02 diciembre 2008

Touriño aprovecha una inauguración en Marín para dar otra de sus ya habituales predicaciones de autobombo

MARIN (MORRAZO-tribuna) .- O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, subliñou “o esforzo sen precedentes” que constitúe o feito de que en 2009 o Goberno de España e o Goberno galego investirán un total de 260 millóns de euros en “ampliar, renovar e lanzar os grandes plans estratéxicos dos portos galegos”, O titular da Xunta manifestou que, grazas á aposta que ambas administracións realizan pola mellora das comunicacións marítimas, a fachada marítima galega está a vivir “unha metamorfose histórica sen precedentes”. Para o presidente galego “a fronte portuaria de Galicia está en cambio, ao igual que o está Galicia”.
O titular do Executivo autonómico fixo estas declaracións durante o acto de inauguración da segunda fase da expansión do Porto de Marín, un acto no que tamén participou a conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride. Na súa intervención, Pérez Touriño resaltou a relevancia desta actuación que, segundo dixo, dota ao Porto de Marín “da cuarta parte da capacidade de atraque do conxunto dos portos galegos e do 20% da superficie de explotación coa terminal de contedores”.
“Galicia ten na súa fachada marítima unha grande oportunidade de desenvolvemento. Temos que xogar e tratar de facer dela un polo de atracción e de sedución para gañar espazo nas comunicacións marítimas internacionais”, reivindicou o presidente galego. Nesa liña, indicou que en tempos de crise, cómpre abordar a situación con perspectiva para ser consciente da “crecente e relevante importancia estratéxica das comunicacións marítimas” e asegurou que en Galicia “non a desaproveitaremos”.
O titular da Xunta destacou que os portos constitúen “o exemplo máis nidio do esforzo de capitalización que neste momento de crise facemos no país”, e sinalou o “esforzo” que o Goberno galego está a realizar para crear as infraestruturas que potencien a “competitividade” dos portos galegos e que favorezan ao tempo a súa integración na cidade. Nese sentido, destacou os investimentos que se están a realizar nos portos de Ferrol, A Coruña, Vilagarcía e Vigo, ademais de no de Marín.
Infraestruturas que potencian a competitividade dos portos
O máximo mandatario autonómico resaltou o empeño da Xunta por conectar os portos galegos con grandes núcleos de solo industrial e plataformas loxísticas, como ocorre coa Plisan, que estará unida por autovía ao Porto de Marín, e como acontece tamén “ao pé de cada gran plataforma portuaria”, desde Ferrol ata Vigo.
Fixo fincapé tamén o máximo mandatario autonómico na necesidade de dotar de “mobilidade” os portos, e nese sentido destacou que na actualidade están en marcha na provincia “máis de 250 millóns de euros en infraestruturas viarias para dar soporte a todos os tráficos”.
Entre esas actuacións viarias, Touriño destacou a importancia da Variante de Marín, cuxo último treito se empezará a construír antes de que remate o ano, así como a nova autovía entre Pontevedra e Vilagarcía, que terá continuidade ata Vigo e conectará coa autovía a Madrid. Na práctica significa, afirmou, a construción “dun trazado de medio percorrido paralelo a AP-9” en autovía libre de peaxe.
Unha maior capacidade de reacción fronte á crise
O titular do Goberno galego fixo referencia aos últimos datos publicados polo Instituto Galego de Estatística en relación co comportamento da economía no terceiro trimestre do ano. Nese sentido, Touriño sinalou que eses datos “corroboran a desaceleración importante”, xa que Galicia medrou un 1,6% nese período en termos interanuais, fronte ao 2,4 do segundo trimestre.
Porén, nas súas declaracións, o presidente da Xunta destacou que os datos amosan aínda un comportamento diferencial, xa que ese crecemento do 1,9 é 7 décimas superior ao de España e 9 décimas máis que ao da Unión Europea. Ademais, indicou que o crecemento estritamente trimestral tamén denota a desaceleración, xa que en Galicia foi do 1%, pero indicou que en España este dato é de -0,2%.
Emilio Pérez Touriño apuntou que en Galicia está a caer tamén o índice de produción industrial, a actividade da construción e dos servizos, pero a un ritmo menor que no resto de España, ao tempo que tamén é menor a caída do consumo.
Ademais, referiuse aos últimos datos de comercio exterior que sitúan a taxa de cobertura das exportacións galegos nun 101%, moi por riba da media española, que se sitúa no 60%. Para o presidente galego estas cifras son mostra da “vitalidade” do empresariado galego e de que a galega “é unha economía aberta”.
Polo tanto, considerou que Galicia está a presentar “os mesmos síntomas” da crise que o resto das economías, pero presenta “algúns marxes maiores de capacidade de resposta”.
No seu discurso, o xefe do Executivo autonómico fixo unha apelación aos pequenos e medianos empresarios a facer uso das medidas activadas polo Goberno galego e a solicitar as liñas de crédito avaladas pola Xunta e 20 entidades financeiras. Insistiu en que “ningún proxecto viable debe quedar sen financiar” para evitar así que haxa problemas de emprego, e que os sectores que conforman o tecido produtivo galego “non se perdan no túnel da crise”.