12 febrero 2009

Quintana pone al día su ideario ante cientos de personas en la tribuna mediática del " Club Faro de Vigo"

VIGO (MORRAZO-tribuna).- O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Anxo Quintana, ofreceu este serán unha conferencia no centro social Caixanova ante máis de 400 persoas. Ali expuxo os eixos do proxecto nacionalista para os vindeiros catro anos e apostou por que Galiza sexa “o país do benestar e da igualdade, orgulloso de si mesmo e que profundice nos seus cambios democráticos”.
O candidato do Bloque explicou que nestes catro anos iniciouse o “cambio de toda unha cultura política, unha estrutura institucional levada adiante moitos anos. A dereita española gobernou en Galiza cando menos 50 anos”, dixo, polo que quixo aclarar que “debemos ser ambiciosos, darnos conta da inxente labor a realizar, pero tamén saber que as cousas non se poden cambiar en dous días nin en tres anos e medio”.

Houbo, segundo explicou, “cambios estruturais importantísimos. A auténtica novedade foi a participación do nacionalismo galego. Temos unha boa carta de servizos porque son moitas cousas realizadas e os cambios profundos levados adiante”.

Isto “foi posíbel porque temos un estilo propio. A política debe ser o arte de convertir en posíbel o que é necesario. Non pode ser que se traslade a idea de que só é necesario o que é posíbel, iso leva ao inmobilismo. O que provoca o cambio é a fortaleza para enfrentar os problemas cando son difíceis de resolver. Ese é o xeito de entender a política do BNG”.

Quintana dixo que agora “debemos de proxectar o futuro e para iso temos un proxecto 3 ámbitos de actuación: unha utilización responsábel do autogoberno para conseguir máis cotas de benestar para os cidadáns e dotarnos de instrumentos para loitar contra a crise, termos disposición a facer unha defensa democrática pero contundente da nosa identidade como pobo e, finalmente, redactar, articular, un novo contrato cidadán sintentizado nun Novo Estatuto para Galiza”.

O número un do Bloque explicou máis polo miúdo estes pontos e indicou que “houbo idea equivocada do papel do autogoberno, pensábase que era só para fortalecer a identidade de Galiza como nación. Ten que servir para iso, a identidade do país é moi importante, a defensa da nosa identidade forma parte central do noso proxecto político, pero ten que ser instrumento para xerar benestar dos cidadáns. Asi o entendimos sempre asi o queremos facer na próxima lexislatura”.

“Sería unha irresponsabilidade que non utilizáramos o ámbito do autogoberno para intentar paliar os efectos da crise”, dixo Anxo Quintana e para iso, o BNG “traballa en dez aspectos diferentes”, dos que tamén foi dando as claves.

Dez ámbitos de actuación

O candidato do BNG eses dez ámbitos de actuación que se deben liderar dende o autogoberno para enfrontar a crise e para, ao mesmo tempo, crear unhas condicións sostibles para o crecemento económico do país. O primeiro ámbito pasa por seguir activando o sector público como xerador de emprego, facendo da licitación de obra pública un motor económico. Lembrou que en 2008 Galiza foi a terceira comunidade do Estado na que máis medrou a licitación pública, con algo máis de 1.200 millóns de euros, o que supón un incremento do 76% con respecto ao que a Xunta licitou en 2004 (680 millóns de euros).

O segundo ámbito no que actuar, segundo Quintana, será o de dotarnos de novos instrumentos de coordinación das políticas económicas e financeiras e de activación do crédito ás empresas. Aí enmárcanse a nova Lei de Caixas e o Instituto Galego de Crédito e Investimento. Unha nova lei “coa que queremos alentar unha auténtica política financeira ao servizo da economía produtiva e a creación de emprego”, unha norma para favorecer a coordinación entre a Xunta e as entidades financeiras que permita blindar o destino dos fondos de aforro das familias, impulsar os fluxos de crédito cara a economía produtiva e garantir o desenvolvemento dos sectores económicos estratéxicos. Pola súa banda, co Instituto Galego de Crédito búscase un organismo eficaz e operativo para acabar co estrangulamento do crédito ás empresas. O obxectivo, con ambos instrumentos, é favorecer que o crédito circule e poñer fin así a unha situación na que a dificultade dos fluxos de capital está estrangulando a economía.

A aposta pola innovación é o terceiro campo de actuación marcado polo Bloque Nacionalista Galego. Quintana dixo que neste eido xa hai avances feitos, conseguindo que en 2007 Galiza superase a barreira do 1% no gasto dedicado a I+D, pero asegurou que queda moito por avanzar, para o que se vai impulsar un novo Plan de I+D+i 2011-2014, dotado con 1.000 millóns de euros, e vaise crear a Axencia Galega de Innovación e Desenvolvemento Industrial. Sinalou que o obxectivo é que a innovación penetre en todas as capas do tecido produtivo galego, para o que se vai pór en marcha o programa CAPITA, que vai permitir sumar ao sistema de I+D+i a máis de 10.000 empresas nos próximos catro anos.

O cuarto ámbito de actuación está na creación de novas infraestruturas para producir. Nisto Quintana non se referiu só ás infraestruturas de comunicación, senón ás infraestruturas tecnolóxicas e á dotación de solo para o desenvolvemento industrial do país. Neste ámbito a prioridade do BNG pasa por intensificar as actuacións iniciadas no Plan Estratéxico de Sociedade da Información para lograr que na vindeira lexislatura o 100% do rural galego teña acceso a Internet de banda ampla. O BNG fíxase como obxectivo ademais, para os próximos catro anos, poñer no mercado unha bolsa de 36 millóns de metros cadrados de solo empresarial, industrial e multifuncional, coas mellores dotacións en accesos e servizos, e consolidar a Rede de Parques Científicos e Tecnolóxicos para fomentar a creación de empresas intensivas en innovación.

Os plans de apoio aos sectores industriais estratéxicos da economía galega supón outro ámbito de actuación, para o que se está impulsando unha dobre estratexia de traballo. Por unha banda, intensificando o plan de apoio a sectores como o da automoción e a industria auxiliar,e por outro, impulsando o potencial de sectores con capacidade de expansión no actual contexto de crise como é o naval. Neste ámbito, dende o BNG, considérase prioritario rematar co veto á construción civil de buques no asteleiro de Fene, “unha limitación inxustificable que impide a expansión dunha das nosas industrias con maior capacidade xeradora de emprego”.

O sexto campo de actuación sinalado polo candidato nacionalista consiste en impulsar as capacidades produtivas do rural. Recordou que dende o BNG se aposta por seguir desenvolvendo e completando os grandes proxectos de transformación postos xa en marcha, como o Bantegal ou as Uxfor. Arredor destes instrumentos xa activados, nos próximos catro anos crearanse 23.000 novos postos de traballo, e para profundizar no relanzamento produtivo das comarcas rurais do país, dende o BNG promoverase a creación dun gran grupo lácteo galego.

Garantir o control público sobre as infraestruturas de comunicación estratéxicas de Galiza é outro dos ámbitos de acción estratéxicos para o Bloque Nacionalista Galego. Neste punto Quintana puxo como exemplo a autopista AP-9, pola que o BNG aposta decididamente polo seu rescate para asegurar o seu control público. Asegurou que é posible recuperar a AP-9 para o control público, xa que, sen ter capacidade para decidir sobre a que é a columna vertebral das comunicacións de Galiza, resulta imposible deseñar unha política integrada de mobilidade e transporte como unha ferramenta imprescindible para o artellamento territorial do país e como un elemento clave para o noso desenvolvemento económico.

Intensificar a política social de vivenda é outro dos eixos de actuación clave para o BNG, un eixo xa impulsado ao longo desta lexislatura. Con todo, Quintana asegurou que o obxectivo agora é levar a vivenda a prezo taxado a un maior número de capas sociais e a todos os concellos do país. Grazas ao Plan Sectorial de Solo Residencial beneficiarase a 45.000 familias, converténdose ademais nun revulsivo dinamizador para as pequenas e medianas empresas do sector da construción e no garante do mantemento de 300.000 postos de traballo.

O noveno ámbito de actuación para o BNG será o de poñer os recursos enerxéticos ao servizo da nosa economía produtiva. Como primeiro obxectivo dos nacionalistas neste eido, tal e como expuxo Quintana, foi o de que Galiza tivese a capacidade de decidir sobre a explotación enerxética do vento, “e Galiza é hoxe dona dos seus recursos enerxéticos”. Lembrou que Galiza é agora a principal beneficiaria da resolución do concurso eólico, tendo participación, a través do Inega, no 14% da propiedade dos 2.290 megavatios repartidos, o que suporá uns 30 millóns de euros ao ano. Asegurou que o compromiso do BNG pasa por seguir aprofundando no desenvolvemento de políticas enerxéticas en beneficio de Galiza, co obxectivo de que, en 2012, o 95% do noso consumo eléctrico proveña de fontes renovables.

O derradeiro ámbito de actuación para os nacionalistas pasa por estender o Sistema Galego do Benestar e as políticas de igualdade. O BNG vai seguir traballando en novos obxectivos e novas horizontes para as políticas de igualdade e de benestar e por iso, na vindeira lexislatura, vanse crear 10.000 novas prazas de educación infantil de 0 a 3 anos e 12.000 novas prazas na rede de centros de día. Son dúas iniciativas coas que, ata 2013, se prevén crear 5.000 novos empregos ao redor de servizos para a igualdade, o benestar e a mellora da calidade de vida de todos os galegos e galegas.

Sinais de identidade

O lider nacionalista incidíu en que “a defensa da nosa identidade forma parte central do noso proxecto” e quixo afirmar de xeito rotundo que está “doído polos ataques que por parte de unha minoría recebe o sinal máis senlleiro da nosa identidade que é o noso idioma”.

“Hai milleiros de nenos en Galiza que non saben falar galego”, dixo, “e iso é un problema”, continuou, “non poden pretender dividir a este pobo. Queremos un país normal, que funcione en democracia, por iso queremos profundizar no proceso iniciado co que rompimos unha tendencia profundamente nociva que consistía en que as decisións importantes do país non se tomaban nas instituicións públicas, senón en ámbitos empresariais e mediáticos. Iso, co BNG, acabouse. Asumimos as nosas responsabilidades. Ésa é a democracia que a xente quere”.

Lingua

Neste sentido, Quintana incidíu tamén na necesidade de que haxa debates, “porque é o normal en democracia. O PP faille un fraco favor á democracia cando pon pegas todos os días para non ir aos debates, porque son un dereito dos cidadáns e temos que cumprir coa nosa obriga”.

Anxo Quintana lembrou tamén que, ao se negar a acudir ao debate, Feijóo está a facer “o que fixo Fraga hai catro anos. Os medios de comunicación fixéronse eco dunha foto na que eu esperaba polo candidato do PP que non acudíu”.

Novo Estatuto

Finalmente, o cartel nacionalista fixouse como reto ineludíbel da lexislatura un Novo Estatuto de Nación “que debe ser unha carta de dereitos e deberes e que permite que Galiza ocupe o lugar institucional que lle corresponde. É unha reivindicación pragmática”, explicou, polo que se fixou como obxectivo que nos seis primeiros meses de lexislatura se aprobe no Parlamento.

“Os movementos progresistas son moi dados a reclamar moito e valorar pouco o feito”, explicou, “por iso estamos acostumados a celebrar derrotas”, continuou, “pero eu quero celebrar victorias”.