VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, congratulouse hoxe ante o compromiso anunciado polo Goberno de España da ampliación da AP-9 na circunvalación de Santiago. A vicepresidenta do Goberno, María Teresa Fernández de la Vega, avanzou esta mañá en Redondela que o Executivo español asumirá “integramente o custo da ampliación da circunvalación de Santiago, 88 millóns de euros”, que ademais destinará 30 millóns de euros “para iniciar os traballos de ampliación da AP-9 no acceso á Coruña e na Ponte de Rande”.
“É un proxecto polo que traballei cada minuto da miña vida como presidente”, asegurou Emilio Pérez Touriño, quen recoñeceu o esforzo do Goberno de España por facer realidade este compromiso. Resaltou que “alí onde a AP-9 é unha circunvalación, e por tanto é competencia exclusiva do Estado, o Goberno asume o cento por cento da ampliación”. Por outro lado, indicou que nos casos que non é así, como na ponte de Rande e no acceso á Coruña, “recibimos a gran noticia do compromiso do Goberno de impulsar a ampliación adiantando financiamento e recursos”.
O xefe do Goberno galego destacou a importancia para Galicia da ampliación dunha “columna vertebral” que, segundo dixo, “quedara pequena e estreita” e contrapuxo esta actuación coas levadas a cabo polo Goberno do PP que ampliou a concesión da peaxe ata o ano 2048 “sen explicación” e despois privatizou “o principal patrimonio público deste país”.
Un cambio sen precedentes no impulso do AVE galego
O presidente da Xunta e a vicepresidenta do Goberno de España asistiron hoxe ao inicio dos traballos da tuneladora das Maceiras, unha obra que canaliza a entrada en Vigo do tren de alta velocidade. Nese acto o titular do Executivo autonómico puxo en valor o compromiso do Goberno de España co desenvolvemento da alta velocidade ferroviaria en Galicia e indicou que o actual Goberno español multiplicou por cen o investimento do AVE en Galicia. Así, Touriño resaltou que en abril do ano 2004 tan só estaban executados 6 millóns de euros do AVE galego, mentres que hoxe están executados e execución máis de 700 millóns de euros, ao tempo que se multiplicou por cinco o ritmo de execución do investimento que cualificou como “un cambio sen precedentes”.
Pérez Touriño afirmou que cando asumiu o Goberno da Xunta Galicia padecía “unha discriminación histórica negativa” e recibía do Estado menos do que lle correspondía polo seu peso poboación e económico e un 20% menos que a media española. Agora, indicou, existen un Goberno de España e un goberno galego que mudaron esa situación, de xeito que a Comunidade Autónoma recibe un 30% máis que a media do Estado, por riba da súa achega ao PIB e da súa poboación.
Emilio pérez Touriño cualificou de “esforzo de cohesión e solidariedade sen precedentes” o compromiso do Goberno de España con Galicia, levando a cabo proxectos que permiten constatar que “outra Galicia é posible”. Así sinalou que o AVE que conectará Galicia coa meseta e que percorrerá o seu litoral “é un soño que marca, sinala e debuxa unha Galicia diferente”.
O presidente afirmou que “nada será igual cando, nun horizonte que tocamos xa coa man” o tren de alta velocidade conecte as principais áreas urbanas de Galicia con España e Europa. Ademais destacou a importancia do papel que xogará Galicia no arco atlántico, subliñando o esforzo realizado polos Goberno de España e Portugal para impulsar a conexión entre Vigo - Porto por AVE.
Touriño remarcou que entrada en servizo do tren de alta velocidade en Galicia en 2012 suporá a creación dunha necesaria “masa crítica de comunicación, actividade e enerxía co AVE como columna vertebral”. Nesa liña, insistiu en que “estamos asistindo á maior transformación da historia de Galicia” e apelou á “en tempos de crise e incertidume confiar na forza inmensa deste país”.
Entrada do AVE en Vigo
O presidente da Xunta como a vicepresidenta do Goberno de España coincidiron en sinalar a relevancia das obras do túnel das Maceiras, nas que se emprega unha tuneladora con “tecnoloxía de vangarda”, resaltou Touriño, que permitirá rematar os traballos en 18 meses. O titular da Xunta subliñou que este túnel representa o enganche fundamental entre a conexión de Vigo coa Meseta e do eixo atlántico de alta velocidade e a súa conexión co Norte de Portugal.
Ademais, Pérez Touriño indicou que este túnel se complementará con outro que canalizará a saída sur de Vigo cara á Tui e Portugal, conformando un proxecto que evita o desgarramento do tecido urbano da cidade olívica mediante o uso de vías soterradas.
Pola súa banda, Fernández de la Vega resaltou que o eixe atlántico de alta velocidade permitirá reducir a menos dunha hora o tempo de viaxe entre Vigo e A Coruña, actualmente de dúas horas e media, e a 40 minutos a conexión entre Santiago e Vigo, que hoxe supón 90 minutos. “O Goberno de España está plenamente comprometido coa mellora da mobilidade desta terra”, afirmou a vicepresidenta, quen insistiu no compromiso de ofrecer “un transporte rápido e de alta capacidade entre os centros das principais cidades da costa atlántica galega”.