VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O portavoz nacional do BNG responsabilizou hoxe e Alberto Núñez Feijóo da moción de censura consumada anteonte no concello de Mos e que levou ao PP ao goberno local co apoio dun tránsfuga do PSOE. Foi en resposta ás perguntas dos xornalistas á súa chegada á presentación do libro "Vontade de nación"
Sobre a actitude do número un do PPdeG, Quintana dixo que "está a ser pouco efectiva e o que se pide é, sobre todo, efectividade porque de declaracións de boas intencións xa vamos sobrados. Non é o primeiro caso que sucede e isto debería facer reflexionar ao Partido Popular".
O vicepresidente da Xunta lembrou que Mos "non é un concello calquera, nin un lugar que o señor Feijóo descoñecera. Non é unha situación da que non estivera ao corrente durante moitos meses e aínda asi pasou o que pasou. Polo tanto, el é o que ten que dar explicacións e buscar solucións. É o que os veciños de Mos reclaman do señor Feijóo máis alá de golpes de efecto".
O líder nacionalista valorou a apertura dun expediente disciplinario por parte dos responsábeis do PP mais insistíu en que "esta non é unha cuestión que colla por sorpresa ao Partido Popular porque se vén fraguando desde hai meses" e lembrou que Núñez Feijóo estivo en Mos durante o tempo en que se fraguou a moción de censura, "e polo tanto puido coñecer o que se estaba a facer e lembro declaracións súas en aquel momento nas que botaba leña ao lume nunha situación que, necesariamente, ía acabar onde acabou".
"Non se pode actuar como bombeiro pirómano", ironizou o líder nacionalista, "botar gasoliña ao lume e cando se provoca o incendio, berrar socorro. Éste é o resultado de toda unha actuación da que el é responsábel".
Concurso eólico e clima preelectoral
Tamén en resposta ás perguntas dos xornalistas, Quintana destacou a transparencia do concurso eólico e lembrou que é a primeira vez que se leva adiante unha iniciativa deste tipo en Galiza. "O máis importante é que estamos a marcar un antes e un despois na historia enerxética de Galiza", concluíu o vicepresidente da Xunta, "porque os beneficios van repercutir nos galegos e galegas. Estamos a cambiar o modelo e aspiramos a que sexa aplaudido pola maioría da sociedade galega, pero non esperabamos o aplauso da oposición".
Sobre as perspectivas electorais do BNG ante a proximidade dos comicios galegos, Quintana afirmou que o Bloque "vai subir nas próximas eleccións" e cualificou de "positivo" comprobar "que a xente valora o que estamos facendo para afrontar a situación de crise desde o goberno".