10 febrero 2009

O SISTEMA GALEGO DE BENESTAR INCORPORA UNHA NOVA RESIDENCIA DE MAIORES DE SOGASERSO EN CANGAS

CANGAS (MORRAZO-tribuna).- O Comité Executivo da Sociedade Galega de Servizos Sociais (Sogaserso), que a Vicepresidencia da Xunta de Galicia ten constituída coas dúas caixas de aforros galegas, deu luz verde á adquisición do Centro de Atención Xerontolóxica que está en fase final de construción na parroquia de Aldán, no Concello de Cangas. A secretaria xeral do Benestar, María Xesús Lago, o director xeral de Acción Social, Bieito Seara, e o director xeral de Sogaserso, Andrés Mazaira, visitaron hoxe as instalacións, xunto con outros cargos institucionais da comarca.

O centro intégrase así no Sistema Galego de Benestar que está a consolidar a Vicepresidencia da Xunta, e súmase á rede de residencias de maiores que xa xestiona Sogaserso en Bande e Chantada, ás de eminente apertura en Monforte e Vimianzo, e ás residencias que se están a construír en Viveiro e Ourense, que entrarán en funcionamento no segundo semestre de 2009. Con estas actuacións, a Sociedade Galega de Servizos Sociais está a crear máis de 1.000 prazas de atención residencial e outras 250 de atención diúrna dentro do Sistema Galego de Benestar.

O novo centro de Cangas ten unha superficie construída de 5.792 metros cadrados, nunha parcela de 12.000 metros cadrados. No edificio intégrase unha estrutura de carácter residencial permanente cun espazo diferenciado de centro de día, o que permitirá a creación de 150 prazas para persoas maiores en situación de dependencia que precisen de réxime de estadía permanente, e de 50 prazas de centro de día. Con esta dobre oferta trátase de dar a resposta máis acaída ás necesidades das persoas maiores e as súas familias, mediante a prestación de atención especializada sociosanitaria a persoas en situación de dependencia.

A nova residencia, que comezará a funcionar no segundo trimestre deste ano, dará cobertura a toda a comarca do Morrazo e aos ámbitos territoriais limítrofes e permitirá a creación de arredor de 90 postos de traballo.