10 febrero 2009

Enésima promesa de Touriño sobre la Cidade do Mar. en Vigo

VIGO (MORRAZO-tribuna).- O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, destacou hoxe que a Cidade do Mar consolidará a Galicia como “referencia internacional na investigación mariña” e permitirá recuperar para o disfrute cidadán unha das áreas de máis calidade de Vigo. O titular do Goberno galego presidiu esta tarde en Vigo a sinatura do convenio de cesión dos espazos da antiga ETEA á Xunta de Galicia e ao Concello de Vigo para a construción da Cidade do Mar e o acto Cidade do Mar: un espazo público para a ciencia, un espazo de excelencia para a cidade, no que tamén participaron o secretario de Estado de Investigación do Ministerio de Ciencia e Innovación, Carlos Martínez Alonso; a conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, María José Caride; a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón; a conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos, Carmen Gallego, a presidenta do Parlamento de Galicia, Dolores Villarino, o delegado do Goberno en Galicia, Manuel Ameijeiras, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, entre outros.

Durante a súa intervención, o titular do Goberno galego incidiu en que o proxecto da Cidade do Mar, que contará cun investimento público de máis de 130 millóns de euros, cumpre dous obxectivos fundamentais: por un lado, o de recuperar plenamente para o uso e disfrute dos cidadáns unha das áreas de maior calidade na cidade de Vigo, nun proceso de construír espazos e dotar aos cidadáns de servizos de calidade para o disfrute do ocio, do deporte e da convivencia; e por outro, o de desenvolver un proxecto de excelencia científica que, en palabras de Touriño, “nos colocará na vangarda da investigación mariña”.

O presidente galego lembrou que innovación e cidade son dous conceptos que se deben asociar á excelencia e ao liderado público como pancas de desenvolvemento económico e de cambio social para Galicia, e avanzou que a Cidade do Mar se erixirá nun “espazo público para a ciencia e un espazo de excelencia para a cidade de Vigo”.

Recuperación dos espazos da ETEA
Na súa intervención, o presidente galego remarcou que hoxe se fai realidade “o soño de converter as instalacións da antiga ETEA nun dos máis atractivos espazos cidadáns para Vigo e tamén no asentamento dun espazo privilexiado de colaboración científica apuntalando a fértil actividade que Galicia ten que desenvolver en torno á economía do coñecemento”.

“Imos ter un campus científico no que se fagan efectivas as potencialidades de institucións e as aspiracións de homes e mulleres da investigación, para ir aínda máis aló nesta relación de séculos que Galicia e os galegos mantemos co mar”, aseverou Pérez Touriño, remarcando que a Cidade do Mar debe ser competente “para acometer os retos que hoxe formula a xestión do coñecemento máis competitivo e a aplicación económica das novas tecnoloxías que revolucionarán os sistemas de xestión dos recursos mariños e a súa explotación sostible e innovadora”.

Espello de grandes complexos científicos
O presidente da Xunta destacou, ademais, que o proxecto da Cidade do Mar se mira “no espello de grandes complexos científicos e tecnolóxicos”, coma o campus de Brest, do IFREMER en Francia; o Nacional Oceanography Centre, en Southampton, Reino Unido; o Institute of Marine Research en Noruega; ou o Woods Hole en Boston- EEUU, complexos todos eles, sinalou, “referentes e de alta competencia, onde a cooperación institucional e a concentración de capacidades en torno á investigación mariña, teñen xerado un tecido empresarial e un marco social, que achega importantes valores e vantaxes competitivas para o seu contorno”.

“E é precisamente neste escenario onde debemos enmarcar a iniciativa da Cidade do Mar”, proseguiu, destacando “o desenvolvemento dun Campus científico e tecnolóxico que consolide Galicia como un actor protagonista no espazo global da investigación mariña, converténdoa nunha referencia internacional”.

Cinco infraestruturas de referencia
Segundo explicou o presidente, este Campus científico e tecnolóxico ocupará a posición central da Cidade do Mar e acollerá cinco infraestruturas “de referencia”.

A Unidade de Tecnoloxía Oceanográfica, establecida como unha das grandes infraestruturas do mapa español de infraestruturas científicas; unha gran plataforma de servizos que actuará como soporte da flota española de buques oceanográficos e innovará tecnoloxicamente no seu equipamento e instrumentación. O Centro Atlántico de Investigacións Mariñas, concibido como un centro de investigación de excelencia interdisciplinar, que integrará as capacidades científicas máis competitivas no ámbito I+D, integrando os recursos do Centro Superior de Investigacións Científicas, das Universidades Galegas e do Instituto Español de Oceanografía.

A Unidade Técnica de Innovación na Xestión de Recursos Mariños, coordinada pola Consellería de Pesca, e destinada ao deseño e asesoramento de proxectos e actuacións innovadoras, integrando novas Divisións Técnicas de Avaliación de Recursos Mariños Renovables; de Acuicultura; de Análises Económicos e de Mercados da Pesca; e de Loita contra a Contaminación Mariña. O Centro de Xestión de Tecnoloxía e Innovación Empresarial, onde terán cabida os obxectivos e iniciativas empresariais, promovendo un novo tecido económico e produtivo baseado na tecnoloxía mariña. E o Centro de Posgrao e Divulgación, encargado de dinamizar a formación máis especializada en ciencia e tecnoloxía mariñas, e promover a proxección e divulgación pública do valor social do mar e da súa investigación. Cinco infraestruturas que, en palabras do presidente galego, nos deben permitir integrar “máis de 300 investigadores”.

Para a súa materialización, a Xunta de Galicia estableceu unha alianza estratéxica co Ministerio de Ciencia e Innovación, co Consejo Superior de Investigaciones Científicas, co Instituto Español de Oceanografía e coas universidades de Galicia, facendo da Cidade do Mar un proxecto “clave” para o progreso de Galicia e do Estado, a través da súa plena incorporación á economía do coñecemento.

O Campus científico, unha peza continua da cidade
O proxecto urbanístico que desenvolverá a Cidade do Mar fundaméntase en dúas premisas básicas: por un lado, a dimensión pública da intervención, abrindo ao uso cidadán este espazo de excelencia e as súas instalacións deportivas; e, por outro, a integración urbana do Campus Científico–Tecnolóxico, constituíndo unha peza continua coa cidade.

“Acompañaremos, polo tanto, a excelencia científica da Cidade do Mar coa busca da excelencia urbana, ambiental e paisaxística, facendo que actúe como elemento dinamizador para a cidade”, engadiu Touriño ao respecto. Deste xeito, Vigo mellorará coa incorporación de novos espazos de ocio e uso cidadán que resultan da apertura das instalacións da ETEA e da provisión de novas zonas verdes, lugares de esparcimento e o desenvolvemento dunha mariña.

Os primeiros 30 millóns de euros materializados
Neste punto, o máximo mandatario autonómico referiuse a outra actuación que considerou “clave” para o desenvolvemento urbano de Vigo: o túnel de Xulián Estévez (o túnel de Guixar). De feito, durante o acto, o alcalde de Vigo e a conselleira de Política Territorial asinaron un convenio de colaboración polo que se garante a súa execución, por resultar unha infraestrutura necesaria para optimizar a mobilidade e accesibilidade no entorno da Cidade do Mar, e porque contribuirá de xeito decisivo á mellora urbana desta area da cidade, permitindo gañar novos espazos para a convivencia cidadá.

A este respecto, Pérez Touriño indicou que dos 130 millóns de investimento público que suporá a Cidade do Mar, 30 millóns xa se materializan hoxe, coa achega de 18,5 millóns de euros que a Xunta vai investir na recuperación do espazo da ETEA e cos outros 12,6 millóns que destinará á construción do túnel de Xulián Estévez.

Plan sectorial e o decreto de urxente ocupación para o Novo Hospital de Vigo
“O Goberno que presido ten feito, desde o primeiro momento, unha aposta decidida por contribuír a manter e impulsar o carácter dinámico e emprendedor da cidade de Vigo”, engadiu o máximo mandatario autonómico poñendo como exemplo destas actuacións a liberación da peaxe de Rande, a creación de novo solo industrial ou a construción do auditorio. Destacou, ademais, a “avanzada planificación” doutras infraestruturas viarias e anunciou que o Consello da Xunta deste xoves, 12 de febreiro, aprobará o Plan sectorial e o decreto de urxente ocupación dos terreos para o Novo Hospital de Vigo.