VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- A Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade pon en marcha a terceira edición do programa Naturalmente Galiza, unha iniciativa para que mozos e mozas coñezan as distintas comarcas e zonas de Galiza a través de rutas e actividades de fin de semana. Ofértanse 1.560 prazas ás que poderán aspirar mozos e mozas de entre 18 e 35 anos a partir do vindeiro día 16 de febreiro, data na que se abre o período de preinscricións no teléfono 881 999520.
O programa consiste en saídas de fin de semana que inclúen, entre outras alternativas, rutas de sendeirismo, rutas en kaiak, en bicicleta, rutas a cabalo, actividades de interpretación do entorno, tiro con arco ou actividades de espeleoloxía. Trátase dun programa que combina as actividades lúdicas e de lecer con aquelas outras máis formativas, de sensibilización e de creación de valores entre a mocidade. É unha iniciativa de interese ambiental, para promover o coidado do contorno e o contacto coa natureza, coa que se pretende ademais fomentar o coñecemento do patrimonio natural, arqueolóxico e etnográfico galego.
Rutas
Naturalmente Galiza inclúe 18 rutas diferentes para as fins de semana, nas que se pode participar en varias quendas a celebrar entre o 13 de marzo e o 14 de xuño. Inclúense rutas tanto polas zonas de interior coma polas zonas costeiras, dende a comarca da Mariña ata a terra de Trives ou dende o Barbanza ata a Ribeira Sacra.
Poden participar ata un tope de 22 persoas por quenda e ruta, agás na Ruta do Ouro, de espeleoloxía, onde o número máximo de participantes por quenda é de 16. Deste xeito, nas actividades incluídas neste programa poden participar ata 1.560 mozos e mozas, máis cá na edición do ano pasado.
A cota de inscrición para participar en Naturalmente Galiza é de 50 euros, cun desconto do 25% para os titulares do Carné Xove. O prezo inclúe aloxamento en pensión completa, actividades con monitores-guía e seguro de accidentes. Non se inclúe o desprazamento ata o punto de partido, que correrá a cargo de cada participante. Os interesados en participar nesta actividade poderán efectuar a preinscrición, ata cubrir prazas, chamando ao teléfono 881 999520.
Todas as rutas e a información pode consultarse na páxina web www.naturalmentegaliza.com.