembro” e explicou que esta fin de semana, nunha conversa coa ministra Elena Salgado, se puideron pechar todos os acordos, uns acordos que, segundo dixo, non se fixeron públicos ata agora porque había determinadas cuestións técnicas que aínda había que matizar e se remataron onte mesmo.

Será na reunión da Comisión Bilateral de Cooperación, xa convocada para o luns 22, onde se vai a constituír por fin a Subcomisión de Seguimento das Infraestruturas. Segundo explicou Quintana, esta Subcomisión vai estar formada por catro membros por parte da Administración do Estado e outros catro por parte da Comunidade Autónoma, e presidida polos titulares de Fomento e Política Territorial de cada un dos Gobernos. A súa misión centrarase no seguimento e control de todos os investimentos do Estado en Galiza, “de xeito que podamos asegurarnos de que unha vez que se presupostan cuestións importantes para Galiza se van a executar”. Quintana adiantou que a Subcomisión terá xa a súa primeira reunión no primeiro trimestre do ano 2009, “para que o exercicio de 2009 sexa controlado xa dende o primeiro momento”.

O vicepresidente galego tamén aclarou que será a Comunidade Autónoma, no seu momento, a que decidirá quen é o que ten que formar parte desa subcomisión, e neste senso considerou que “sería positivo que se buscara un acordo para que todos poidamos participar, que toda a representación política de Galiza se sinta representada nese órgano”. Así, apuntou que, unha vez creada, esta cuestión “será algo que se terá que decidir en Galiza, que só depende de nós, e no seu momento terase que escoitar a todo o mundo”. Pola súa parte, lembrou ter manifestado xa “a miña posición favorable a que busquemos fórmulas que sirvan para que a Subcomisión represente ao conxunto do país, e teña a forza do conxunto do país”.

Anxo Quintana afirmou que “temos institucionalizada esa relación bilateral entre Galiza e o Estado, custou moito pero por fin o temos, Cataluña e nós”. Así, engadiu que “agora xa non vai depender da vontade do Goberno, se quere ou non quere, ou da vontade da Xunta, senón que está institucionalizado e polo tanto pasa a ser unha obriga.

Comisión Mixta de Transferencias
Igualmente, o vicepresidente anunciou que ao día seguinte, o martes 23, vaise a celebrar a Comisión Mixta de Transferencias, que vai a traspasar a Galiza un importante paquete competencial. “Cubrimos todos os obxectivos a ese respecto: Galiza vai a recibir como traspasos cuestións relevantes en materia de museos, bibliotecas, arquivos, becas ao estudo, no saldo da débeda de superficie, en inspección de traballo, e instalacións patrimoniais”.

Anxo Quintana amosouse “tremendamente satisfeito” porque Galiza, a parte de traspasos moi importantes, vai ser a primeira Comunidade que teña transferidas cuestións que outras Comunidades non teñen, coma os museos que pertencen á rede estatal: “Seremos a primeira que teña este traspaso, nin Cataluña nin Euskadi os teñen”.

O vicepresidente destacou que por fin vai ser propiedade de Galiza o Castelo de Monterrei. Lembrou “as peripecias que os cataláns tiveron que facer para o traspaso do Castelo de Monjuic, que aínda teñen sen resolver, e Galiza vai a ter o de Monterrei”.

Tamén fixo referencia á inspección de traballo, “cuestión complexa e cun ámbito de xestión complicado, na que nós imos a colocarnos ao mesmo nivel que Cataluña”. Neste senso, explicou que Galiza contará con determinados ámbitos competenciais, e que outros quedan no ámbito do Estado, pero sinalou que “somos Cataluña e nós os que temos avanzado máis competencialmente nunha materia tan importante coma esta”.

Apoio aos orzamentos
Quintana destacou estes acordos como “moi satisfactorios e importantes para Galiza”. Na súa intervención, considerou especialmente gratificante poder facer este anuncio precisamente no día no que no Congreso dos Deputados Mariano Rajoy acaba de acusar ao presidente Zapatero de “venderse ao chantaxe dos nacionalistas” para poder aprobar os orzamentos do Estado. “Segundo a teoría do señor Rajoy e do PP, cando as forzas políticas estatais chegan a acordo, iso é moi importante para a democracia, son consensos dignos de admiración e alabanza; pero agora, cando o acordo se produce entre algunha forza política estatal e unha forza política nacionalista, iso é chantaxe”, dixo. “Eu teño que dicirlle ao señor Rajoy que os nacionalistas galegos estamos moi contentos de ter contribuído, nun momento de crise, a que o Estado teña uns orzamentos, e que polo tanto a cidadanía do Estado poida ter un instrumento para defenderse ante esta crise”, engadiu. “Os nacionalistas galegos temos que actuar con responsabilidade e pensando en Galiza, e el, que é galego, creo que non ten actuado nin con responsabilidade nin pensando no país”, remachou. “Para min é unha satisfacción, porque eu sei que hoxe haberá moitos galegos e galegas que cando se voten os orzamentos do Estado terán o orgullo de saber que esta vez foi Galiza a determinante para que estes orzamentos poidan ser posibles, que non foron outros unicamente os actores, senón que Galiza foi a protagonista deste proceso, e eu creo que isto é moi importante”.

Claves do acordo
O vicepresidente explicou que o acordo tiña catro apartados. Destes, dous xa estaban efectivizados: o primeiro era o aumento do investimento do Estado en Galiza en 125 millóns de euros a maiores que Galiza vai a recibir no ano 2009; e a segunda cuestión era o financiamento adicional para Galiza en materia de dependencia, “100 millóns de euros que temos conseguido despois das nosas conversas tanto en materia orzamentaria no Parlamento como coa ministra”. Ademais diso, estaban as cuestións da Subcomisión de Seguimento das Infraestruturas e o paquete de transferencias referidas. “Son as catro cuestións que foron o obxecto do acordo para o apoio do BNG aos orzamentos do Estado”.